ECONOMÍA

Antón Costas: «A sociedade define o que é ético ou non, a lexislación pública non pode».

Antón Costas Comesaña é unha voz rigorosa a prol dun discurso económico documentado en datos e diagnósticos a través da práctica do seu deporte principal: a ciencia económica entendida como materia ética, social e dialogante.  A entrevista foi conversa, lección maxistral e unidade didáctica de economía, política, psicoloxía, socioloxía e biografía con este membro da xeración dos 50 que leva moito mundo ás costas dende a súa inserción laboral aos 14 anos como aprendiz na sección de fundición dun estaleiro vigués ata a cátedra de Política Económica da Universidade de Barcelona, pasando por enxeñería técnica industrial,  consellos de administración, produción de ensaios teóricos e divulgación do seu pensamento en xornais e revistas de referencia mundial.

AMBICIÓN, COBIZA

«Eu xa dixen que a cobiza era boa, agora sabemos que é legal”, di o personaxe central de Wall Street 2 como interpretación da crise de 2007-2008. A ambición, a cobiza é o motor que move o mundo e provoca bolsas e épocas de riqueza seguidas de crises profundas?

Xa Adam Smith falara do interese persoal, privado, como motivador da conduta humana, da avaricia, a cobiza, como motor de riqueza. Dende finais dos anos 80 esa avaricia encontrouse sen os límites que lle permiten ao interese privado actuar segundo a lei de gases de Gay Lussac: se pode estender sen límite que a conteña. Eu doulle máis importancia á desaparición dos límites que á procura do interese persoal.

Cal sería a folla de ruta da expansión ilimitada que leva á crise?

A maioría dos gobernos, dende os 80-90, prescinden da regulación pública, o que lle chamamos liberalización ou desregulación. Ao mesmo tempo, no ámbito social, desaparecen institucións con capacidade de contención da avaricia como a prensa, medio social que é quen de manter unha sanción ética ou moral sobre comportamentos inaceptables, ou os sindicatos, pola definición que facían do que era admisible ou non no ámbito empresarial.

A “NOSA” CRISE (EUROPA E NORTEAMÉRICA) VS. O CRECEMENTO ECONÓMICO (CHINA, INDIA, BRASIL…)

Distintos patróns políticos fixeron desenvolver outros modelos de capitalismo como o chinés, o indio, o brasileiro ou o ruso. Non estaremos analizando dende a política e a universidade un punto de vista ético ou moral cando na súa aplicación práctica o capitalismo é darwinismo onde sobrevive quen se adapta mellor ás cambiantes circunstancias políticas, económicas, sociais e culturais?

No longo prazo, no capitalismo mundial, máis que no occidental, creo que estamos a pasar por unha época similar á Idade Dourada de final do XIX e comezos do XX, aquel capitalismo que descobre a capacidade dos mercados para crear riqueza, á súa vez acompañada dunha gran desigualdade. O capitalismo dos patricios ingleses ou de grandes prohomes como os Ford, Rockefeller, os Buddenbrook de Thomas Mann…,  creo que estamos volvendo neste final do XX, comezos do XXI, á época dourada, á Belle Epoque, un capitalismo de billonarios -supoñemos sobre uns 25 grandes billonarios indios- que dan unha imaxe de dinamismo económico e social espectacular. Ao igual que o capitalismo da época dourada, non é descartable que a medio prazo teñamos consecuencias político-sociais notables e solucións de natureza populista-fascista…

Teño a sospeita de que ese aumento na desigualdade da renda ten unha gran capacidade explicativa da crise

Coa volatilidade coa que se producen os acontecementos económicos, non sei se será mellor a análise económica en clave da historia inmediata que deu lugar á crise, máis que prospectiva…

Na economía occidental, dende mediados dos anos 70, invértese a redución da desigualdade no reparto da renda, que viña dende o remate da II Guerra Mundial ata os 70. En todos os países occidentais, máis nos anglosaxóns, comezamos a rexistrar, de novo, un aumento espectacular na desigualdade da renda. Teño a sospeita de que ese aumento na desigualdade da renda ten unha gran capacidade explicativa da crise que acabamos de vivir.

Distinguindo a desigualdade da pobreza, nos tres últimos anos da crise, a desigualdade segue aumentando. As solucións que aplicamos inciden nesa desigualdade e creo que se a desigualdade continúa aumentando –pode que se incremente na próxima década- imos cara a un escenario populista-fascista.

