GLOBAL - POLÍTICA

O negacionismo é constitucional?

O 27 de xaneiro de 1945 era liberado o campo de  Auschwitz-Birkenau, o maior símbolo do exterminio nazi. Foi esa a data elixida pola ONU para celebrar o Dia Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto. unha conmemoración aínda necesaria, dada a persistencia dalgunhas voces por negar o innegábel. Aproveitamos a efemérede para rescatar,  pola súa actualidade, un artigo de Laureano X. Araujo publicado en Tempos Novos en febreiro de 2010, no que denunciaba as voces que teiman en negar a a Shoah e presentala como verdade histórica imposta. 

Hai pouco soubemos, cando acaban de cumprirse os 70 anos do comezo da Segunda Guerra Mundial, que quen se supuña que ía ser o novo secretario xeral do PP valenciano, César Augusto Asencio, escribiu sendo mozo un artigo negacionista no xornal alacantino Información. Pero quizais sexa agora, tras asistirmos á recente polémica suscitada pola participación do líder do British National Party, Nick Griffin, nun importante programa da BBC, cando debamos preguntarnos se estamos preparados para enfrontarnos á posibilidade de que entre nós apareza un partido racista, homófobo, xenófobo e negacionista.

Ao comezo da súa quenda presidencial da Unión Europea, no primeiro semestre de 2007, o Goberno Federal alemán propuxo repescar unha iniciativa antinegacionista da Comisión de 2001. O 19 de abril de 2007 o Consello adoptou unha decisión marco sobre racismo e xenofobia, entre cuxos obxectivos se atopa o de acadar a prohibición legal do negacionismo e a tipificación do correspondente delicto de condonación, negación ou trivialización ofensiva dos xenocidios e dos crimes de guerra e contra a humanidade –incluídos os cometidos pola ditadura hitleriana–, que sería penado co castigo de entre un e tres anos de privación da liberdade.

As cuestións que se abordaron no debate público que suscitou esta iniciativa poden sintetizarse nunha pregunta tan aparentemente correcta –tan self-evident, que dirían os anglosaxóns– que apenas se ten reparado no seu desenfoque: é conveniente que os gobernos prescriban a historia oficial do xenocidio nacionalsocialista, é dicir, que a verdade de Estado se erixa en verdade histórica? De feito, a opinión pública española –que non cuestiona a shoah, até o punto de que a súa negación se considera falsa e moralmente reprobábel– entrou de cheo no debate así formulado. Convencida en termos xerais –e con razón– de que existe un límite no que a presión política sobre o campo científico devén incompatíbel coa liberdade de expresión, rexeita as medidas lexislativas antinegacionistas, basicamente por temor a que a verdade histórica sexa definida polos poderes públicos, cuxos actos non estarían guiados polo rigor propio do labor intelectual, senón por razóns ideolóxicas e de oportunidade política. Sería unicamente na academia e no libre debate das ideas onde a odiosa negación da shoah debería atopar unha resposta axeitada.

O ditame do Tribunal Constitucional

Tamén o Tribunal Constitucional se pronunciou sobre esta cuestión (hai que precisar que con varios votos particulares) nunha recente sentenza ditada en relación co artigo 607 do Código penal, que castiga os delictos de xenocidio (STC 235/2007, do 7 de novembro). O tribunal entende que os dereitos fundamentais protexidos no artigo 20.1 da Constitución non son dereitos absolutos, pero si elementos conformadores do sistema político, de maneira que a liberdade de expresión –e moi especialmente a liberdade científica, base da investigación histórica– non pode limitarse nin sequera cando a difusión de ideas ou de opinións agacha un propósito anticonstitucional ou resulta inquietante para un sector social, agás cando efectivamente lesiona dereitos ou bens de relevancia constitucional. Polo tanto, o artigo 20.1 da lei fundamental ofrécelle unha ampla marxe ao diálogo plural para a formación dunha conciencia histórica colectiva, cuxo límite se atopa nas manifestacións vilipendiadoras, racistas ou humillantes. Sempre segundo o tribunal, a simple transmisión de ideas, por execrábeis que resulten para a dignidade humana, está protexida polo artigo 20.1 da Constitución e non pode ser tipificada como delicto mentres non se detecte unha intención de proselitismo xenófobo ou racista, ou directamente unha incitación á comisión dun xenocidio, ou o enxalzamento dos xenocidas, ou a intención de descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas. En concreto, e sempre que non implique un xuízo positivo e unha xustificación pública do feito criminal, a simple negación dun xenocidio sería en si mesma inane, por non ser nin sequera potencialmente perigosa para os bens xurídicos tutelados no artigo 607 do Código penal.

