GLOBAL

Libia, a terra das milicias

O 1 de maio de 2012 trascendeu que o Consello Nacional de Transición (CNT) libio, o goberno de facto do país tras a caída de Gadafi, suspendía os pagos aos membros das milicias e brigadas armadas que se constituíron para loitar contra o réxime na guerra civil do pasado ano. O Goberno levaba seis meses abonando 3.200 dólares aos antigos combatentes, pero, medio ano despois de acabada a guerra, moitos loitadores negábanse a abandonar as armas. Os voceiros da CNT criticaron a flamante «corrupción» no subsidio e os abusos sobre a facenda pública. Ademais, os pagos ameazaban con levar á bancarrota ao incipiente Estado.

A resposta non se fixo esperar. Poucos días despois, gran número de vehículos repletos de combatentes armados con fusís e metralladoras pesadas rodearon as oficinas do primeiro ministro interino, Abdel Rahim el-Keeb (que felizmente para el non se atopaba alí). Eran as milicias da cidade de Kikla, nas montañas, que viñan esixir o seu salario. Houbo polo menos catro mortos.

O goberno libio é incapaz de manter o control sobre os grupos armados

O suceso non é un feito illado, senón unha mostra entre tantas da incapacidade do goberno libio para manter o control sobre os grupos armados que apareceron para combater a Gadafi e que, aproveitándose da debilidade gobernamental, campan ás súas anchas. Até o mes de abril, unha milicia ocupaba o aeroporto da capital do país, Trípoli e xornalistas occidentais presenciaron como se organizaban para defendelo contra brigadas rivais que pretendían arrebatarllo. Membros da milicia de Misrata, que controlan sectores da mesma cidade, secuestraron durante varios días a dous membros do Consello Nacional de Transición, e combatentes de Zintan víronse implicados nun tiroteo na sede da CNT tras negarse a pagar unha conta. Estes grupos non foron suprimidos. Sen unhas forzas armadas eficientes, o Goberno só pode tentar aplacalos con boas palabras, diñeiro ou apoio doutros brigadistas.

As pequenas guerras da revolución

Nun país de pouco máis de seis millóns e medio de habitantes, estímase que existen 250.000 combatentes paramilitares, organizados en grupos autónomos ou semiautónomos da autoridade central. O Goberno tenta integralos no exército e a policía libias, pero para entregar as armas piden diñeiro, coches, créditos. Non se someten á vontade da CNT, e, a miúdo, empregan as armas para resolver conflitos tribais ou disputas seculares e manteñen gobernos de facto en diversas localidades.

Grupos armados continúan guerras privadas

Desde a caída de Gadafi, grupos armados continuaron guerras privadas dentro das fronteiras de Libia. En xaneiro, as milicias de Ghayran e Asbia enfrontáronse con artillaría e foguetes. En febreiro, brigadas das tribos bérberes Tobu e Zuwaya empezaron unha guerra aberta que deixou máis de cen mortos. O roubo dun coche desencadeou tiroteos na cidade de Sabha que se saldaron con 147 mortos e o dobre de feridos. Na fronteira con Alxeria, as milicias combaten cos tuareg polos proveitosos pasos do deserto, empregados no tráfico de persoas. Na capital, as milicias da cidade e doutras rexións, sobre todo Misrata e Zintan, controlan barrios e infraestruturas o que dá lugar a disputas esporádicas e protestas civís. O novo exército libio empeza a intervir nalgúns destes casos, pero está lonxe de ter o control do país. Por outra banda, o saqueo dos arsenais militares e o rampante tráfico de armas provocaron unha situación na que, en palabras do ministro Mustafá Abushagur, “case non hai casas en Libia sen unha metralladora” e a maioría dos cidadáns están armados.

O propio líder da CNT, Mustafa Abdul-Jalil, admitiu á cadea Al-Jazeera que o seu goberno non é capaz de arrebatar o control de determinadas infraestruturas e rutas aos milicianos, ou, como lles denominan eufemisticamente as autoridades, «revolucionarios». Trátase dun fenómeno que pon en perigo a viabilidade da celebración duns comicios democráticos, cuestiona a imaxe do Goberno e ampara continuas violacións dos dereitos humanos.

A inestabilidade de Libia ten tamén repercusións nos países veciños. A falta de control sobre as fronteiras provocou un auxe do contrabando e tráfico de persoas. As autoridades alxerinas detiveron a un grupo de milicianos armados ligados a Al Qaeda cando tentaban cruzar a fronteira con Libia. Grupos de milicianos enfrontáronse cos axentes de fronteira de Tunisia, obrigando a intervir ao exército. Os combatentes das tribos tuareg contratados por Gadafi para pelexar polo seu réxime fuxiron a Mali tras ser derrotados, levando consigo equipo pesado. Este éxodo de milicianos espoleou o conflito entre os tuareg e o Goberno do país africano, reactivando unha guerra civil durmida durante catro anos e provocando un golpe de estado militar.

