ECONOMÍA

Manuel Rivera: “A economía solidaria non nos sacará da crise, pero garantirá a calidade de vida”

A equidade, o traballo, a cooperación ou o compromiso co medio ambiente son algúns dos preceptos básicos da chamada economía solidaria, unha alternativa ao actual modelo capitalista, que busca desenvolver proxectos empresariais en convivencia co medio e as persoas. En Galicia, unha das caras visibles deste movemento é Manuel Rivera, presidente da asociación de economía social Briante e promotor da cooperativa intercultural Armeria. Rivera avoga por concienciar á sociedade da existencia dunha alternativa á economía de mercado que permita levar a cabo un desenvolvemento social, ecolóxico e colectivo.

Pode entenderse a economía solidaria como a redefinición da economía capitalista buscando un fin social por enriba do financeiro?

O capitalismo tal e como o coñecemos ten sempre unha finalidade financeira que é a de obter sempre o máximo beneficio. A economía solidaria non abandona esta idea, xa que ten que buscar un excedente para poder afrontar novos proxectos, pero ademais busca reforzar dous aspectos a maiores. Por unha banda, revalorizar o concepto de persoa xa que sempre pon a persoa no centro da súa actividade; e por outro avoga pola sostibilidade medioambiental. Conta pois con tres balances: o financeiro, o social e o ecolóxico.

A economía solidaria conta con tres balances: financieiro, o social e o ecolóxico

Cales son as principais diferencias entre a economía social e a economía solidaria?

Son bastante parecidas pero a economía solidaria vai un paso mais aló. A diferencia máis clara atopámola a finalidade última da empresa. A economía solidaria caracterízase porque busca mellorar a calidade de vida das persoas sempre respectando o equilibrio medioambiental. Unha cooperativa que traballe na industria armamentística nunca sería solidaria porque o seu fin non é a mellora da calidade de vida da xente.

Agora que se están amosando as deficiencias da economía capitalista, cre que é tempo de potenciar as vantaxes que ofrece a economía solidaria?

É tempo para esforzármonos nese sentido xa que vai ser unha grande alternativa de cara o futuro. Cada vez hai mais xente aquí ou en España que queda excluída da chamada economía de mercado. Non só os cinco millóns de parados senón aqueles que están resignados e perderon a esperanza de atopar traballo. Se miramos en África ou Latinoamérica hai grandes proxectos de economía social que se están destapando como unha alternativa real para toda esta xente. Polo tanto é necesario artellar formas que conten coa axuda da Administración para darlle viabilidade a microproxectos de todos estes colectivos que quedan fóra do sistema.

A economía solidaria atende especialmente a inserción laboral de persoas con algún tipo de deficiencia ou discapacidade… Cre que falta cultura política en materia de inserción?

As administracións deben potenciar ou animar ás asociacións e colectivos que teñen dificultades a crear iniciativas emprendedoras. Non só se debe animalos, senón que deben participar no capital social e crear unha lei que posibilite esta colaboración. Porén nunca se deu o caso, e é bo un momento para facelo. Outra vía é a de establecer cláusulas sociais, é dicir, que calquera contrato que fai a Administración prime a inserción de persoas con algún tipo de dificultade para incorporarse ao mercado laboral.

A tarefa pendente da economía alternativa é a de concienciar a xente e facerse máis visible?

Sí. Eu creo que concienciación debe comezar dende a escola. Aproveitando que agora se traballa moito na ESO e no bacharelato coas iniciativas emprendedoras hai que focalízalo no eido social para que se vexa que tamén existen este tipo de proxectos. Débese enlazar a iniciativa emprendedora no ensino coa educación en valores. Afortunadamente hai moitos institutos que incorporan a educación en valores e xa hai algúns colexios traballando con nenos en microproxectos de cooperativas. Son experiencias illadas pero moi interesantes.

Dende hai tres anos as iniciativas solidarias están medrando moito en Galicia 

Estase avanzando a nivel de Galicia neste tipo de iniciativas?

Dende hai tres anos para aquí fíxose un gran avance porque se desenvolveu a rede de economía alternativa e solidaria (REAS Galicia), antes só tiñamos experiencias illadas. Ademais temos un proxecto de banca ética moi puxante como Cop57 que é unha cooperativa de financias solidarias con implantación en Galicia e que está medrando moito. Isto fai que sexa cada vez máis visible para moita máis xente e que entidades en crise queiran incorporarse a estas iniciativas en canto se recuperen pouco porque son unha saída real e é o que lles vai a facilitar ter unha calidade de vida digna.

Un dos maiores retos do novo Goberno será o de crear emprego. Cre que vai a haber espacio para políticas que fomenten a economía solidaria?

Teremos que facer un traballo de abaixo a arriba xa que haberá que presionar a tódalas entidades sociais para que se aposte pola cultura de traballo en equipo e cooperación. Goberne quen goberne non nolo van a dar feito, eu creo que coa crise actual vexan que é unha alternativa. Non é que nos vaia a sacar da crise, pero vai a ser unha alternativa para manter a calidade de vida da xente.

 

INICIATIVAS SOLIDARIAS

O I curso de economía alternativa e solidaria, organizado pola cooperativa de comercio alternativo Panxea en colaboración da USC serviu para dar a coñecer algunhas das vantaxes deste modelo económico, así como para facer visibles proxectos que teñen como obxectivo promover un modelo de desenvolvemento sostible. Algunhas das iniciativas máis novidosas a nivel galego presentadas nestas xornadas foron as do banco de tempo Fervello e a nova moeda social, o Galeuro.
Fervello preséntase como un portal de troco no que se intercambia o tempo libre por medio dunha rede de oferta e demanda onde cada persoa usuaria porá a disposición colectiva aquilo que mellor sabe facer a cambio da cobertura dalgunha necesidade puntual. Pola outra banda, os Galeuros son a primeira moeda social electrónica galega. Cada galeuro equivale a un euro convencional co que se poderán comprar produtos ou servizos. Esta moeda obtense principalmente na tenda Fillos de Galicia, onde por cada compra realizada o comprador recibe unha certa cantidade en galeuros proporcional ao importe do seu gasto.

Avatar of Zoraida Rial

Estudante de xornalismo. No twitter: @Zrial
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011