ECONOMÍA

Adeus ao Banco Pastor

Absorbéronnos o Banco Pastor. Hai anos, cando a xente dicía «vou á caixa» todos entendiamos que era unha das nosas (Caixa Galicia no norte e Caixa Nova no sur). Cando dicía «vou ao banco» a maioría dos galegos entendiamos, aínda que non lle puxera o apelido, que ía ao Banco Pastor, o noso banco. No proceso de concentración financeira perdemos as caixas, subsumidas nun banco de incerta galeguidade (NCG) e perdemos agora o Banco Pastor, absorbido polo Banco Popular. A estrutura do país non fai máis que perder músculo financeiro. Antes perdeu pezas moi importantes da súa estrutura industrial. Como di a letra do tango non deixamos de ir cuesta abajo en la rodada.

Eu comecei a traballar no ano 1971 en Astano, empresa participada naquela altura ao 100 % polo Pastor. Alí abrín a miña primeira conta bancaria e domiciliei a primeira nómina. Aínda teño no maxín a contraportada das guías telefónicas da provincia da Coruña naquel tempo. Víase a un operario participando na construción dun barco na grada do estaleiro e un lema que dicía algo así como: Grazas ao Banco Pastor non tiven que emigrar.

O Pastor forma parte moi salientábel da historia económica e do imaxinario simbólico de Galicia

O Pastor forma parte moi salientábel da historia económica e do imaxinario simbólico de Galicia. Foi un axente fundamental, unha peza básica da armadura económica do noso país. Foi creado na Coruña no 1776 por José Pastor e no ano 1925 adoptaría a forma de sociedade anónima baixo a denominación Banco Pastor S.A. Aínda que non foi o primeiro banco galego xa que medio século antes, no 1717, fora creado en Betanzos o Banco Etcheverría, foi o segundo en orde cronolóxica e desde a súa fundación o banco máis importante, o banco por antonomasia do noso país.

A banca galega, nomeadamente o Pastor, rexido pola firme man de D. Pedro Barrié de la Maza dominou nas finanzas do país durante cincuenta anos, dende a década dos 20 ata a década dos setenta do pasado século. Como naquela altura non existía a globalización financeira,  a relación entre captación de fondos e aplicación deles nunha área xeográfica era practicamente total. O Pastor cumpriu unha función bancaria de intermediación pura, lonxe da especulación. Captaba aforro dos particulares e empresas do país e investíao como créditos á sociedade galega. Crédito a particulares e crédito comercial e a longo prazo a empresas.  A súa política de activo non se limitou soamente a unha simple función de prestamista. Foi moito máis aló, actuando como socio e promotor de empresas, algunhas delas moi importantes para o país. En 1973 amosaba aínda unha estrutura intermedia entre a banca comercial e a banca industrial. Mantiña unha carteira de accións e outros títulos de renda variable que o achegaba ás participacións que caracterizaban máis a banca industrial ca a comercial. Naquela altura estaba presente no consello de administración de doce empresas galegas, algunhas delas moi significativas: FENOSA , ASTANO , CEPICSA, Industrias Gallegas, EMESA, Cementos Cosmos, Hullas del Coto Cortés, COPENAVE, FENYA, Finisterre, Aguas Coruña, Tranvías Coruña e La Toja.

Nas décadas dos setenta, oitenta e noventa, sucedéronse a crise industrial, a incidencia da apertura da economía española a Europa e a intensificación da globalización financeira. As fondas transformacións polas que pasou a economía española deixaron o seu selo no balance do Pastor, que asumiu progresivamente posicións de activo de meirande liquidez. Produciuse un troco significativo na estrutura do balance, abandonando posicións industriais e achegándose progresivamente a unha estrutura cada vez máis comercial. A primeiros de século a  participación en empresas industriais galegas pasou a ser residual. A política de activo do banco focalizouse no crédito promotor e inmobiliario e na adquisición de bonos e outros títulos de renda fixa nos mercados de valores. A crise financeira, o estoupido da burbulla inmobiliaria e a crise de débeda afectaron negativamente o valor dos seus activos comprometidos no ladrillo

Non superou satisfactoriamente as probas do último test de tensión deste ano 2011 e, aínda que se mantén en beneficios, é definitivamente absorbido polo Banco Popular no mes de outubro.

