GLOBAL

O mundo en 2012: a eclipse das vellas hexemonías

Se o ano 2011 deixounos a todos a rotunda mensaxe de que o mundo precisa cambios profundos, non semella claro que estes vaian abordarse en 2012. Ao longo de 2011, a crise de débeda da zona euro converteuse na maior ameaza para a economía mundial, segundo a OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico). O prognóstico para 2012 é dun crecemento do 3,4 por cento, que se reduciría a un 0,2 no caso da zona euro. As grandes economías están perdendo impulso e o fin da crise da zona euro non semella previsible de momento. Poucos días despois de que os líderes europeos celebraran un cumio “decisivo” para acordar reformas do Tratado da UE co propósito de poñer fin á crise, axencias de cualificación e organismos financeiros multilaterais viñan a lembrar que a eurozona seguía ameazada. Dende Moody’s e Datong (a axencia de cualificación chinesa) anunciaban a intención de revisar á baixa os rátings de varios países da zona por mor dos problemas financeiros de Europa. A zona euro e o conxunto da UE seguen expostos a novas tensións.

En Estados Unidos, acosado polas débedas, cunha economía desacelerada e un elevado índice de desemprego, o goberno de Obama encara un 2012 marcado polas eleccións presidenciais de novembro aventurándose un incremento inevitable das tensións entre demócratas e republicanos arredor da situación socioeconómica e da orientación da política exterior. Ambas as dúas formacións proseguirán a súa andaina ritual de costas a movementos como Ocupa Wall Street, reveladores de que a desigualdade económica e a avaricia corporativa xeran un repudio crecente ata na propia sociedade estadounidense, tradicionalmente á marxe de eclosións desta natureza que seguen propagándose con crecente intensidade por todo o mundo.

Noutra zona especialmente convulsa, o Norte de África e Oriente Medio, despois dun ano 2011 pletórico de acontecementos esperanzadores e dramáticos, non se descarta un incremento da inestabilidade política e disturbios civís, que poden estenderse por países como Marrocos, Alxeria ou Siria, entre outros. Os países árabes principalmente afectados polas revoltas (Tunisia, Exipto, Libia, Iemen…) proseguen as súas reformas con eleccións previstas ou en curso xestionadas por gobernos a miúdo febles baixo a atenta mirada dunha sociedade civil que non quere ser traizoada polos poderes fácticos que aspiran a que nada mude mais alá dos derrocamentos (Ben Ali, Hosni Mubarak, Gadafi, Ali Abdullah Saleh…), vítimas do profundo descontento interno e/ou da presión externa. As maiores incógnitas afectan a Siria e Irán, cunhas tensións con Occidente que tenden a agravarse. Non obstante, os críticos da operación libia, como Rusia, China e a Unión Africana, dificilmente secundarán algunha proposta de intervención, toda vez que argumentan que a OTAN fixo en Libia un mal uso da resolución limitada de Nacións Unidas, que impoñía unha zona de exclusión aérea e autorizaba a protección dos civís, como un pretexto para promover un cambio de réxime.

As guerras de Iraq e Afganistán, impulsadas en nome da loita contra o terrorismo, seguirán perdendo a súa centralidade, tanto pola perda de significación global de al-Qaeda no imaxinario occidental, especialmente trala morte de Ben Laden, como pola convicción de que o futuro inmediato do planeta en termos estratéxicos dirímese noutras zonas, en Asia–Pacífico, a onde Washington anunciou a súa volta con pompa e boato. As dúas guerras custáronlle a EE.UU. máis de 6.000 vidas e miles de millóns de dólares, avultadas insignificancias, a fin de contas, en comparanza co sufrimento causado á poboación civil dos países ocupados. Esa volta a Asia-Pacífico xera moitas incertezas e reforza a idea dunha China cercada económica e militarmente tralo anuncio dun aumento da presenza de infantes de mariña estadounidense en Australia.

A vitalidade emana dos BRICS

Os países emerxentes, por outra banda, acentuaron o proceso de aproximación gradual ao centro do escenario mundial. A clave dese cambio é o seu peso económico. Coa inclusión de Suráfrica, os países do BRICS contan, en total, co 43 por cento da poboación mundial e acumulan reservas de divisas combinadas por valor de 4,3 billóns de dólares. En 2011, a economía chinesa creceu un 9 por cento respecto ao ano anterior, seguido dun 8 e un 4 para India e Rusia, respectivamente. Brasil, Suráfrica e Chile están facendo importantes progresos. Segundo o FMI, as economías emerxentes alcanzarán unha media de crecemento do 6,4 por cento, fronte ao 1,6 das economías desenvolvidas. A participación dos primeiros na economía mundial vai en aumento.

O resto do texto, no número 176 da revista Tempos Novos

Avatar of Xulio Ríos

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011