GLOBAL

As eleccións vistas desde a diáspora

O censo de residentes ausentes medrou un 18% desde o 2009 e representa xa o 17% do electorado total. Mais a reforma da Lei Electoral e a desafección que está a sufrir a clase política por parte do cidadán fixeron que só catro de cada cen “residentes ausentes” solicitara o voto rogado.

A sala de espera para entrar na oficina de atención a residentes europeos da Commune de Saint-Gilles estaba ateigada de xente. Unhas trinta persoas nun habitáculo con escasos asentos para acomodarse conversaban en diferentes idiomas. Cinco delas, polo menos cinco, tiñan nacionalidade española, e ningunha chegaba aos 30 anos. Estamos en Bruxelas, nunha fría mañá de finais de setembro.

Con menos dun millón e medio de habitantes, a capital europea recibiu desde finais dos anos cincuenta e ata mediados dos setenta un importante número de inmigrantes españois dos que, sen ser a maioría, os galegos representaban unha porcentaxe importante. Non todos se concentraron na capital; moitos foron parar ás cidades máis industriais de Valonia, cando as minas de carbón eran o negocio en alza da economía belga. Outros tiraron cara a flamenca e neerlandófona Amberes, deixando en Bruxelas o punto de encontro coas comunidades galegas. Algúns regresaron e non poucos volveron deixando alí a súa descendencia: fillos e netos con nacionalidade española e orixes galegas que manteñen o vínculo coa terra da forma que lles é permitida.

Centro Galego de Bruxelas

Antonio Piñeiro e a súa muller Pilar Vázquez son unha deses centos de familias que deixaron o país nesa época. Despois dunha tampada en Éibar, chegaron a Bruxelas en 1967 e aquí seguen, 45 anos despois. A relación política con Galicia e con España non foi simple nin fácil en todo este tempo, pero se cadra complicouse aínda máis nos últimos anos, non só pola reforma da Lei Electoral Xeral no 2011, senón tamén pola propia configuración social dos emigrantes: “Cada vez estamos máis desperdigados”, aseguran. “Antes, estando inscritos no censo de residentes ausentes, mandábannos a documentación para votar, pero agora somos nós os que temos que escribir para que nos manden os papeis”, comenta Antonio disgustado, pero non é esa restrición política o que máis os incomoda, senón a falta de información, de preocupación, porque, como di Pilar, “á emigración tivérona sempre de lado”. “Nos anos setenta e ata mediados dos oitenta —conta Antonio—, os emigrantes estabamos aquí axudados por nós mesmos, creando asociacións; se había algún problema, manifestabámonos; agora estamos tan dispersos, que nos falta a comunicación”. Sen ordenador nin conexión a Internet, xa ninguén se preocupa de mantelos ao día do que acontece no país; mesmo para Antonio, que é presidente de honor do Partido Popular en Bélxica, non hai chamadas telefónicas. Non é rendible, “queriamos traer xente para falar, pero entón o partido miraba cantos afiliados tiñan en Bélxica e pensaban que era mellor ir a Arxentina ou a outro país latinoamericano antes que a Bruxelas”.

O partido miraba cantos afiliados tiñan en Bélxica e pensaban que era mellor ir a Arxentina

Arxentina é o Estado con máis galegos rexistrados no censo de residentes ausentes: máis de 140 mil dos case 400 mil galegos da diáspora residen no país andino. Así, é de entender que os pouco máis de 2000 que moran en Bélxica representen case nada para os intereses políticos.

A política vívese con máis intensidade no país, pero pódese incrementar, por efecto da morriña, o interese por ela desde a diáspora

Os rapaces que facían cola na oficina de Saint-Gilles pertencen a outra xeración e chegaron movidos por outras inquedanzas. Tal vez precisen pasar un tempo fóra por cuestións laborais ou persoais, pero o vínculo coa terra mantense de forma moito máis directa.

Maikel Doespiritosanto

Maikel Doespiritosanto (Soutochao, Vilardevós, 1987) é un deses mozos que marchou fóra coa necesidade de traballar, pero tamén coa ansia de coñecer. Desde Belfast, non pode negar o cambio de perspectiva nin a desfección que os quilómetros impoñen, pero conta coa vantaxe que as novas tecnoloxías outorgan aos mozos de agora fronte ás escasas posibilidades de comunicación que tiñan os de antes. “O estar fóra da terra inevitablemente implica un maior distanciamento do panorama político, se ben trato sempre de estar ao día da actualidade política a través da prensa e do contacto directo coa miña familia e amizades”, comenta, e engade que nesta conxuntura excepcional o que máis o preocupa é “a situación derivada da crise económica e o futuro político do país”.

Gonzalo García (Noia, 1984), marchou a Londres deixando un traballo en Galicia; máis que necesidade, o seu foi un desexo de cambiar de vida. Porén, como fillo de emigrantes galegos en Suíza, coñece de primeira man os sentimentos que produce a realidade do país na xente que vive na diáspora. “Por lóxica —opina—, a política vívese con máis intensidade no país. O que si pode acontecer é que se incremente, por efecto da morriña, o interese por ela desde a diáspora”; pero cre tamén que depende máis da persoa que da súa situación persoal: “Dende alleos á política na terra, que se voltan militantes no estranxeiro, ata militantes na terra, que se desvinculan por completo da política no estranxeiro”, o abano de posibilidades é amplo.

