DESTACADAS - POLÍTICA

ENTREVISTA JAVIER PÉREZ ROYO

Texto Luís Villamor Foto Fernando de Paz

Catedrático da Universidade de Sevilla, onde iniciara a súa actividade como profesor en 1966 e chegara a reitor, Javier Pérez Royo, exerce na actualidade como comentarista político. As súas reflexións críticas coa actuación do Goberno do PP ante o procés e, en particular, coa do xuíz  Llarena, téñeno situado en primeira liña nas últimas semanas. Pérez Royo, aos seus 74 anos, acaba de escribir un libro con Pablo Iglesias, pero di xa non estar para facer política no sentido clásico. “Pola cousa temporal, reunións e máis reunións, eu xa desentoo”, observa o xurista sevillano, quen recalca: “Agora mesmo estamos nunha crise constitucional de enorme calado”. Pérez Royo foi membro da comisión redactora do Estatuto de Autonomía de Andalucía e participou tamén na redacción do Estatut de Autonomía de Catalunya de 2006. Figurou como candidato de Podemos por Sevilla, durante dez días, nas eleccións xerais de 2015.

Pódese falar dun Estado democrático ‘adulto’ cando a oferta ás reivindicacións políticas dun territorio non existe, ou fica en represiva e xudicial?

Ben, efectivamente eu non teño noticia de que teña habido ningunha oferta política por parte do Goberno de Mariano Rajoy ao nacionalismo catalán. Este é o problema constituínte que ten a sociedade española cando morre o xeneral Franco. En realidade, había dous: pasar dunha ditadura a unha democracia, ou sexa, ser un estado europeo máis, e pasar dun estado unitario a outro politicamente descentralizado. Sen dúbida, dous problemas distintos, pero que en España, por razóns históricas, veñen unidos. Iso estaba claro. Coñeciamos as técnicas das que había que facer uso, a experiencia acumulada que había no continente europeo, despois da Segunda Guerra Mundial.

Pero co aparato do franquismo no seu sitio…

Había o risco de que ao estar activo o aparato do réxime anterior, puidese darse un golpe de Estado, mais coñecíase a folla de ruta. Houbo que facer encaixe de bolillos ata que se conseguiu a fórmula do artigo 151 da Constitución, pensada para as nacionalidades de Cataluña, País Vasco e, en menor medida, Galicia. Mentres funcionou esa constitución territorial, a integración produciuse ben. Dende 1980 ata 2010 non renxe. E ademais había unha aceptación en Catalunya altísima. Case o 80% da poboación estaba de acordo con esta fórmula de integración. Isto acaba saltando polos aires cando a reforma do Estatut, que se aproba de acordo co previsto, pero que o Constitucional recortou rompendo así, de facto, o pacto territorial que se fraguara á sombra da Constitución. A partir diso, xa vén a desorde. Estamos vivindo a resaca de todo aquilo. A fórmula de integración, o máis precioso que tiña a Constitución, témola rachada. E temos un gran problema constitucional de España chamado Cataluña.

E agora ao problema moitos cidadáns, non só independentistas, chámanlle Llarena. Está o xuíz reescribindo o Código Penal, como cuestionan algúns expertos? Que lle parece o papel da Fiscalía?

Imos ver. Hai dous artigos 155. Un, o previsto na Constitución, do que se fixo uso por parte do Goberno non dunha forma excesivamente represiva, senón razoable, simplemente para convocar unhas eleccións. Pode ser constitucionalmente discutible pero, politicamente, tal e como estaba a situación, parecía unha saída. É dicir, imos facer unhas eleccións e a ver se cos resultados podemos atopar unha fórmula política, porque estabamos nunha situación de bloqueo. Pero ao 155 político, activado para corrixir un uso desviado do exercicio do dereito da autonomía, superpúxoselle o 155 xudicial, que non está previsto na Constitución, e que inmediatamente comportou a suspensión do Govern e a disolución do Parlament, e tamén que a Fiscalía se querelara contra os membros do Executivo catalán e da Mesa do Parlament, ante a Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo, nin máis nin menos que polo delito de rebelión. E deseguido, a Audiencia Nacional e o Supremo admitiron a trámite a querela e adoptaron as medidas cautelares de prisión provisional. A partir de aí todo foi de disparate en disparate. O que estaban dicindo é: vostedes elixan o que queiran, que despois serán os tribunais os que decidan. Non lle podes superpoñer a eses procesos electorais uns procesos xudiciais porque entón acabas con eles.