Coincidencias entre Popular e Pastor

Nunha recente entrevista o presidente do Banco Popular (El País, 16/10/2011) ten manifestado que a operación é a ideal para aumentar de tamaño no proceso de concentración bancaria e que ámbalas entidades teñen coincidencias culturais e importantes sinerxías. O encaixe cultural débese segundo Angel Ron, á semellanza dos bancos. Só coincidencia cultural?  Dende hai anos houbo un transvase significativo de directivos do Banco Popular ao Pastor. Parte destes directivos estaban até agora ocupando postos moi importantes no organigrama de dirección do Pastor. Coñecían moi ben ámbolos dous bancos, e todo parece indicar que foron unha cabeza de ponte que facilitou o desembarco con éxito agora realizado.

As intencións son realizar recortes principalmente no absorbido, neste caso o Pastor,como adoita acontecer nestes casos


ese para esquerdaDi o Sr. Ron que as sinerxías entre ámbalas entidades por solapamentos han resolverse eliminando duplicidades en rede e servizos centrais. É certo, o adelgazamento da rede e o  incremento derivado da rotación dos activos  é unha decisión acaída para a racionalización dos custos. O Banco Pastor tiña experimentado segundo a súa memoria do ano 2010 unha deterioración do 15,4% na súa ratio de eficiencia.  Ao Sr. Ron escapóuselle que os aforros derivados da operación suporían nunha estimación conservadora un 39% dos custos operativos do Banco Pastor. Seguramente estas verbas non teñan segundas intencións e a alusión explícita aos custos do Pastor sexa unicamente como unidade de medida, pero parecen dar a entender que as intencións son realizar recortes principalmente no absorbido, neste caso o Pastor,como adoita acontecer nestes casos.

Coa operación o Popular gaña rede nunha comunidade con tradicional capacidade de aforro e cunha taxa de morosidade do 5,14% máis baixa ca a taxa media da banca española (5,8%) . Malia non ter superado os últimos test de tensión o Pastor non ten problemas de solvencia, pechou o exercicio de 2010 cun core capital do 8,46%, un bo resultado de explotación e a súa marxe de xuros sobre activos era a terceira mellor da banca española.  Sen dúbida, o Popular sabe o que merca, e por iso a importante prima (35,7%) ofrecida polas súas accións e a valoración da entidade polo 77% do seu valor en libros. A operación foi ben acollida polos mercados cunha forte revalorización das accións do Pastor. Con ela gañan os socios que venderon as súas accións na OPA, gañan aqueles directivos que contaran con importantes paquetes de accións e coñecían de primeira man, internamente, o proceso de fusión…… Tendo en conta que se trata dunha sociedade anónima de carácter privado que no ten recibido axudas públicas para o seu saneamento é sen dúbida unha boa operación para os accionistas.

Mais esta operación transcende do interese dos accionistas. Pode ter efectos negativos para o noso país. Son previsibles e evidentes sobre o emprego directo no banco, pero o efecto indesexable máis importante é o da perda de proximidade dos órganos reitores coa sociedade galega. O traslado da sede operativa a Madrid afasta o centro decisorio non só dende un punto de vista xeográfico senón mesmo cultural. Galicia vén perdendo peso industrial nos últimos anos.  Grandes empresas do país foron absorbidas polos centros industriais de Madrid e Barcelona. Moitas das PEMES galegas que por medio das súas vendas a esas grandes empresas tiñan acceso aos mercados exteriores teñen desaparecido ou están a pasar por graves problemas financeiros. A concentración industrial en grandes áreas está a ser reforzada agora pola concentración financeira. É previsible que o acceso ao financiamento sexa cada vez máis difícil para as nosas PEMES. Se temos en conta ademais que as operación financeiras dos galegos son maiormente colocación dos seus aforros en contas e depósitos e que os bancos prefiren facer as súas colocacións de crédito en grandes empresas que operan en sectores de actividade novos, con elevadas taxas de crecemento, como as situadas nos grandes centros industriais e de servizos, podemos intuír que esta operación vén reforzar o proceso de subsidiación da economía galega. A nosa economía perde empresas, diminúe a súa capacidade exportadora, empeora a súa balanza comercial e cos procesos de concentración financeira exporta capitais a través do circuíto financeiro……. Non é estraño que a mocidade galega  mellor preparada emigre e que perdamos poboación.

Un artigo de Moncho Eanes para o Tempos Novos de novembro

Avatar of Tempos Dixital

Edición dixital da revista Tempos Novos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011