O GRAMEEN BANK E AS CAIXAS DE AFORROS

Occidente publicitou e premiou a experiencia do Grameen Bank e os microcretos, como parte da súa mala conciencia cara ao subdesenvolvemento e á pobreza. Á vista dos datos, non foi tanto unha boa práctica senón un enfeudamento da pobreza e un enriquecemento empresarial oportunista e pouco ético…

Os microcretos foron un factor, como o foron dende a súa creación en Italia, os “montes de piedade”, orixe das caixas de aforros no noso país, pero non son unha alternativa ao capitalismo. As caixas de aforro teñen, dende finais do XIX e comezos do XX, un elemento de inclusión financeira dos sectores sociais máis marxinais. E tiveron grande éxito en España, nese sentido:  unha boa parte da poboación española, particularmente Galicia, o único contacto que teñen co mundo financeiro, aínda hoxe, é a través do seu depósito na conta da caixa de aforro.

Na reconversión das caixas, vía disolución e bancarización, parece que prima máis o concepto histórico, o patriotismo local-provincial-autonómico, que o rendemento de contas e responsabilidades despois dunha década tamén de Belle Epoque e opulencia…

Historicamente, as caixas son unha historia de éxito polo papel extraordinario de inclusión financeira dos segmentos humildes, pobres e marxinados da sociedade, facilitándolles o pequeno aforro e o pequeno creto inmobiliario. Tamén serviron como elemento de cohesión e fomento económico-territorial e, finalmente, foron un mecanismo de creación de emprego de calidade. Estes tres factores danlle un valor económico e social para a poboación e o territorio circundante moito máis elevado que o seu valor patrimonial en libros.

Nos últimos 30 anos, o éxito das caixas, unido a unha regulación financeira demasiado estrita, levou á idea de deixalas operar en calquera tipo de negocio ou activo, facelas similares aos bancos. Ata aquel momento, as caixas non podían dar máis cretos que o volume de depósitos que colleran no seu territorio, o que mandaba era o responsable de pasivo: non teño máis pasivo, freo o creto. Xamais se daba un creto por máis do 80% do valor nin un creto a un promotor para comprar solo… A partir do 2000-2001, o modelo tradicional de negocio das caixas rómpese. Esa desregulación, tanto en termos de operativa financeira como territoriais, esquece que a estrutura de propiedade e xestión das caixas non tiña nada que ver coas dos bancos.

Vostede denominou a crise das caixas de aforros como o maior abuso financeiro da historia.

A partir do 2000-2001, o modelo tradicional de negocio das caixas rómpese

A partir de 2000-2001 en occidente aparece unha nube espectacular de aforro que vén de Alemaña e China e que lles permite, entre outros, ás caixas, financiarse, facer medrar o creto, pero xa non apoiándose no pasivo captado nas oficinas senón collendo as hipotecas que cada semana ou cada mes daban, levalas a Londres ou a Frankfurt, vender –titulizar, diciamos- esas hipotecas neses mercados, traer diñeiro deses mercados maioristas, e seguir expandíndose sen límite. E cando chega o tsunami do 2007-2008 colle as caixas absolutamente apalancadas, por un lado, e cun modelo de propiedade e xestión incapaz de reaccionar a curto prazo. O Banco de España non fixera ben o seu papel de inspección e supervisión e cando chega o 2008 tampouco é quen de darlles resposta rápida aos problemas de liquidez e de solvencia… Como resultado, a día de hoxe, temos a práctica desaparición das caixas como instrumentos de creto local, para pasar a ser ou apéndices de bancos ou novos bancos que moi pouco van ter de raíz no territorio de procedencia: o maior abuso financeiro da nosa historia porque rematou cun modelo de inclusión financeira, unha estruturación do territorio (en Galicia, no 2010, as dúas caixas representaban o 50% de todo o creto galego, tanto a familias como a empresas) e un foco de creación de emprego de calidade.

Foi como un andazo, era imposible telo previsto?

Non para todas: Ibercaja ou as caixas vascas non se deixaron levar e están ben capitalizadas.

Por que os directivos das caixas, ante o dilema de recorrer ao FROB ou aos mercados de capitais privados, optan maioritariamente polos segundos?

O capital privado esixe niveis de rendibilidade moi elevados, entre o 20-40% en dous anos. Dado que nos próximos anos o sistema financeiro español se vai mover con marxes de intermediación moi baixas e polo tanto rendibilidades moi baixas, non poderán pagar esa rendibilidade do novo capital que entra en base á rendibilidade da operativa financeira. Como van ter que financiar?, baixando o prezo do capital de compra dos activos por parte dos novos investidores: vender a prezos de saldo os activos, porque esa caída de prezo é a garantía da rendibilidade do novo capital que entra. E non hai outra posibilidade nin misterio: o máis probable é que as caixas de aforros que venden a prezo de saldo unha parte moi importante, en casos máis da metade do seu capital, verémolas como institucións financeiras privadas dentro dun tempo.

