GLOBAL

O labirinto paquistaní

O pasado 28 de maio apareceu nos medios de Occidente a noticia de que unha asemblea tribal de Paquistán condenou á morte a catro mulleres e dous homes por bailar xuntos nunha voda, contravindo o que localmente se entende por pudor. Un dos asistentes ao evento gravounos cun móbil. O mesmo día, un grupo de asaltantes mataron a tres peregrinos sunnitas no Oeste do país, e o catro membros dunha familia cristiá foron degolados na rexión de Punjab.

Sucesos como estes parecen confirmar a percepción de que Paquistán é un estado errado ou vai camiño de selo, tal e como defenderon congresistas norteamericanos, xornalistas paquistanís ou a revista Foreign Policy. Un país desgarrado pola violencia sectaria onde milicianos barbudos que empuñan o Corán e o kalashnikov ameazan con facerse coas armas nucleares do país. Pero a realidade, coma sempre, é máis complexa.

O trauma como fundación nacional

Paquistán emerxeu, como nación, dun xenocidio. Cando a India e Paquistán saíron da dominación británica, nos anos 40, as posesións do Imperio dividíronse entre as rexións de maioría musulmá, Paquistán, e hindú, a India. Como ambas as poboacións non estaban distribuídas de forma perfecta, foron obxecto de persecución naqueles lugares onde eran minoría. Por ambas as partes houbo actos de violencia, que se cobraron centenares de miles de vidas: os cálculos van desde as 360.000 mortes ao millón e medio, sen contar numerosos casos de violación, ataques físicos sen chegar á morte, destrución da propiedade. Uns catorce millóns de persoas abandonaron os seus fogares tradicionais. Como se pode supor, este episodio de violencia profundou a división entre musulmáns e hindús.

Pakistán é de maioría musulmá e India, hindú

O novo país compúñase de Paquistán occidental e oriental, de maioría musulmá, separados entre si por mil cincocentos quilómetros de territorio indio, un país hostil. A situación non podía perpetuarse, e o leste independizouse para converterse en Bangladesh tras outra guerra sanguenta que, segundo as autoridades do novo país, cobrouse tres millóns de vidas.

O legado desta traumática fundación foi un conflito constante coa India que cristalizou en catro guerras e unha serie de conflitos menores ao redor da provincia en disputa de Caxemira, que ambos os bandos reclaman para si. A inimizade empuxou a ambos os países a converterse en potencias nucleares. Como dixo o primeiro ministro Zulfikar Ali Bhutto nos 60, “se a India constrúe a bomba, nós comeremos herba e follas por mil anos, pasaremos fame, pero tamén construiremos unha”. A frase exemplifica á perfección como o conflito moldeou a mentalidade dos sucesivos gobernos paquistanís.

O problema reside en que, ademais da oposición á India e a relixión, pouco unía ao novo país, que foi composto ad hoc polas conquistas británicas. Nel fálanse máis de sesenta linguas, e o urdu, a lingua nacional, tan só é a primeira lingua do 8% da poboación. As fronteiras do Estado comprenden varias etnias con características moi diferentes. E en dúas rexións, o Estado paquistaní é cuestionado, cando non rexeitado de maneira violenta.

A lei dos talibán

Ao longo da fronteira con Afganistán esténdense as Rexións Tribais do Noroeste, habitadas polas mesmas tribos pastunes que son maioría no país veciño. Trátase de rexións montañosas, con malas comunicacións, maioritariamente rurais e que sofren unha escaseza crónica de auga para rega, o que conformou unha economía baseada no pastoreo, o contrabando e o tráfico de opio. Aquí, o analfabetismo alcanza o 78% (o 97% entre as mulleres), máis da metade dos habitantes non teñen acceso a auga potable e apenas hai hospitais.

As rexións tribais teñen un sistema propio de xustiza e un amplo autogoberno

 Os ingleses tentaron colonizar esta rexión, pero a ferocidade dos seus habitantes e o inhóspito do terreo (unidos ao feito de que se trataba de terras tan pobres que non merecía a pena conquistalas do todo), fixéronlles ver que a estratexia máis sinxela era dar prerrogativas aos nobres locais e deixar que se autogobernasen.

En virtude de acordos alcanzados no século XIX cos británicos e que subsisten no Paquistán moderno, as rexións tribais teñen un sistema propio de xustiza e un amplo autogoberno. Os tribunais, incluído o Supremo, non ten xurisdición sobre estas rexións. O código penal do resto do país non se aplica. A xustiza é impartida por consellos tribais e axentes políticos plenipotenciarios en base a un código de leis draconiano: así, segundo afirma a comisión asiática polos dereitos humanos, pódense aplicar castigos legais á familia ou aldea dun delincuente se este escapa á xustiza. Desde 2009, ademais, aplícase a sharia ou xustiza coránica.

