ECONOMÍA

Privatización das caixas galegas: a crónica dunha morte negada

O Banco de España a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria cumpriu puntualmente a comezos de outubro a súa ameaza de nacionalización de Novacaixagalicia, paso previo para a súa total privatización. A nova, que coincidiu coa da compra do Banco Pastor polo Popular, supuxo a culminación dun proceso de perto de dous anos que significou o desarraigo dos centros de decisión financeiros galegos. Cúmprense así as predicións dalgúns economistas, como o catedrático de Economía da USC, Xavier Vence, que alertaron xa en 2009 que o verdadeiro perigo que se agochaba tras as predicións apocalípticas sobre o negro futuro de Caixa Galicia e Caixanova por separado era a ameaza de desmantelamento dun sistema financeiro propio e próximo ao tecido económico. O fin da historia, tantas veces negado desde determinados sectores políticos, estivo precedido por un camiño de ambigüidade e cambios de opinión.

Hai dous anos a Xunta aínda non definira a súa postura sobre o futuro das caixas galegas. A finais de outubro, Feijóo deixaba aínda certo marxe de manobra ás direccións de Caixa Galicia e Caixanova. Pese a recoñecer que a tutela financeira das entidades “correspondía á Xunta”, amosábase disposto a escoitar a “explicación das caixas”. A incógnita sobre a posición da administración autonómica despexouse a comezos de decembro. Todas as iniciativas para fusionarse con entidades doutras comunidades serían vetadas polo Goberno galego, que apostaba pola integración das dúas grandes caixas.

O discurso a prol da fusión apoiouse nunha auditoría externa encargada pola Xunta e practicada pola consultora internacional KPMG. A finais de xaneiro de 2010, a conselleira de Economía e Facenda, Marta Fernández Currás, presentaba o resultado das indagacións dos expertos privados: o proceso de fusión mantería a solvencia e aseguraría a galeguidade. A entidade resultante sería, segundo o estudio, “a quinta de España por volume de activo” e os custes da fusión “quedarían amortizados en 2013”. Currás asegurou tamén que a nova entidade daría “beneficios desde o primeiro ano”. O proceso para determinar o futuro de máis da metade do aforro galego durou un mes e custou ás arcas públicas arredor dun millón de euros.

Unha lei de caixas inaplicada

No ámbito normativo, a fusión deixou varias reformas no Parlamento de Galicia e unha sentenza do Tribunal Constitucional. A principal reforma da Lei de Caixas produciuse tras o apoio do maioritario grupo parlamentario popular a unha proposición do BNG, que foi aprobada no Hórreo o 30 de decembro de 2009. A entrada de representantes autonómicos nos órganos de goberno, a modificación das incompatibilidades dos seus membros e o outorgamento expreso da competencia para autorizar fusións interrexionais á Xunta constitúen os seus puntos principais. O Goberno central non tardou en recorrer a lei por inconstitucional, o que implicou a súa suspensión automática. En xuño, a sentenza restituía a maior parte da lei, pero deixaba sen efecto a autorización previa do Goberno galego a fusións interrexionais.

Logo do 11 de maio de 2010 a declaración de inconstitucionalidade da lei de caixas preocupaba menos en San Caetano

Pero logo do 11 de maio de 2010 a declaración de inconstitucionalidade dese punto preocupaba un pouco menos en San Caetano. Ese día Feijóo anunciara en directo pola TVG que Galicia permanecería “no mapa financeiro español cunha caixa de aforros, froito do acordo das caixas por unha fusión equilibrada e paritaria”. O 1 de decembro dese ano comezaba a operar a fusión baixo a marca de Novacaixagalicia.

Durante todo o proceso, o PSdeG debatíase entre o apoio do seu secretario Xeral, Manuel Vázquez, ás políticas impulsadas desde Madrid a favor da bancarización e privatización das caixas e a defensa pechada dos alcaldes socialistas ás direccións das súas respectivas caixas territoriais. Abel Caballero fixo unha demostración de forza en febreiro de 2010 ao mobilizar case 20.000 persoas en contra da fusión con Caixa Galicia. Polos altofalantes instalados no percorrido da manifestación, o speaker alentaba aos concorrentes a non permitir o expolio de Caixa Vigo.

A caixa foi entregada a Castellano, ex de Inditex e daquela vicepresidente de La Voz de Galicia

Os cambios de criterio do Goberno central na esixencia dos índices de solvencia ás caixas a comezos de 2011 derona volta de porca definitiva ao proceso. O equipo de Zapatero advertiu en febreiro de que se non se cumprían antes deste outubro, o Banco de España tomaría o control. Non houbo prórroga no prazo. Nos oitos meses que mediaron, a caixa foi entregada a José María Castellano, ex de Inditex, presidente da compañía de telecomunicacións ONO e vicepresidente de La Voz de Galicia até xuño, previa bancarización da caixa para atraer capital privado. Feijóo apuntouse a esta solución como método, na súa opinión, para salvar a galeguidade das caixas. O resultado, depreciación de arredor do 90% dos activos da caixa, nacionalización a prezo de saldo e fin da obra social.

Non é cuestión de tamaño

Comprobar se os vaticinios dos economistas críticos coa fusión sobre as desastrosas consecuencias da perda da banca local para economía se cumpren é cuestión de tempo, quizais non de moito. Xavier Vence recordaba recentemente que o exemplo da fusión de Caixanova indica, unha vez máis, como vén ocorrendo desde a quebra de Lehman Brothers en 2008, que tamaño non é sinónimo de forza, polo menos no universo bancario.

Ninguén semella disposto a responsabilizarse da desfeita. A ambigüidade dos discursos políticos, a amplitude dos intereses en xogo e o cambiante panorama de alianzas políticas non facilitan o reparto de culpas. Un dos protagonistas dos últimos días, José María Arias, que pilotou a venda do Pastor, si que se atreveu nos últimos días, non sen certa carga cínica: “O que hai que preguntar lles aos galegos é que queren para Galicia e unha vez que o determinen, miren a ver como poden facelo. O que non poden é esperar a que veña alguén de fóra a resolverlles os seus problemas”. Á luz do acordo entre as caixas vascas e Bildu, no que se garante o control do banco polas asembleas das caixas prohibindo o capital privado e o 30% dos beneficios para a obra social, a conclusión pode ser deprimente.

Avatar of Xurxo González Fernández

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011