Cárceres ilegais e persecución racial

Outra atribución das milicias é a persecución de antigos gadafistas (a pesar de que membros destacados do antigo réxime continúan en postos de poder coa CNT), escusa en ocasións para realizar vinganzas privadas. En polo menos dúas ocasións, grupos rivais enfrontáronse entre si acusándose mutuamente de ser simpatizantes de Gadafi. O CNT garantiu a inmunidade total para todos os actos cometidos polos revolucionarios na guerra civil, e deixou claro legalmente que calquera declaración de simpatía para co réxime de Gadafi, a súa persoa, os seus fillos, ou o intento de glorificar as súas obras será castigada con penas que poden chegar á cadea perpetua.

Segundo a ONU, miles de prisioneiros permanecen en prisións ilegais, nas que se producen torturas. Amnistía Internacional afirma ter coñecemento de doce mortes tras malos tratos e relata prácticas como queimaduras con electricidade e cigarros e malleiras. Nun vídeo difundido pola cadea Russia Today, apréciase como rebeldes libios maltratan a un grupo de prisioneiros negros, obrigándoos a comer a bandeira libia pre-revolucionaria.

Muamar el Gadafi

Os máis afectados pola represión son os negros, inmigrantes ou antigos escravos, aos que os libios identifican con mercenarios traídos por Gadafi e que contan con poucas simpatías entre a poboación. Durante a guerra, aos loitadores estranxeiros a soldo do ditador non se lles daba cuartel, e a Unión Africana denunciou que os rebeldes masacraron tamén a traballadores inmigrantes subsaharianos pola cor da súa pel.

Tras a caída de Gadafi, algúns milicianos aproveitaron para realizar unha limpeza étnica. Un caso paradigmático é o da cidade de Tauerga, cuxos 35.000 habitantes eran maioritariamente de pel negra e simpatizantes do réxime. O pobo foi arrasado polos seus veciños de Misrata, que deron aos habitantes un mes para abandonar Tauerga baixo pena de morte e convertérona nunha vila pantasma. Os antigos veciños viven dispersos en campamentos de refuxiados, sometidos a abusos e matanzas ocasionais.

Afinidades étnicas, violencia política

Como outras moitas nacións africanas, Libia é unha creación europea. O país aparece por primeira vez coa súa conformación actual como colonia italiana nos anos 20, produto da fusión das provincias de Tripolitania e Cirenaica. Ademais, o país non é homoxéneo. A inmensa maioría da poboación é musulmán sunnita e fala árabe, pero está dividida nuns vinte grupos tribais cun bo número de ramificacións. Este tipo de afiliacións serven como punto de reunión en tempos de crises e os líderes tribais válense de forzas armadas para apoiar os seus intereses ante a nova situación.

Libia está dividida nuns vinte grupos tribais cun bo número de ramificacións

Outra cuestión espiñenta son as minorías. Case catro quintas partes dos libios viven en cidades, e a maioría da poboación concéntrase nas cidades costeiras. Pero no interior, case deshabitado, existen outros grupos étnicos. Están os descendentes dos bérberes, poboadores orixinais do país, e que, sobre todo nas montañas de Nafusa, no noroeste, manteñen o seu idioma e crearon as súas propias milicias.

No sueste atópanse os tobu, un pobo de pastores de raza negra que se estende por un cuarto de Libia, por Chad e por Sudán. Os seus líderes, que formaron os seus propios grupos armados, denuncian que deben defenderse contra a “limpeza étnica” dos seus veciños árabes. As brigadas que se enfrontan a eles acúsanlles de lucrarse co contrabando e traer combatentes do veciño Chad.

Por último, no sueste atópanse membros do pobo tuareg, nómades do deserto que apoiaron a Gadafi e que, con pouco respecto polas fronteiras, cruzan o deserto entre Alxeria, Níxer, Malí, Libia, Nixeria e Burkina Faso. Foron obxecto de represalias tras a vitoria rebelde, e algúns fuxiron do país, mentres que outros se armaron e protagonizaron incidentes contra as milicias árabes.

Centralismo ou descentralización

O coronel Gadafi rexeitaba na súa obra de teoría política, o Libro Verde, a democracia, os partidos políticos e as eleccións asemblearias. Esa forma de goberno, aducía, levaba a unha ditadura encuberta dunha minoría. Xa que logo, prohibiu os partidos e estruturou o poder en base a comités que debían de ter unha estrutura «social», baseada no clan familiar e a tribo.

Na práctica, isto impediu a formación dunha estrutura institucional sólida. O ditador gobernaba o país, segundo o analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional Roberto Mansilla, mediante “o seu carisma, da negociación entre os contrapesos definidos polos intereses das diversas tribos e dunha eficaz rede de represión”. Pero unha vez desaparecida a súa figura, o país caeu nun “caótico reparto de poder” a nivel territorial que dificulta calquera tipo de estabilidade política.

