ECONOMÍA

Manuel González López: «Galicia non perdería soberanía se avanza a integración europea»

Conversamos a primeiros de outubro con Manuel González López (Outes, 1975), profesor de Economía Aplicada na USC e con ampla experiencia no eido dos proxectos europeos e de cooperación ao desenvolvemento. Dous temas ocuparon a entrevista… a situación de crise na zona euro causada polos problemas para o financiamento dos Estados periféricos da Unión -os famosos PIIGS da prensa económica anglosaxona- e a inacción da actual Xunta de Galicia en materia de política económica, agraria e industrial.

Habería que analizar moito sobre o papel do Banco Central Europeo nesta crise, que segundo o Tratado do Funcionamento da Unión ten como cometido principal a estabilidade de prezos.

Iso ten que ver coa teima alemana coa inflación, despois do que pasou no período de entreguerras, o que por certo levou ao BCE a trabucarse no comezo da crise, cando subiron os tipos de interese no 2008. De todos os xeitos, neste momento o Banco Central Europeo xa está actuando de facto como algo máis que como un instrumento de control da inflación, xa que está comprando títulos de débeda no mercado secundario.

Si, mais tardaron en facelo, por que?

Entre outras cousas polas enormes tensións políticas ás que está sometido o Banco Central Europeo. O economista xefe do BCE, que era alemán, vén de dimitir porque non estaba dacordo con estas medidas, con que se actúe nos mercados secundarios para mercar débeda pública dos estados periféricos e así impedir que suban demasiado os xuros que teñen que pagar. No fondo é un paso adiante pola porta de atrás que pon en evidencia as carencias da arquitectura institucional da Unión Económica e Monetaria. A creación do Fondo Europeo de Estabilidade Financeira e o novo sistema que o substituirá en 2013 é un paso cualitativo importante que debería servir xustamente para facer o que fixo o BCE, pero é pouco flexíbel e insuficiente.

E o risco do caos total, da desaparición do euro, dunha recesión interminable, existe realmente?

Pois si. En primeiro lugar, porque nin Francia nin Alemaña teñen ningún tipo de estratexia salvo gañar tempo. Gañar tempo para que? O que din moitos economistas é que se vai producir un “semi-default” pactado de Grecia, e de feito xa o houbo porque están renegociando as condicións da débeda, facendo unha especie de quita, é dicir, terían que pagar unha cantidade e ao final pagaran outra inferior. Se iso sucede, logo teremos que recapitalizar os bancos europeos que posúen débeda grega, nomeadamente os franceses. É dicir, o mesmo que pasou co afundimento de Lehman Brothers. Ollo que tampouco é correcto falar de regalar diñeiro á banca, máis ben o que sucede é un préstamo en condicións vantaxosas. Outra cousa é o que está pasando aquí coas caixas onde se está a entrar no capital como socio moi maioritario para logo saír as primeiras de cambio, malvendéndoas.

Nin Francia nin Alemaña teñen ningún tipo de estratexia salvo gañar tempo

Entón, os “eurobonos” serían alternativa á crise da débeda dos países periféricos da Unión…?

O que se está poñendo en evidencia con esta crise son dous problemas. Por un lado, o que xa existía da desregulación dos mercados financeiros e da consecuente financeirización da economía: é dicir, que o sector financeiro ten máis importancia da que sería oportuna e necesaria. Isto provoca un elevado endebedamento privado de familias e empresas, ligado á burbulla inmobiliaria, porque houbo un crecemento financiado con recursos que proviñan dun mercado financeiro desregularizado.

O segundo problema é o deseño incompleto da Unión Económica e Monetaria. Estabeleceuse o camiño para que chegase o euro, pero faltaba unha pata: a existencia dun tesouro común europeo. É dicir, a existencia dunha organización que poida emitir débeda de xeito mancomunado. Outros economistas tamén poñen de manifesto a necesidade dun orzamento comunitario para reequilibrar diferenzas entre países. O problema que tivemos coa entrada do euro é que houbo acceso a crédito fácil con tipos de interese moi baixos, nunhas condicións moi vantaxosas por parte dos países da periferia. A partir da entrada en vigor do euro todos os estados comezaron a ter un sistema financeiro moi interconectado. Para un banco español acudir a un financiamento barato foi moito máis fácil. Entón, coa entrada da moeda única, do mesmo xeito que en Alemaña se produce unha clara mellora da balanza comercial -élles moito máis fácil exportar porque teñen unha industria moi potente- pois no caso dos estados periféricos o que se manifesta é un déficit comercial crecente e unha chegada de capital dos países centrais que axudaría a explicar a burbulla inmobiliaria. Obviamente isto está relacionado coa globalización e a desregulación financeira a nivel mundial, pero en Europa iso multiplícase.

Entón, o euro causou a burbulla?

