GLOBAL

O Parlamento Europeo aposta por aumentar a representación feminina nos consellos directivos

Como todos os anos, o mes de marzo foi un mes especial para a muller. O día 8, as mulleres traballadoras, a maioría dun xeito ou outro, recibimos o noso recoñecemento anual. Pero nesta ocasión, a distinción trascendeu o carácter simbólico para acoller unha demanda institucional. O Parlamento Europeo vén de aprobar dous informes para establecer un sistema de cuotas e fomentar a paridade home-muller nos consellos de administración das grandes empresas e na vida política. Preténdese así acadar unha representación feminina do corenta por cento nos postos directivos das empresas de aquí ao 2020, fronte ao doce por cento actual.

Doce por cento se contamos a media da Unión Europea, porque no Estado español, esa presenza fica no 11,5 por cento. Con todo, e malia estarmos aínda lonxe da paridade real, a Lei de Igualdade do 2007 supuxo na España un avance considerable a este respecto ao aumentar en case dez puntos, desde o 3 por cento do 2003, a representación feminina nas compañías que cotizan en bolsa. Dito doutro xeito, 31 de cada cen empresas do Estado teñen polo menos unha muller nos seus consellos de administración, e na Galiza, a terceira comunidade con máis presenza feminina neses postos, son máis de 34 de cada cen as empresas que contan con mulleres ao mando.

Ana Miranda, deputada do BNG no Parlamento Europeo, onde é membro do Comité de Dereitos da Muller e de Igualdade de Xénero, salienta que “se as mulleres estamos tan capacitadas como os homes, debemos ter as mesmas oportunidades”.

Se ben non hai datos obxectivos para asegurar que unha muller na nosa sociedade teña menos oportunidades polo feito de ser muller, si se dan en xeral unha serie de condicionantes que non contribúen á realización profesional. Como salienta Ana Miranda, “é unha cuestión de roles, de circunstancias, polo machismo inherente que existe na nosa sociedade. Moitas veces as mulleres teñen que desenvolver múltiples tarefas, non só as súas funcións profesionais, senón tamén o coidado dos seus familiares, dos seus dependentes, dos seus fillos e fillas; en definitiva, facer máis de dúas xornadas”. Fomentar a igualdade pasa, segundo sinala Miranda, “por investir en redes de inclusión social. O feito de que existan garderías ou redes de centros de día facilita que moitas mulleres poidan conciliar a súa vida laboral e familiar”.

Moitas máis mulleres que homes traballan a tempo parcial ou con contratos temporais para atender á familia

A situación non é así simplemente na España. En Bélxica, onde o 43,6 por cento das mulleres traballan -41,10 por cento en España-, estas só representan o once por cento dos conselleiros de administración das grandes empresas. E é que á hora de conciliar vida laboral e familiar, os problemas son semellantes ou, ás veces, peores. Se na Galiza, o 54 por cento dos meniños teñen praza nunha gardería pública, no Estado belga a cifra redúcese a 23 de cada cen. Para Magali Verdier, responsable en Bruxelas do colectivo feminista belga Vie Féminine, a situación é clara: “Cando unha muller acada un posto de responsabilidade, debe compaxinar a actividade profesional coas tarefas domésticas. En trinta anos, o reparto dos labores no fogar non mudou”. Como consecuencia, moitas menos mulleres que homes acadan postos directivos, pero moitas máis traballan a tempo parcial ou con contratos temporais para poderen atender á familia.

No Estado español, o número de mulleres con contratos a tempo parcial é menor que a media da Unión Europea, pero maior que o número de homes. No ano 2010, segundo datos de Eurostat, o 23,2 por cento de mulleres empregadas na España traballaba con contrato parcial, fronte ao 5,4 por cento dos varóns. Na Europa comunitaria, a cifra ascendía ao 31,8 por cento. A causa de que que tanto a homes como mulleres teñan este tipo de contratos é que non poden encontrar outros empregos; con todo, o coidado de familiares é o segundo motivo para as mulleres traballaren deste xeito. Así pois, máis do 90 por cento das persoas ocupadas a tempo parcial para atender aos fillos ou a persoas dependentes son mulleres.

Pero se ben é certo que o emprego a tempo parcial pode ter diferentes causas difíciles de cuantificar obxectivamente, hai unha estatística que amosa claramente a desigualdade que viven homes e mulleres: a taxa de emprego no Estado español nos homes de 25 a 49 anos aumenta en caso de teren fillos menores de 12 anos -do 79,3% ao 82%-, mentres que nas mulleres vai diminuíndo mentres aumenta o número de descendentes de menos desa idade -do 68,4% ao 62,3% en caso dun fillo, ao 47% en caso de tres-. Así pois, é fácil constatar que as maiores desigualdades entre home e muller atópanse na época de crianza dos fillos.

Menos traballo, menos ingresos

Renunciar, voluntaria ou obrigadamente, a unha xornada a tempo completo ten entre as principais consecuencias a redución salarial. Precisamente, outra das demandas que facía o Parlamento Europeo nos seus dous recentes informes era a diminución da brecha salarial existente entre homes e mulleres por faceren o mesmo traballo. Actualmente, esa diferenza é dun 16 por cento na España e dun 17 por cento na media da Unión Europea.

