GLOBAL

Dez apuntamentos sobre Francia e Grecia

Tras a noite electoral francesa é o momento de analizar como François Hollande conseguiu ser elexido presidente da República francesa tras superar unha longa e dura campaña, unha das máis emocionantes das dúas últimas décadas nas que se bateu con Nicolás Sarkozy, un rival que loitou ata o final e  que perdeu por unha diferenza estreita.

1. Dezaseis anos despois os socialistas franceses volven ao Palacio do Eliseo. Un longo período de retirada motivado pola falta dun liderado á altura do de François Mitterrand, consecuencia dun partido de cadros con demasiada cabeza de medio pelo para unha militancia de base escasa en número –arredor de 150,000. Circunstancia que converteu a cada unha das eleccións internas disputadas, dende as presidencias de 2007, nun auténtico circo de interese mediático consecuencia da cantidade e a diversidade dos concorrentes.

2. Estas eleccións presidenciais de 2012 non foron unha excepción. No mes de outubro de 2011 o Partido Socialista Francés (PSF) celebraba unhas Primarias Cidadáns que, abertas a militantes e simpatizantes, conseguiron mobilizar a 2,8 millóns de votantes. Hollande saíu vencedor das dúas voltas, superando en ambas as ocasións o millón de votos, e acadando na segunda volta o apoio maioritario dos candidatos apeados na primeira quenda. Entre eses apoios estaba o da anterior candidata presidencial, Ségolène Royal, e un sorprendente candidato da ala esquerda como Arnaud Montebourg.

3. Dende a súa proclamación como candidato, François Hollande atravesou unha longa e dura campaña na que, tras un meteórico ascenso nas enquisas, viu como o empurre de Nicolás Sarkozy o apertaba case ata a asfixia. Por exemplo, a empresa de enquisas CSA cifraba o 19 de abril a distancia entre François Hollande e Nicolás Sarkozy en 29 puntos, na noite electoral pasaron a ser seis puntos, e a votación final deixou a distancia en 3,24 puntos. Poucos analistas dubidan, vendo as proxeccións dos últimos días, que con un debate ou unha semana máis Sarkozy tería unhas oportunidades impensables poucos días antes.

4. Que explica este estreitamento das tendencias en intención de voto en tan pouco tempo? Un dos factores está na desmobilización da esquerda. O Front de Gauche de Jean-Luc Mélenchon xogaba como factor estimulante do voto de esquerda, e mesmo Hollande se coidou moito de atacar ou criticar un voto que sabía ía necesitar na segunda volta. Sen embargo, o 11,10% de voto acadado na primeira volta, fronte ao 17,9% do Front National de Marine Le Pen, desinchou as esperanzas dun voto de esquerda mobilizado para a segunda volta. Hollande viuse obrigado a ir a polo voto moderado, desmobilizando á esquerda por un lado, e perdendo competitividade con Sarkozy polo outro.

5. A polarización da campaña tamén favoreceu máis a Sarkozy cá Hollande. O centrar a campaña na economía permitiulle ao candidato conservador despregar unha comunicación eficaz en temas moito máis sensibles para o seu electorado e para o do Front National: inmigración, presión fiscal, reactivación económicas… Sen embargo, Hollande soubo manter unha estratexia distinta e capaz de reorientar os temas cara á dimensión na que os socialistas son máis fortes: relacións laborais, servizos públicos, impostos aos ricos…

6. A influencia do debate celebrado o xoves tres de maio só poderá medirse ben co paso do tempo. Pero o certo é que, nos primeiros momentos logo de acabado, e mentres os medios de comunicación daban como vencedor a François Hollande, as enquisas que se publicarían ao día seguinte rexistraban unha lixeira vantaxe para Sarkozy cun recorte na intención de voto respecto ao candidato socialista de entre medio e un punto porcentual. O venres Francia levantábase coa diferenza máis estreita entre os dous candidatos dende había meses, segundo un estudo de Ifop Hollande convencía ao 53% dos franceses e Sarkozy ao 47%.

7. O resultado final non deixa lugar a dúbidas do discutida que foi a campaña: 51,62% para François Hollande polo 48,38% para Nicolás Sarkozy. As presidenciais máis disputadas e emocionantes dende hai máis de dúas décadas.

8. Agora Hollande debe xestionar unha situación complicada: un país cunha economía moi precarizada nos últimos anos, coas altas expectativas ao seu redor, e unhas promesas claras moi centradas na regulación do sistema financeiro e no compromiso das grandes fortunas –elevando o tipo máximo do IRPF ao 75% ou igualando a tributación por rendas do traballo ou do capital entre algunhas das súas principais propostas neste ámbito. Francia e Europa esperan unha resposta contundente dun candidato desgastado polo seu pasado, e presionado pola súa falta de claridade e escaso liderado.

9. Na mesma noite das presidencias francesas celebráronse as eleccións gregas nas que os dous principais partidos (Nova Democracia e Pasok) sofren contundentes perdas de voto do 14,6% e o 30,7% respectivamente. Nin unha lei electoral favorecedora da alternancia bipartidista, pois regala 1/6 parte dos escanos ao partido máis votado (50 de 300), puido garantir a estabilidade dunha sociedade grega totalmente fragmentada e polarizada. Mentres, forzas extremas como Syriza (esquerda) e Amañecer Dourado (dereita) acadan crecementos históricos -12,2% e 6,7% respectivamente, e outras novas forzas como os Independentes Gregos axuntan un notable consenso popular do 10,6%.

10. A cómoda alternancia bipartidista vese forzada a pactar se quere seguir mantendo a gobernabilidade actual do país. Os inimigos e antagonistas deben atoparse nunha alianza rocambolesca ou levar ao país, practicamente, a repetir as eleccións. Problema, ND e Pasok non suman a maioría absoluta. A bolsa grega cae máis do 10% e, posiblemente, este só sexa o comezo de moitas outras caídas. A estabilidade grega atópase en grave risco.

Avatar of Francisco M. Hidalgo

Licenciado en Filoloxía galega e Ciencias políticas. Profesor asociado na USC e especialista no campo da Comunicación Política. O seu twitter é @frmartinezh
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011