O CAPITALISMO COMO METÁFORA E RELATO:  CONSPIRACIÓNS, CASINO, ESPECULACIÓN, CONTRAPODERES…

Imos sabendo que é, aproximadamente, o capitalismo?

Eu concíboo como un sistema homoestático. Para que se desenvolva ben necesita uns reguladores, manter unhas variables dentro duns limiares determinados, como o sangue. Nos animais de sangue quente, tense que mover entre uns niveis máximo e mínimo. Se se superan eses limiares de temperatura, tanto por arriba como por abaixo, hai un risco. O sangue ten uns reguladores, no hipotálamo, e controlan que o sangue flúa entre eses dous parámetros.

Para que a busca do interese persoal non leve a unha creba do sistema capitalista, creo que debe haber dous reguladores: un é a regulación pública, que define o que é legal, e o outro a regulación social, define o que é lexítimo, moral ou inmoral. A sociedade é a que define o que é ético ou non, a lexislación pública non pode.

Mans negras, mans invisibles, mercados, especulación e apocalipse como onmiexplicacións da crise, usan o concepto sociedade como suxeito histórico ideal, sen segmentos sociais con intereses, familismo, individualismo, emulación, paternalismo, etc.  Semella que esconxuramos a responsabilidade con fados inapelables: é crible que algún dedo da man invisible da Fortuna ou da man negra do Fracaso sinalara e obrigara a cada cidadán a hipotecarse?

Sabemos moi ben como funciona a economía de mercado. Minsky explicouna como maníaco-depresiva, movida non por factores racionais senón por sentimentos que nun momento determinado se fan maníacos (unha euforia onde parece que todo é posible e non hai limitación) e outro tipo de comportamentos onde entra o medo, a desconfianza, e entran na fase de depresión.  As fases de manía teñen que ter un elemento adicional: a aparición de creto moi abundante. Non hai fase maníaca sen liquidez, sen creto abundante e barato que explica que persoas educadas, criadas, nacidas en ambientes con disciplina transmitida polas vellas xeracións -“non hai pesos a catro pesetas”- como mensaxe de contención, nas fases expansivas rompen todos os límites. Dicía miña avoa, “non hai timo sen que existan timador e timado”. Na situación financeira que acabamos de vivir, todos temos certa responsabilidade porque non obrigaban a ninguén a coller un creto que agora sabes que non podías pagar, pero na euforia pérdense os límites do posible ou imposible.

O sistema capitalista libera unha enerxía fantástica, como a nuclear, pero sempre que estea nos limiares, que non a deixe saír. Cando chega a ruptura de límites chegamos a crer que os mercados son eficientes na asignación de recursos, unha retórica ou liturxia case relixiosa que se colou dende as escolas de negocios, que non é teoría económica nin ten fundamentos, pero foi crenza real e universal.

SINDICALISMO SEDENTARIO E EMPRESA GREGARIA

Recoñecéndolles o gran papel histórico na Transición, modernización e adaptación das relacións laborais a novos marcos, non cre que os sindicatos se foron tamén “partidizando” e corporativizando na defensa de grandes grupos de afiliados ata acadar gran rexeitamento por parte dos grupos de idade máis novos, de difícil inserción no mundo do traballo?, a imaxe real e metafórica do Ministro de Traballo actual como apóstolo das reformas económicas estruturais ás que hai pouco se opoñía, dende o outro lado do mostrador, como sindicalista da UGT, non son deslixitimadores do rol sindical?

Os sindicatos son un produto da economía de finais do século XIX e os dous primeiros terzos do XX, da concentración laboral en grandes fábricas. Cando esta economía cambia a finais dos 70 e hai a reconversión industrial, revolución tecnolóxica e economía máis diversificada, de servizos, os sindicatos van experimentando, cada vez máis, unha incapacidade para poder representar ese novo tipo de economía e ao novo tipo de traballadores que se move ao redor dela.