As “burbullas” están na xénese do sistema capitalista, son comportamentos de manada, os “animal spirits” dos que falaba Keynes. É un comportamento irracional porque ten resultados agregados desastrosos, aínda que pode ser “racional” desde un punto de vista individual. Por iso eu non quero culpar de todo ao euro, creo que o euro pode ser unha parte non pequena do debate pero creo que tamén hai que falar da desregularización dos mercados, particularmente dos financeiros. Porque digo isto? Porque outros países tiveron euro e non tiveron burbulla inmobiliaria, e viceversa, como no caso británico.

As “burbullas” están na xénese do sistema capitalista, son os “animal spirits” dos que falaba Keynes

O problema non é o déficit público, como din os economistas neoliberais, logo…

Pois como xa dixo Krugman, o caso de Grecia é o único no cal a crise ten como compoñente un exceso de endebedamento público, ademais de Italia que leva arrastrando unha importante débeda dende sempre. A idea á que quero chegar é que tras unha situación de crise global na que os Estados tiveron que caer en déficits moi importantes produto da crise, da caída de ingresos e tamén de que aumentaron os gastos sociais non valen solucións puramente individuais como queren algúns mandatarios europeos. Todos teñen que intervir, porque o sistema enteiro está interconectado e entón non vale romper a baralla, con ameazas de botar a algún país do euro ou mesmo de saírse , porque iso provocaría unha recesión brutal e á propia Alemaña lle viría moi mal. Dito así, desordenadamente, o que fai falta é un tesouro único a nivel europeo e avanzar tamén cara a unha certa harmonización fiscal. Non ten sentido que creados este tipo de mecanismos, no que todos imos garantir a débeda de todos, se lle permita a Irlanda que teña un imposto de sociedades que sexa a metade do resto. E claro, isto si implicaría perda de soberanía dos Estados.

Aquí hai por certo un tema moi interesante que discutir, que é a influencia disto para Galicia como nación periférica. Pois Galicia, en termos de autonomía económica e financeira non perde practicamente nada porque agora mesmo non temos grandes competencias nese ámbito: quen cede soberanía é o Estado-Nación. Que soberanía podemos perder nós que temos unhas ferramentas de política fiscal superlimitadas? Galicia seguirá xestionando boa parte do Estado do Benestar así como políticas activas, de estímulo, en materia de política industrial e de innovación ou de apoio ao medio rural, que son as mesmas competencias que xa ten pero non exerce.

Creo que a estas alturas da película saírse do euro sería moi negativo. Hai quen di que visto que non podemos dar o paso agora cara a unha maior gobernanza económica da UE e visto o visto ao mellor non valía a pena ter entrado, porque é certo que había e sigue habendo fortes asimetrías nas economías da UE, en moitos casos culturas institucionais moi dispares, como no caso grego. O caso é que agora témolo e os custos de saír serían moi elevados. Podería producirse, como xa teño dito, unha fuga de capitais ao estilo do “corralito» e os axustes terían que ser os mesmos ou peores. Agora ben, hai quen prantexa que Grecia ou outros Estados poidan saír dun xeito máis ou menos ordenado e manter unha UEM máis reducida. Eu teño bastantes dúbidas sobre esa solución.

Pero o mesmo se dixo no seu día de Arxentina, cando deixou de pagar ao FMI e abandonou a convertibilidade peso-dólar, e seica iso foi o que os salvou…

Ben, eu non sei se iso os salvou ou non, Arxentina está bastante mal neste momento. Pero en todo caso, o grao de interdependencia económica de Grecia co resto de Europa é bastante maior que o que tiña Arxentina co exterior, e en segundo lugar, o grao de endebedamento público grego agora é brutal. Polo que teño lido, a situación agora é moito peor en Grecia que en Arxentina no seu día.

O orzamento europeo agora podería ser un bo elemento para que se actuase en Grecia por exemplo lanzando algún tipo de plano de estímulo, que se non se efectúa é porque ese tipo de accións van contra a ideoloxía de quen goberna hoxe en Europa. Pretenden que a austeridade é a panacea e estamos vendo que é falso. Estamos vendo que o PIB de Grecia vai caer un 5% este ano. Grecia non devolve o diñeiro? Pois se Grecia non cumpre é en grande medida porque non crece e non pode ter ingresos.

Podemos dicir, entón que Grecia non cumprirá nunca, que canta máis austeridade menos crecemento?

Exacto, eu creo que si. Agora, tamén é certo que tiñan que facer un axuste forte das súas contas públicas. Pero se houbese un orzamento comunitario ese orzamento podería estar compensando os recortes que agora está tendo o sector público grego, e ademais controlando os investimentos. Sería algo ambicioso e complexo, pensemos que agora o orzamento da UE é menos dun 1% do PIB europeo, cando nos Estados Unidos o orzamento federal está por riba do 20% do PIB.