A visión da terra

A visión que estes mozos teñen da terra da que acaban de saír difire bastante da que teñen emigrantes como Antonio e Pilar, que viron desde a distancia a transformación social e política de Galicia. “A impresión é que Galicia cambiou moito e que os que quedaron alí axudaron moito a levantala —comenta Antonio—, pero tamén o emigrante axudou moito”. Mais os netos da xeración de Antonio e Pilar, que teñen máis ou menos a idade de Maikel e Gonzalo, non ven ese progreso da mesma forma. Maikel traballa con mozos entre os 20 e os 30 anos que chegan a Irlanda cunha bolsa de traballo outorgada polo programa Leonardo DaVinci. “A meirande parte deles deixan o país cansos da situación de crise e desemprego e dispostos a asentar no estranxeiro na procura dun futuro mellor, acorde coa súa preparación académica —apunta—. Esta é quizas a maior diferenza con respecto á emigración de hai 50 anos. A nova xeración de emigrados caracterízase por unha elevada formación educativa e, consecuentemente, unha maior conciencia e compromiso políticos”.

O dereito ao voto

Ter unha propiedade nun concello debería ser un bo argumento para conservar o dereito ao voto

A pesar de que se manteña o interese, os dereitos políticos non son xa tan doados de exercer; por un lado, a reforma electoral, que esixe o voto en urna, e polo outro, o feito de que as persoas residentes temporalmente no exterior, como Maikel, teñen que solicitar un certificado na embaixada ou nun consulado español no país no que residen.

Este ano, malia o aumento do censo de residentes ausentes (CERA) en máis dun 18%, só catro de cada cen destas persoas solicitaron o voto.

Con todo, e malia o distanciamento que supón vivir no exterior, para o que reside fóra a posibilidade de exercer o dereito ao voto é algo indiscutible. “Os galegos que quedaron na terra axudaron moito a levantala —afirma Antonio—, pero o emigrante tamén axudou. Temos casas alí, tiñamos ilusión por conseguir algo. A emigración fixo moito polo país e por iso non renunciamos aos nosos dereitos como cidadáns e como galegos”. É unha opinión que secundan Gonzalo e Maikel, malia a diferente perspectiva xeracional. En tanto que fillo de emigrantes, Gonzalo comenta o enfado da súa nai cando se anunciou a reforma electoral e di que “ter unha propiedade nun concello debería ser un bo argumento para conservar o dereito ao voto”. “O grao de implicación política dun cidadán no estranxeiro pode ser maior do que moita xente supón —prosegue—; alén da información que poida recibir a nivel estatal e autonómico, pode tamén estar en coñecemento suficiente do que acontece no seu concello como para decidir. Supoño que entramos na dificultade común de lexislar para todos por igual, o que trunca dereitos a miúdo”. Na mesma liña, Maikel considera que as novas xeracións deberían conservar o dereito ao voto xa que “a conexión coa terra é moito maior”.

O retorno

Falar de conexión coa terra é falar en moitos casos de retorno. As causas que moven e moveron a uns e a outros a marchar son diversas a pesar do fío en común que poidan ter, mais no horizonte, a curto, medio ou longo prazo, case todos contemplan ou contemplaron a posibilidade de regresar.

A Xunta de Feijoo reduciu no 2010 un 50% da partida presupostaria destinada a emigración

Pola contra, en tanto Maikel e Gonzalo esperan a que amainen as augas da crise, emigrantes como Antonio lamentan que as institucións non puxesen máis chanzos no seu camiño de retorno. “A filla que temos en Galicia, cando volveu sentiuse como unha estranxeira. Por exemplo, tivo dificultades para encontrar traballo porque non tiña a equivalencia do título”, explica.

Emigrantes galegos en Bos Aires

Silvio Falcón, galego residente en Catalunya desde a infancia, foi un dos asistentes ao Congreso Europeo da Xuventude Galega que tivo lugar en Nuremberg no 2010. Entre as propostas aprobadas no grupo de traballo para favorecer o retorno encóntrase a necesidade de crear “oficinas de traballo e xuventude nos centros galegos” ou a esixencia de saber galego “para poder acceder aos postos da administración pública”, dous aspectos que poderían favorecer o regreso de aqueles que o demanden.

Falcón critica pola contra que para a Xunta o importante non é facilitar o retorno senón “deixar a porta aberta”. “Todo este plan estratéxico (o Plan Integral de Emigración 2011-2013 dependente da Secretaría Xeral de Emigración) é unha declaración de intencións que non leva a ningures —afirma Falcón—. Non foi prioridade xerar debate ao redor destes temas porque o dereito ao voto sempre eclipsa todos os demais”, e conclúe dicindo que “en realidade, levar a cabo o Plan Estratéxico require recursos que nunca foron outorgados á Secretaría Xeral de Emigración no goberno Feijóo”. Precisamente, nestes tempos de austeridade, o ámbito da emigración foi un dos que máis recortes sufriu ano tras ano, reducíndose a partida presupostaria no primeiro ano de mandato dos populares un 50%.

Entretanto, como ven o panorama político tras o 21-O?

Nas entrevistas realizadas para esta reportaxe, que se fixeron antes das eleccións, as persoas consultadas deron a súa opinión sobre o panorama político que esperaban encontrar despois do 21-O. Gonzalo, que regresou temporalmente a Galicia hai tres meses, destacaba que o fundamental sería “a moi escasa participación debido ao malestar da cidadanía coa mala xestión dos políticos e ao descrédito adquirido”. Maikel mencionaba a “importancia” das eleccións pola “excepcionalidade das circunstancias” e pola “fragmentación das forzas de esquerda e do nacionalismo”, e falaba do cambio “significativo” que ía supoñer a entrada na cámara de Alternativa Galega de Esquerdas, “cunha ampla representación en número de deputados”.

Antonio Piñeiro dicíanos que “se hai cambio, paréceme que pouco mellor vai ser”. Considera que o que problema que hai en Galicia é que “en vez de traballar polo futuro dos nosos fillos, traballamos a darnos patadas” e, á fin e ao cabo, “Galicia non é tan grande como para que a gobernen moitos”.

Irene Quintela

Xornalista
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011