O libro "Descenso ao caos" do xornalista Ahmed Rashid

Foi nestas comarcas onde tivo a súa orixe o movemento talibán na década dos 80. Miles de muyahidines, recrutados entre os adolescentes asistentes ás madrasas ou escolas coránicas, os voluntarios de todo o mundo árabe e os refuxiados afgáns que fuxían das tropas soviéticas na súa terra natal, recibiron instrución e armas. O ISI, o servizo secreto paquistaní, actuou como axente no terreo, canalizando os inxentes recursos económicos que fornecían tanto a CIA como os estados do Golfo Pérsico. Segundo explica o xornalista Ahmed Rashid no seu libro Descenso al caos, Paquistán tiña un triplo obxectivo: recrutar combatentes para a guerra de guerrillas de Caxemira, garantirse a axuda económica estadounidense e crear un estado cliente con capital en Cabul. Ademais, nunca deixou de apoiar do todo aos talibán, nin sequera durante a invasión estadounidense, xa que considerou que o goberno de Karzai acabaría caendo para ser substituído por un rexurdido movemento de carácter integrista. Isto explica, en parte, por que destacados membros como Osama bin Laden ou o mulá Omar residiron durante anos en territorio paquistaní.

Pero a creación do ISI enraizou e volveuse contra os seus creadores. Al Qaeda ten no punto de mira tanto aos Estados Unidos como á monarquía saudita, e os talibán paquistanís combaten contra o Goberno desde 2004. O conflito, que tivo auténticas batallas campais como a do val do Swat, custou xa as vidas de máis de tres mil soldados, quizais máis dun milleiro de policías, xerou millóns de desprazados e non ten visos de acabar, a pesar de que case diariamente se suceden ataques terroristas, bombardeos de drones estadounidenses ou combates entre as forzas de seguridade e os insurxentes. Con todo, nada fai presaxiar unha vitoria talibán.

Gas natural e identidade

Con menos cobertura dos medios, Paquistán ten dentro das súas fronteiras outro conflito violento, situado en Baluchistán, a provincia máis occidental do país. A rexión limita con Irán, o rival chiita, e nela atópase o porto de Gwadar, unha peza máis dentro da estratexia paquistaní de apoiarse en China como aliado a longo prazo en substitución dos EEUU, unha manobra tan ambiciosa como fráxil. A pesar de ocupar preto do 44% do territorio de Paquistán, na provincia viven pouco máis de 7 millóns de persoas segundo o censo de 2008, o 5% da poboación total do país.

os baluchis foron integrados á forza polo exército paquistaní durante a unificación nacional

Tradicionalmente guerreiros feroces (a palabra baluch provén, segundo algúns estudosos, dun termo para saqueador ou guerreiro do deserto), os baluchis foron integrados á forza polo exército paquistaní durante a unificación nacional, nos anos 40. Desde entón, ocorreron outro catro conflitos entre forzas guerrilleiras independentistas e os militares paquistanís, a última das cales se iniciou en 2004 e continúa até hoxe. Ás reivindicacións étnicas e nacionalistas únese a percepción dos baluchis de estar a ser estafados polo armazón estatal: a provincia abastece de gas natural barato ao resto do país a prezos moi baixos. As tubaxes de gas son un obxectivo prioritario da insurxencia. Hai importantes depósitos minerais de uranio, petróleo e ouro, pero a súa explotación non repercute na riqueza dos fogares da rexión.

Ademais, a provincia foi ocupada por sucesivas ondas de inmigrantes e refuxiados procedentes de Afganistán, dos que se descoñece o número e que, segundo un ministro paquistaní, foron empregados pola CIA para desestabilizar a rexión. Na actualidade, os baluchis étnicos compoñen menos da metade da poboación da provincia.

Hai quen di que os insurxentes están financiados por estados tradicionalmente inimigos, como India ou Israel. En todo caso, os sucesivos gobernos paquistanís optaron por responder cunha brutal represión, baseándose no traballo de grupos paramilitares. Human Rights Watch denunciou unha campaña de represión contra os nacionalistas baluchis na que centenares de activistas desapareceron e decenas apareceron torturados e asasinados. Dezasete xornalistas foron asasinados este últimos tres anos, e os activistas baluchis afirman que 500 mozos afíns á causa morreron a mans de escuadróns da morte gobernamentais. Segundo a ONU, o número de desaparecidos desde 2005 é de 8.000.

Pola súa banda, os movementos insurxentes baluchis actúan pondo no punto de mira aos máis débiles: os inmigrantes doutras rexións do país, en especial punjabíes. As armas chegan facilmente desde Afganistán e o mercado negro, fornecendo aos guerrilleiros de rifles de asalto, granadas autopropulsadas, explosivos.

Por outra banda, a minoría baluchi en Irán mantén a súa propia insurxencia alén da fronteira. Entre os seus actos máis destacados atópase un atentado contra o líder da República Islámica, Mahmud Ahmadineyad, no que mataron a un dos seus gardacostas. Mentres que en Paquistán as reinvindicacións son de carácter político, os insurrectos de Irán, chamados jundallah (soldados de Deus, en árabe) teñen un cariz marcadamente relixioso, defendendo a súa identidade sunnita.