A brecha salarial entre homes e mulleres non ten só entre as súas causas a xornada a tempo parcial, senón tamén o menor horario laboral das mulleres. Segundo a Enquisa de Emprego do Tempo, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística para os anos 2009 e 2010, as mulleres traballan en España de media sete horas menos á semana que os homes -32 horas e cinco minutos fronte a 39 horas e 40 minutos-.

O círculo vicioso péchase de xeito evidente. Dado o hipotético caso de que nunha familia é a muller a que renuncia a buscar un traballo a tempo completo para atender compromisos domésticos -fillos, persoas maiores dependentes…-, aceptando empregos a a medio tempo ou temporais, chegado o momento de renunciar a un emprego para atender obrigas familiares, será tamén a muller, que está peor pagada e nunha situación máis precaria, quen o faga. Como explica Ana Ulloa, presidenta da Asociación de Empresarias da Coruña (AECO) e responsable da compañía de telecomunicacións Sitelco, “á hora de ter que prescindir dun posto de traballo ou de pedir redución de xornada, xa que o home adoita ser quen leva á casa un salario máis elevado, do que se prescinde con máis frecuencia é do da muller”.

O Parlamento pide igualdade e a Comisión, recortes

No contexto actual de crise económica, colectivos feministas e institucións apuntan á contradición que supón que o Parlamento Europeu se posicione en prol da igualdade cando desde a Comisión e o Consello se están esixindo recortes económicos aos gobernos que afectan dalgún xeito ao mercado laboral. Magali Verdier, do colectivo feminista belga Vie Féminine, afirma que “Bélxica tivo que aforrar 11 mil millóns de euros para o presuposto do 2011”, o que impediu “o aumento do número de prazas nas garderías públicas” a pesar “do aumento da poboación e da demanda”. A eurodeputada nacionalista Ana Miranda fai fincapé na situación que está a vivir Galiza: “A Xunta está recortando moitísimo as políticas sociais e as políticas de igualdade”, en alusión á redución de axudas ás familias con meniños en garderías ou con membros dependentes.

As mulleres que ocupan un posto superior veranse menos afectadas pola crise

Miranda rexeita tamén as posicións que din que a crise afecta máis aos homes que ás mulleres, porque “había moitos máis homes no mercado laboral. Se a muller tivese máis presenza empresarial, política e laboral, tamén sufriría máis o paro”. Nos últimos anos, foron sectores de tradicional presenza masculina, como o da construción, os que padeceron as peores consecuencias da caída económica. Isto tradúcese en que desde o 2006 ata o 2010, o paro masculino medrou un 13,4 por cento, mentres que o feminino fíxoo nun 8,9 por cento. De feito, se atendemos a criterios de nivel educativo, é o sector con menor cualificación -ata a primeira etapa da secundaria-, o que ten unha maior taxa de desemprego, 28,3 por cento nas mulleres e 26,6 por cento nos varóns, pero tamén aquel no que máis se reduciu a diferenza entre homes e mulleres traballadores. Mentres que os homes con menos estudos foron os que máis sufriron o impacto do paro, as mulleres con menor grao de preparación viron incrementada a súa taxa de emprego en 0,8 puntos. Nos niveis educativos superiores, niveis nos que a taxa de paro é de por si menor, a diferenza entre homes e mulleres empregados é máis baixa canto maior é a preparación profesional. Como sinala Dominique Estenne, presidenta da Comisión de Mulleres e Empresas do Consello de Mulleres Francófonas de Bélxica, “as mulleres que ocupan un posto superior veranse menos afectadas que as mulleres que de entrada teñen problemas como o traballo a tempo parcial, salarios irregulares, etc”.

Cambio de sociedade, mudanza de conciencia

Pero os tempos están cambiando e aínda que parece que de entrada a crise reforza o acubillo na familia tradicional -como exemplo, a caída do número de divorcios-, as mudanzas sociais non se deteñen. Cada vez son máis as familias monoparentais, e aínda que o 80 por cento delas están encabezadas por mulleres, nos casos de divorcio, moitos homes terán que facer fronte aos mesmos problemas cando teñan que coidar dos meniños. Dominique Estenne teno claro: “Se os homes comparten a custodia dos fillos, cada vez serán máis os que vivan unha situación similar á das mulleres. Terán máis dificultades para conciliar e iso propiciará unha evolución nas formas de traballo”.

Ademais de aumentar a representación feminina nos postos directivos das grandes empresas, o Parlamento Europeu pide un incremento do número de mulleres na vida política. Actualmente, a media de mulleres nos parlamentos estatais é do 26 por cento. Pero aínda que se aumente a presenza feminina nos postos de mando, hai unha realidade a salientar: só algo máis de tres de cada dez emprendedores son mulleres. Ana Ulloa, presidenta da Asociación de Empresarias da Coruña (AECO) sinala que, ademais das dificultades coas que nos poidamos atopar, “hai un pouco de conformismo. Quizais somos máis conservadoras. Ata agora, por herdanza, a carga familiar adoitaba soportala o home, o que condicionaba que o este saíse adiante como fose preciso, mentres que a muller estaba máis apartada”.

Sexa polos condicionantes da vida familiar, polo tipo de traballo que realizamos ou por elección persoal, é certo que malia termos as mesmas oportunidades que os homes, non temos quizais as mesmas facilidades para levalas a termo. Tal vez o primeiro paso veña dado pola nosa propia mentalización.

 

Irene Quintela

Xornalista
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011