Desde a súa chegada ao poder en 1969, Gadafi xogou a baza de favorecer a uns grupos sobre outros, desenvolver máis algunhas rexións e limitar o acceso aos postos militares e políticos de confianza a membros das súas tribos afíns. Con esta política, enfrontou aos bérberes cos árabes, aos negros cos brancos, ao leste do país ao oeste. Por suposto, este xogo tivo gañadores e perdedores. Cirenaica, a rexión oriental, co 29 por cento da poboación do país e a maior parte das reservas de petróleo, considérase dos segundos. Aquí había un forte resentimento contra Gadafi, que primou outras rexións do país. De feito, foi en Cirenaica onde empezou a rebelión que o destronou, e que liberou a capital, Trípoli, situada na zona occidental e moito máis consentida polo réxime.

Os cirenaicos están descontentos coa forma na que terminou a revolución que empezaron

Os cirenaicos, con todo, están descontentos coa forma na que terminou a revolución que empezaron. Desde a toma de Trípoli, a CNT apostou cada vez máis por un control centralizado do país, mentres que o Leste piden un estado federal. A resposta de Cirenaica foi declararse de forma unilateral como estado autónomo, e constituíu un Goberno mediante un consello presidido por Ahmed al-Senussi, parente do antigo rei de Libia. Trátase dun histórico opositor ao réxime gadafista, de avanzada idade, pero, segundo Mansilla, “os verdadeiros poderes na Cirenaica son outros”. Entre eles, está a posibilidade de intereses occidentais que, ambiciosos de controlar as reservas minerais da rexión, busquen colocar figuras similares aos primeiros ministros do Iraq post-Hussein. Para Mansilla, a situación máis probable sería a separación de Cirenaica, ou que esta rexión actúe de facto de xeito independente e decida en cuestións como seguridade e control dos hidrocarburos. Esta solución alteraría tanto a situación xeopolítica como a balanza do poder no Magreb.

Nese sentido, e pese a que al-Senussi conta co apoio de varios miles de líderes sociais e xefes de milicias, pero o Consello Nacional de Transición non o recoñece e considera a declaración de autonomía como parte dun “complot estranxeiro”. Sexa cal sexa a realidade, Cirenaica empeza a adestrar un exército nacional, en paralelo ao libio.

A pesar de que o caso máis rechamante é o de Cirenaica, outras rexións escápanse á autoridade da CNT. Homes da tribo de Warfalla, a última en renderse ante os italianos e que defendeu a Gadafi até o final, expulsaron a tiros ás forzas do comité local da CNT en Beni Wallid,, causándolles varios mortos e decenas de feridos, e o goberno houbo de recoñecerlles o dereito a crear o seu propio órgano directivo local.

O camiño á democracia

Nos últimos anos anteriores á caída de Gadafi, coa reconciliación do réxime coas potencias occidentais, Libia viviu unha certa prosperidade económica que se viu truncada pola fraxilidade das institucións, a violencia e o caos das infraestruturas. Crece o desemprego e a pobreza, e o descontento pode catalizar nunha crise social. Neste sentido, a auténtica riqueza de Libia segue a ser a súa capacidade para exportar petróleo e gas, recursos que parecen interesar máis a Francia, Estados Unidos e Gran Bretaña que o desenrolo social do país e o aumento do nivel de vida da poboación. Reprodúcese así, segundo Mansilla, un escenario que lembra ao do Iraq de despois da invasión da coalición, con debilidade e fragmentación políticas, aumento da presenza de islamitas radicais e un goberno débil e dependente de Occidente.

O vindeiro 19 de xuño celébranse as primeiras eleccións democráticas en catro décadas

Espérase que o próximo 19 de xuño Libia celebre as súas primeiras eleccións parlamentarias en catro décadas, ás que concorrerán máis de 2.100 candidatos. Pero a cita electoral, que xa tivo que posporse sobre a primeira data de abril polos combates entre árabes e bérberes no Oeste, atópase con que a situación non mellorou. O 14 de maio, un candidato aos comicios foi asasinado o sur do país. Así mesmo, as forzas políticas de Cirenaica chamaron a boicotear as eleccións, posto que cren que se “marxinalizará” á súa rexión coa composición do Congreso (que lle outorga ao resto do país só 60 escanos de 200, mentres que Tripolitania recibe 102). O analista Roberto Mansilla considera que a situación actual semella reproducir o escenario do Afganistán de despois dos talibáns, coa vida política dominada por señores da guerra e milicias armadas que constitúen o único poder efectivo.

O parlamento que debe saír das eleccións, chamado Conferencia Pública Nacional, ten o propósito de elixir un Goberno e redactar a Constitución do país. A súa capacidade para facer valer a súa autoridade e garantir as liberdades e dereitos no territorio libio, así como os medios que empregue para conseguilo, determinarán se Libia é capaz de evitar converterse nun estado falido como Iemen, Somalia ou Afganistán.

Avatar of Enrique Carballo

Xornalista
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011