Podémolos acusar de non recoller as reivindicacións da xente máis nova?, pois si, pero é que a transformación que tiveron é espectacular, non miro outro tipo de institucións que se adaptaran mellor ca eles. No ámbito económico, nin as propias patronais, que seguen representando a economía de fábricas e de empresarios anteriores. Estando de acordo na crítica, hai que comprender o tremendo reto do sindicalismo tradicional para adaptarse a unha economía sen raíces nun territorio concreto. Os da nosa idade temos na cabeza unha imaxe, unha metáfora, os estaleiros, as fábricas que mirabas cando eras pequeno e seguías mirando cando eras maior. Pero a economía hoxe non é sedentaria, é gregaria, de difícil localización. O sindicalismo enfróntase a unha economía sen territorio concreto.

“POR UN POSTO DE TRABALLO DIGNO, NA NOSA TERRA”

O sindicalismo dos 70 e 80, en Galicia, clamaba por “un posto de traballo digno, na nosa terra”. Para unha parte da nosa xuventude, sobre todo da cualificada, a mobilidade territorial significou poder desenvolver o seu coñecemento e capacidades por todo o mundo, significadamente en Europa, e forma parte da súa identidade persoal, social e territorial. Non obstante, parte do discurso político e sindical demoniza a mobilidade territorial.

Durante moitos anos, en Galicia considerouse que a emigración era unha sangría, que empobrecía. Hoxe, historiadores e sociólogos teñen unha visión máis complexa. Foi un elemento dinamizador para o territorio. Teño un fillo traballando en Inglaterra e alguén me di, “é unha pena, tan lonxe”, e aínda que eu lle retruque que el está contento e recoñecido no seu traballo, a miña interlocutora consideraba que era triste “ter que ir fóra buscar traballo…”. Eu estou en Barcelona, el está en Inglaterra. Medindo a distancia, el está máis preto de Galicia ca min. Á situación del chámanlle emigrar, buscar traballo “fóra” e ao traballo en Barcelona, non. Non obstante é unha mobilidade laboral, máis ca unha emigración, non?

Visito con frecuencia, polo meu traballo, Marrocos e practicamente toda América, e miras o impacto modernizador da volta de xente aínda nova que retorna, ou en Colombia, espectacular…, en Galicia deberiamos ter unha visión distinta menos tradicional e convencional desta dinámica.

IDENTIDADES E MAPAMUNDI: MÁIS É IGUAL A MELLOR GLOBALIZACIÓN?

Na economía mundializada, cal é o espazo das autonomías e a alternativa federal en España? Hai lugar no futuro para espazos autónomos ou federais?

A relación Estado español e autonomías pódese ver como un pequeno laboratorio do que está a acontecer a nivel global, unha confrontación entre globalización-Estado nacional-democracia/sociedade máis participativa. É un trilema.

Unha das primeiras acusacións que se lles fai en España ás autonomías, é que rompen a unidade de mercado, o espazo económico. Por iso falaba de trilema. Creo que unha das grandes tensións das próximas décadas vai ser a tendencia da economía a buscar espazos máis abertos (a idea da globalización), a tensión da sociedade de buscar un maior grao de participación nas decisións, e unha tensión dentro dos estados para buscar espazos para políticas nacionais ou locais que sexan compatibles con esta globalización.

O Estado das autonomías en España creo que é unha estrutura que veu para quedarse, non lle vexo retroceso, na esencia. O que si creo é que estará sometida a unha tensión que pode ser entendida, en moitos casos, como viaxes de ida e volta. Non vexo que avance a idea de devolverlle competencias ao Estado, nese sentido é un billete de ida da concepción soberana, federal, da realidade política española. Hai outras persoas que consideran que compraron un billete de ida e tamén de volta, en certo sentido.

O Estado das autonomías míroo cunha visión máis benéfica,  como exercicio de procura de espazos locais rexionais para políticas propias que, sen rachar o ámbito máis global, sexan quen de buscar un interese máis xeral. A visión máis perversa, que ves con máis frecuencia, son políticas locais ou rexionais, localistas, que non teñen detrás unha busca dun interese xeral senón, en moitos casos, con nome e apelidos. Isto tamén existe a nivel local, dentro da UE ou na economía global. O de que “hai que ter un goberno global da economía”, creo que é un erro repetido en voces progresistas e conservadoras: creo que neste momento “máis” non é “mellor” globalización. Ao contrario, creo que o gran reto que temos diante é como, sen cuestionar os niveis de apertura comercial, financeira, global, somos quen de buscar espazos ou políticas nacionais para regulacións que busquen obxectivos específicos para poboacións específicas.

Este artigo foi publicado no número de setembro de 2011, da revista TEMPOS Novos. 

Avatar of Manuel Pérez Rúa

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011