Esta sentenza, lamentabelmente, descoñece por completo as conclusións ás que chegan os especialistas, que describen o negacionismo como un movemento internacional neonazi, racista, antisemita e antisionista que se dedica a producir unha propaganda pseudocientífica preocupada por demostrar o carácter inofensivo, xustificábel ou non criminal do nacionalsocialismo, desmentir o exterminio masivo dos xudeus por parte dos nazis (ou rebaixar o número de vítimas), negarlle a este xenocidio o seu carácter sistemático e oficial ou relativizar os crimes do nacionalsocialismo mediante a crítica das crueldades dos aliados (como, por exemplo, os bombardeos das cidades alemás, especialmente de Dresden). Os intentos de ocultar a shoah –e tamén outros asasinatos en masa, como o porraimos, a eliminación sistemática dos xitanos motivada polo anticiganismo– remóntanse á Segunda Guerra Mundial: daquela, e mentres procuraban borrar as pegadas do exterminio, os nazis empregaban os eufemismos propios dunha Sprachregelung (normativa lingüística) específica, tales como Endlösung (solución final) ou Sonderbehandlung (tratamento especial). Tampouco se atopou ningunha Führerbefehl escrita, é dicir, unha orde de Hitler verbo da aniquilación dos xudeus, o que, segundo os negacionistas, demostraría a inocencia do ditador. Desde finais dos anos setenta, moitas obras negacionistas presentan unha sorprendente aparencia de respectabilidade académica, que, porén, non pode disimular o feito de que toda esta literatura é indisociábel dos esforzos realizados pola extrema dereita para probar que a shoah –posibelmente o acontecemento central da historia do século XX– non foi máis que unha invención froito dunha xigantesca conspiración xudía internacional.

Historia e política extremista

Os negacionistas non son historiadores ou científicos sociais minoritarios que nos ofrecen textos ou modelos científicos innovadores e alternativos, senón individuos extremistas do campo político que negan feitos históricos que implican o padecemento de millóns de vítimas. Con independencia das inevitábeis inxerencias políticas, quen en última instancia prescribe o relato canónico son os historiadores, cuxa esmagadora maioría sostén que o xenocidio nacionalsocialista si existiu. Pero se o negacionismo, en conclusión, se nos amosa como un fenómeno totalmente distinto da simple difusión dunha opinión ou dunha tese cientificamente fundadas, a súa persecución non pode ser entendida como unha violencia exercida sobre a ciencia, senón como a represión dun conxunto de axentes pertencentes á periferia do campo político.

O Tribunal Constitucional errou no seu intento de manobrar, cunha sutileza manifestamente estéril, nun ámbito perfectamente controlado polos negacionistas, como se estes –hoxe, a maiores, conectados en rede grazas á internet e apoiados polas correntes antisemitas que existen dentro do islam– non levasen desenvolvendo as súas sofisticadas estratexias desde os primeiros anos da posguerra. Porén, non debemos resignarnos de ningunha maneira a que España renuncie a recuperar a súa posición de vangarda na tipificación do delicto de negacionismo, e menos aínda cando a decisión marco do Consello da Unión Europea propón a xeneralización do castigo da negación e da trivialización ofensiva dos crimes de xenocidio. Certamente, quen determina a verdade histórica non é nin debe ser o Estado democrático, pero este non pode prescindir dun ius puniendiefectivo contra a ameaza do racismo e da xenofobia. Despois de que, o 27 de xaneiro, se celebrase o Día do Holocausto, lembrámoslle ao noso ministro de Xustiza, Francisco Caamaño Domínguez, que é a el a quen lle corresponde especialmente o deber de incluír este grave asunto na axenda política.

 

Na web do Museo Yad Vashem de Xerusalén  pódese conseguir unha obra interesante sobre este tema: Kaye, Ephraim, The Desecraters of Memory. Holocaust Denial: A Marginal Phenomenon or a Real Danger? Methodology for Confrontation.

 

Este artigo foi publicado orixinalmente no número 153 de TEMPOS Novos, de Febreiro de 2010. 

Avatar of Laureano Xoaquín Araujo Cardalda

Doutor en Ciencia Política e licenciado en Dereito. Profesor de ensino secundario

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011