Estamos ante o Goberno dos xuíces?

Máis que o Goberno dos xuíces é iso de que: ‘vostedes fagan o que queiran, que despois vou ser eu o que decida quen vai gobernar’. Así non se pode funcionar.

Xa que logo, que opinión lle merece o polémico auto de imputación asinado polo maxistrado?

Invéntase o delito. O delito de rebelión que hai no Código Penal non se dá nos acontecementos do procés. O que tenta describir no seu auto o xuíz Llarena é imaxinario, non se dá na conduta dos señores do Govern, que en absoluto é constitutiva desa clase de delito. E por iso, cando ten que explicarllo a un xuíz europeo, non hai maneira.

O tribunal alemán de Schleswig-Holstein di que nin sequera cabería imputarlles o delito de malversación, porque non estaría acreditado o uso de fondos públicos para organizar o referendo…

A estas alturas da historia saír con este auto e dicir iso… Por favor!

Cre que o xuíz está premido polo Goberno, que a separación de poderes está en entredito en España?

Non. Creo que é máis papista que o Papa.

Vítima quizais de prexuízos ideolóxicos?

Moito máis que Rajoy. A Sala Segunda do Supremo está moi á dereita de Rajoy. Moito máis alá do que é o Goberno.

Estase usando o poder xudicial para tratar de solucionar un problema político, cunha descrición case monocroma dos feitos por parte dos medios de comunicación?

Certo. Aquí hai dous espellismos nos que estamos inmersos. Un, o da independencia, pois nin a recoñecen nin hai posibilidade ningunha de que a haxa. E o segundo espellismo é que se pode gobernar Cataluña dende Madrid co 155, e que son os xuíces os que poden resolver esa cuestión. O de Cataluña é un problema político que ou ben se resolve con pactos e negociacións mediante órganos que estean lexitimados democraticamente de maneira directa, ou non ten solución. E se non o resolven por estes medios, ao final teñen que acabar con fórmulas autoritarias e metendo a xente no cárcere. E entón si que non se resolve, claro.

O semanario alemán Stern, que ten apoiado o SPD, recolle estes días voces que poñen a Rajoy á altura de Milosevic, no senso de que estaría vulnerando dereitos humanos fundamentais. Como valora esta comparanza?

A todas luces, excesiva. Non deixa de ser unha barbaridade, aínda que o digan os alemáns. Pero é certo que en Alemaña a opinión pública está moi pendente. E os tribunais de xustiza teñen que contar con esta opinión pública, que é moi seria. Os xuíces alemáns están educados en terlle respecto á opinión pública alemá. Alí hai un control da súa actividade, e eles teñen que lexitimarse.

España puido pactar con Alemaña a detención, e os xuíces poñer as cousas no seu sitio?

No que fai á detención, si. E iso supón descoñecer moito a doutrina e a xurisprudencia alemá. Levaron o lapote. Que cabe esperar dun xuíz alemán, dun xuíz europeo? Eu escribino en Ara: que non van dar a extradición.

O Süddeutsche Zeitung reflectiu dende o primeiro instante que esta non era unha euroorde convencional, que o asunto era complexo, e que non era todo coser e cantar…

E incluía un artigo do correspondente, que dicía: ‘Alemaña xa ten o seu primeiro preso político’.

O artigo de Thomas Urban, que considerou un “erro” a detención…

Si, si…

O xuíz Llarena inclúe no seu polémico auto de imputación e procesamento que no 2014 xa había un plan de Artur Mas para a autodeterminación, pero non incorpora como reflexión a sentenza do Constitucional sobre o Estatut. Non hai un desequilibrio valorativo a priori?

Claro. A min a instrución paréceme que está pragada de vulneración de dereitos fundamentais. E iso é o que destapa a decisión do tribunal alemán. Dille que non hai rebelión e que, polo tanto, está instruíndo como tal condutas que non son constitutivas dese delito. Ou sexa, isto é un delito imaxinario, e estase vulnerando o artigo 25 da Constitución, que é un dereito fundamental: o dereito á legalidade penal. O delito de rebelión non é recognoscible na conduta destes señores. E un xuíz que instrúe un delito que non é posible que se teña cometido, de acordo con calquera xuíz normal que estude o asunto,  está introducindo un prexuízo extraordinario á hora de establecelo e, polo tanto, perdendo a imparcialidade. Vulneración do artigo 24. E ademais estase vulnerando o artigo 17, pois estes señores están no cárcere porque están sendo xulgados por rebelión e o risco de reiteración. E se quitas o delito de rebelión, non deberían ter estado nin un minuto no cárcere. Isto a Jordi Sánchez tenlle impedido ir á sesión de investidura, estando en uso dos seus dereitos, co que se vulnera o artigo 23 da Constitución. A instrución é monstruosa, constitucionalmente.