Outra cousa é se seremos capaces pois unha das carencias do sistema institucional europeo é que non se avanzou politicamente na construción dunha cidadanía europea. O cidadán segue tendo como referencia os políticos do seu Estado. Hai moi poucos elementos de cohesión social intereuropea, eu citaría o Erasmus e logo un certo sentimento nas elites e obviamente a nivel económico. Tería que ser un elemento central, loxicamente vinculada a unhas institucións europeas máis representativas e democráticas. Ese é o grande impedimento para avanzar na idea dunha gobernanza económica común, pero xa escapa do plano económico.

De todos os xeitos, hai políticos e economistas que agora están a defender a desglobalización, a desmundialización e o abandono do euro, unha volta a políticas máis proteccionistas. Algún motivo e argumento terán.

A ver, os procesos de globalización e apertura hai que facelos paulatinamente, na miña opinión. E ademais hai actividades que poden quedar fóra deses procesos de globalización: determinados servizos vinculados sector público ou mesmo hai quen di que se debería limitar a apertura no relativo á produción de alimentos, un concepto próximo ao da soberanía alimentar, aínda que non ese exactamente. Eu si creo que, se se fai ben, progresivamente, a apertura comercial é positiva para un país, é dicir, se se fai ben e non entre economías moi dispares, que iso xa o dicía hai moito tempo Friedrich List.

Pero si hai cuestións interesantes en torno a este concepto de desglobalizar. Estou moi a favor de apostar polos mercados de proximidade, na agricultura, na produción de alimentos, en definitiva, de rachar coas cadeas comerciais dominadas polas grandes multinacionais. Pero como facelo? Políticas de apoio aos emprendedores e á comercialización directa por exemplo de produtos lácteos, como as máquinas estas que están saíndo agora. O que non creo que sexa oportuno, en cambio, é poñer un arancel, porque podemos acabar cun sector gandeiro que non é nada competitivo e aínda por riba produce cos mesmos esquemas que o outro e contamina o mesmo. Creo que debiamos apostar por medidas máis en positivo, e neste momento xa as axudas da Unión Europea vinculadas ao rural van nesta liña. A Xunta é quen tería que facer iso, pero non o fai porque non ten un proxecto de país. A súa idea para o rural é un plan de liquidación.


Nunha entrevista criticaches a política económica da actual Xunta, sinalando que apostaban por sectores económicos do tardofranquismo e renunciando á innovación.

Penso que a política económica da Xunta actual é propia dun goberno de provincias. Eles son conscientes de que hai unha crise fortísima é elles moito máis doado actuar como unha deputación e botar balóns fóra. A ideoloxía é un problema, porque os sectores, a base social que conforma o partido popular en Galicia está moi vinculada a estes sectores maduros, xurdidos nos decadas atrás, ligados a industria da alimentación ou ao da explotación de recursos naturais, por poñer dous exemplos. Son empresas que son fundamentais no tecido económico galego, pero é que tamén hai outras que representan sectores incipientes onde xa se empezaron a mover cousas como o sector das tecnoloxías da información e a comunicación, ou as industrias creativas das que fala Richard Florida e que en moitos países son unha fonte de riqueza tremenda.

A política económica da Xunta actual é propia dun goberno de provincias

A innovación aplícase a todo, tamén aos sectores tradicionais, porque innovar tamén é o que están a facer estes gandeiros que veñen de crear unha cooperativa que comercializa o leite directamente, e con iso é co que se hai que volcar. O PP ten unha concepción que é cubrir os servizos básicos, manter contentos aos de sempre (nese sentido, o dos medios de comunicación xa é brutal) e esquecerse de ser proactivos.

Tal vez sexa unha pregunta fóra da axenda, mais como é posible que ninguén proteste, nen sequera os propios empresarios que tan satisfeitos declaraban estar coas políticas do anterior goberno bipartito? Ou mesmo estes sectores novos e dinámicos dos que agora falas.

Os sectores dinámicos dos que falei aínda non están o suficientemente consolidados como para ter unha capacidade de influencia forte e por outra parte a xente está moi preocupada por sobrevivir, tenlle medo á crise e vólvese moi conservadora, salvo que haxa unha situación límite e saiamos todos á rúa.

Por certo, e permíteme que volva ao de antes: outro exemplo da falta de ambición deste goberno vémolo nas políticas exterior e de cooperación da Xunta. Acábanse de cargar literalmente as políticas de cooperación ao desenvolvemento que tiñamos. Hai concellos de 100.000 habitantes do resto do Estado que gastan máis que o goberno galego.. Por que o fan? Porque iso vai dentro da súa ideoloxía re-centralizadora: a cooperación ao desenvolvemento que a faga o goberno central. E iso tamén ten consecuencias económicas graves: o sector da cooperación desde aquí estábase construíndo e por iso tampouco tivo forzas para artellar unha resposta sólida. En calquera caso, destes novos sectores económicos e sociais é de onde debe e vai saír a Galicia do futuro.

Avatar of Denís Fernández Méndez

Naceu en Sanxenxo en 1981. Ten traballado e colaborado con varios medios, así como no ámbito da comunicación política. O seu twitter é @denisfmendez
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011