Corruptos e xenerais

As zonas tribais do noroeste e a provincia de Baluchistán, infestadas por unha violencia endémica, proporcionan a maior parte dos titulares de prensa. Pero son tamén as menos poboadas do país: a inmensa maioría dos paquistanís vive en provincias que non ven afectadas de forma directa pola dobre ameaza dos insurxentes e os militares. Para eles, o auténtico perigo é a inestabilidade na vida política e económica.

O presidente de Paquistán desde 2008, Asif Ali Zardari, é viúvo da ex primeira ministra Benazzir Bhutto, xenro do importante político Zulfikar Ali Bhutto, que ocupou ambos os cargos, e fillo do líder da súa tribo, baluchis asentados na provincia de Sind. O feito de que o seu fillo ocupe a dirección do Partido Popular de Paquistán, como a súa nai e avó antes que el, e que non sexa ningún segredo que aspira a dirixir o país, fai que sexa considerado un elo na dinastía política do clan Bhutto. Lamentablemente para el, este legado non lle deu forza suficiente como para erixirse en líder estable e desde que tomou o poder o seu Goberno viuse marcado pola inestabilidade política.

Sendo xustos, non o tivo fácil. 2008 foi un anno terribilis para as finanzas paquistanís, e desde entón o país non consegue crecer o suficiente como para aumentar a riqueza por habitante. A inflación alcanzou o 25% e mantense en torno ao 16% anual. Co país ao bordo da bancarrota, Zardari tivo que pedir axuda a varios países estranxeiros, e, finalmente, aceptar créditos do FMI. Un terremoto deixou sen casa a 120.000 persoas ese mesmo ano, e, en 2010, Paquistán sufriu as peores inundacións en oito décadas, con 20 millóns de desprazados.

O presidente de Paquistán, Asif Ali Zardari

Así mesmo, o liderado de Zardari vese cuestionado pola súa proximidade para con negocios turbios e tráfico de influencias para conseguir contratos gobernamentais. Converteuse no segundo home máis rico do país mentres a súa esposa era primeira ministra, afrontou cargos xudiciais en diversos países, entre eles España, e estivo no cárcere en dúas ocasións acusado de extorsión e secuestro, a primeira vez, e corrupción, tráfico de influencias e asasinato, a segunda. Puido esquivar varios cargos pola súa inmunidade presidencial, pero a súa loita contra os tribunais prosegue. A súa debilidade persoal marca ao seu propio cargo: foi cedendo poderes presidenciais, e hai mesmo dúbidas sobre a súa saúde mental, posto que foi diagnosticado de demencia, depresión e síndrome postraumática xerados pola súa estancia en prisión.

A debilidade presidencial provocou ruído de sabres por parte dos xenerais paquistanís, que o acusan de apoiarse nos estadounidenses para tentar diminuír o papel do exército. O exército paquistaní é unha institución con maiúsculas: gobernou o país de forma directa en catro ocasiones, tras sucesivos golpes de estado, e o xeneral Musharraf foi presidente até fai tan só catro anos. Entrar nas forzas armadas é unha forma de prosperar nun país no que existen poucas oportunidades para as familias humildes: os oficiais retirados reciben parcelas de terra e ocupan postos na administración civil. Os militares seguen tendo gran cantidade de poder, e, ademais, están máis próximos á ideoloxía islamita que o poder político. A pesar de que algunhas fontes apuntan a que actualmente os xenerais están demasiado ocupados combatendo a insurxencia como para aspirar a dirixir o país, a posibilidade dun novo golpe de estado segue no aire.

O verdadeiro fracaso nacional

Botar unha ollada rápida aos macroindicadores sociais e económicos de Paquistán pode axudar a comprender por que é unha potencia, e que tipo de potencia. Con 170 millóns de habitantes e catro fillos por muller, é o sétimo país por poboación e ten visos de ser o cuarto en 2050. As súas forzas armadas están á altura: máis de 600.000 soldados, medio millón de reservistas, arsenal nuclear. O seu produto interior bruto, en cambio, é de 450 mil millóns de dólares, menos a metade do español, e non crece ao ritmo necesario como para brindar oportunidades económicas á poboación.

Un terzo dos habitantes non teñen acceso á auga potable

Un de cada cinco paquistanís vive con menos dun dólar ao día, e nas rexións rurais os terratenientes actúan practicamente como señores feudais, mentres que un terzo dos habitantes non teñen acceso a auga potable. O propio Goberno recoñece que o país sofre unha crise educativa, e Pakistán destina menos á educación que a subvencionar as liñas aéreas. Uns 25 millóns de nenos non teñen acceso a unha formación en condicións, mentres se multiplican as madrasas ou escolas coránicas.

A auténtica ameaza de que Paquistán se converta nun estado errado non reside tanto en que milicias prol-talibán ocupen os seus principais centros de goberno e empregar as súas armas nucleares contra Occidente ou a India; reside máis nas características dun xigante con pés de barro que, a pesar de ter a bomba atómica, non proporciona sanidade e educación á súa poboación.

 

Avatar of Enrique Carballo

Xornalista

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011