Sería recusable, dende esta perspectiva, Llarena?

Por suposto, e cabería solicitar a nulidade de todo o instruído.

Por que cre que o PSOE apoiou o artigo 155 e Pedro Sánchez observa que o importante é que Puigdemont sexa xulgado en España. Razóns electorais, razóns de Estado?

Eu non acabo de entender moi ben a decisión do PSOE de optar polo 155. Sobre todo, de optar por el sen garantías. Podo entender que a situación chegou un momento en que estaba bloqueada, e o 155 podía ser unha saída para convocar eleccións. Agora ben, dicíndolle ao ministerio Fiscal que non actuara. E asegurando que non habería ningunha querela. É dicir: agárdese a ver como pasan as eleccións e xa se verá como se encarrila isto politicamente. Se tivese feito isto, con garantías de que aquí non entra ningún xuíz, nin fiscal, sería entendible. Pero ao dicir a cambio ‘mire vostede, imos facer unha comisión no Congreso dos Deputados’, quedou só co PP, e a comisión está servindo para o que está servindo. Isto foi unha brutal metedura de pata do PSOE.

Hai ánimo de vinganza na petición de rebelión, como empeza a albiscar parte da cidadanía? Persiste un indestrutible franquismo sociolóxico neste país?

Si. Creo que a reacción que está tendo o Goberno do PP ante o nacionalismo catalán é franquista: aquí non hai nada que negociar, e o que queren é ver o nacionalismo catalá cativo e desarmado. E non podendo utilizar para iso o Exército, utilizan o poder xudicial e as forzas e corpos de seguridade do Estado.

E que poderían decidir os tribunais europeos? O artigo 267 do Tratado de Funcionamento da UE establece a posibilidade de que se pronuncien con carácter prexudicial, en caso de dúbida dos órganos nacionais, pero neste caso xa houbo pronunciamento…

É verdade. O xuíz Llarena xa ten demostrado o seu descoñecemento do dereito constitucional español e alemán, con isto do auto e a euroorde. E se quere facer exhibición de ignorancia dos tribunais europeos, pois tamén… Ese artigo está previsto para cando o xuíz ten que tomar unha decisión e ten dúbidas, entón fai consulta, e unha vez despexadas esas dúbidas, toma a decisión. Pero aquí xa se pronunciou o xuíz alemán, entón o que lle están pedindo é que eses tribunais lle digan ao xuíz alemán que se ten equivocado. E iso non llo van admitir a trámite, vai ser unha vergonza.

Se Puigdemont non pode ser xulgado por rebelión, daquela tampouco Junqueras e os demais. Non hai un automatismo legal que lles permita a saída de prisión?

Claro. Presentar un habeas corpus. Dirixirse a un xuíz de Barcelona e dicirlle: mire vostede, pasa isto… E se non o admite, dirixirse ao Tribunal Constitucional. Se ao xefe da rebelión do 23 F, a Tejero, non lle aplican o delito de rebelión, por que nola van aplicar a nós…

Alemaña deixa en liberdade con fianza a Puigdemont. Bélxica, a Comín, Serret e Puig, e ademais sen fianza. Escocia, a Ponsatí. Suíza non extraditará a Gabriel nin a Rovira. España ten que mudar algunhas cousas para homologarse no plano xudicial?

O problema é que España é un país europeo normal, menos neste tema.

Pero é un tema substancial, fulcral…

Claro. Os casos difíciles producen mal dereito, di o aforismo da xustiza norteamericana. O desafío que supuxo o nacionalismo catalán, o de propoñerse a independencia, dicir: ‘oe, que me quero ir’, é moi difícil de abordar xuridicamente. Incluso o 155 non está  previsto para iso. É para un incumprimento en materia educativa ou tal, para corrixir políticas desviadas neste sentido, por exemplo, pero cando se di: queremos marchar, aí non hai nada que corrixir. A iso é moi difícil de darlle resposta.

Como fixeron daquela noutros países civilizados?

E que non se fixo nunca. Alemaña non tivo nunca este problema.

Aí está o Reino Unido con Escocia ou Canadá con Quebec, non?

Escocia e Quebec son as dúas excepcións, non a norma. Normalmente, os estados-nación non prevén a desintegración territorial. A desintegración territorial prodúcese polos estados falidos. Produciuse na antiga Iugoslavia, na Unión Soviética, pero cando non hai un estado falido, normalmente non se produce. E ata agora nos dous casos que están normalizados, fracasaron os referendos. Como creo que tería fracasado aquí o de Cataluña.

Cre que un referendo pactado en Catalunya sería a solución?

Creo que os referendos son malas saídas, pero unha de dúas: ou estás disposto a facer política de xeito razoable, ou a xente pode acabar dicindo que quere marchar. Eu creo que en Cataluña sen referendo xa é difícil atopar unha saída. Hai dous millóns de persoas que queren saír pitando. E cada paso que se dá… Aí está a figura do Rei, co seu discurso, que xa non o soportan.

Felipe González defende o papel do xefe do Estado na crise catalá…

Coido que foi un desastre sen paliativos. O PSOE, dende o punto de vista didáctico, creo que está facendo un mal servizo.

En Cataluña a crise xeral coincidiu coa territorial. O do Estatut, aprobado en referendo e tombado polo Constitucional, foi un aspecto chave. Pero xa se fala menos disto, non? Por que hai un progresismo que mira de esguello e ponse de perfil?

Iso adoita pasar cos problemas territoriais, que marcan unha liña divisoria, na que a xente está dun lado ou doutro, e aí as posibilidades de compromiso desaparecen.

Non hai outras maneiras de convivir en España, federais, confederais, que diminúan as tensións territoriais?

Debería de habelas, pero é moi difícil cando se entrega ao PP a constitución territorial coma se fose a súa propiedade privada. E o que fai o PP é dicir: se vostede non está de acordo, mándolle aos xuíces e á Policía. E o Tribunal Constitucional con esa sentenza o que fixo foi darlle a propiedade privada ao PP, que ten a chave do cadeado para a reforma da Constitución. Ten a chave da gaiola, e os cataláns o que fixeron foi rebelarse contra o engaiolamento, polo seu dereito á autonomía.

E por que en Madrid ninguén se pon ao aparato? Se gobernase o PSOE, sería o mesmo ou cambiaría a situación?

O mesmo non sería. A época de Zapatero foi totalmente distinta. Fíxose a reforma do Estatut, intentouse a da Constitución, pero aí tamén houbo unha mala actuación de Convergència. Antes da sentenza do Tribunal Constitucional, o PSOE máis ou menos barruntaba cal ía ser, e entón fíxose un esforzo dende o Goberno socialista por pactar con Convergència a reforma das leis orgánicas que permitisen salvar contidos do Estatut que ían ser anulados polo Tribunal Constitucional. E Convergència negouse, porque tamén sabía que doutro lado estaba o tripartito, e ela quería volver ao Goberno da Generalitat. Foi un cálculo que impediu que iso se fixese e, por tanto, se tivese rebaixado de xeito notable o alcance da sentenza do Tribunal Constitucional.

Quere dicir que xa había unha decisión previa de ir ao choque de trens co Estado por parte do nacionalismo?

Non. Son deses acontecementos que se producen, que ninguén os quere, pero que, ao final, todo o mundo vai dando pasos nesa dirección. É o que dicían os historiadores da Primeira Guerra Mundial. Ninguén a quería, pero fóronse tomando determinadas decisións, e ao final os países foron á guerra como somnámbulos. Cando espertaron, xa non tiñan posibilidade de dar marcha atrás. Con isto pasou igual. Estamos nunha situación inmanexable constitucionalmente.

O PSC podería coadxuvar ao desbloqueo da situación?

Está desaparecido. Ao PSOE o problema territorial metéuselle dentro do partido, e ese é o drama que teñen. E ata que non se resolva a integración de Cataluña en España, non se recuperará o Partido Socialista. O que lle permite competir ao PSOE co PP é a súa presenza en Cataluña. Se lle quitas Cataluña, o PP ou a dereita supera o PSOE en España.

Que saída lle ve á cuestión catalá dende o punto de vista xudicial e político?

Ningunha. Agora non a vexo. Vai haber un intento de presentar as euroordes con novos delitos, para intentar que non se poida impedir a extradición, pero creo que isto xa se envelenou e en Europa vai haber fortes reservas. Non se fían. Creo que por malversación tampouco haberá extradición. E agora queren poñer, no canto de rebelión, sedición e eu creo que tampouco cabe, porque esixe a violencia dunha maneira que non é acreditable.

 

 


Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011