Tempos Dixital | Taller Atlántico Contemporáneo, reparando prexuízos
CULTURA

Taller Atlántico Contemporáneo, reparando prexuízos

Un taller é o lugar onde se realiza un traballo manual ou artesán. Pero tamén o estudo dun artista. E tamén, claro, un sitio onde reparar cousas. O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) ten algo de todo iso. Hai unha cantidade moi importante de traballo dende que botaron a andar en marzo de 2010, e o seu valor artístico é innegable. Son un ensemble (formación que xoga coa variación do número de membros) de música contemporánea, pero buscan achegar ó público a esa música presentándoa de formas diferentes. «Se a música contemporánea, a boa, se presenta doutra maneira, vai chegar ó gran público e non a un reducto de intelectuais. Pode ser para unha ama de casa, para a tendeira da esquina… para calquer cidadán que se achegue. Por iso as nosas propostas se saen do habitual», explica Luis Soto, frautista do TAC e un dos iniciadores do proxecto. Xa que logo, a clave na idea do Taller é esa vontade de reparar, de rematar cos prexuízos do público á hora de enfrontarse á música contemporánea.

Diego García Rodríguez durante a interpretación de "Vexations" de Erik Satie, no Faro de Fisterra

O TAC nace por dúas razóns esenciais. A primeira era cubrir un baleiro no espectro da música de ensemble que había no noso país. A segunda era unha iniciativa de Nicasio Gradaílle (pianista e tamén impulsor do ensemble) e miña, que era aproveitar o talento de Diego García Rodríguez, que aínda non tivera ningunha oportunidade aquí”, explica Soto. Diego García Rodríguez é o director artístico do Taller Atlántico Contemporáneo, e baixo a súa batuta o ensemble achegouse xa a moitos dos ámbitos da música contemporánea, achegándoa tamén ó público. O último exemplo disto puido verse o domingo 18 na Cidade da Cultura, onde representaron A ópera das catro notas, de Tom Johnson, dentro do ciclo Os seráns do TAC. A iniciativa toma a tradición galega do serán, as festas populares onde os veciños se reúnen para facer música, bailar e comer nos días que non hai patrón que celebrar. Neste caso, comezan cunha presentación que pon ós ouvintes en contexto mediante o humor (correron a cargo de Carlos Blanco, Quico Cadaval e Julián Hernández). Logo vén a obra musical e, finalmente, sérvese ós asistentes un viño e unha tapa creada especialmente para a ocasión. «Introducir a gastronomía, fóra de mesturar comida, humor e música, era sobre todo para a comunicación de intérprete e público. Isto hai que facelo cando quedas a tomar a tapa despois. É media hora ou unha hora onde hai conversa, e xeralmente isto nos concertos non sucede. O público sae por unha porta e os intérpretes pola outra. Son compartimentos-estanco”, comenta Soto remarcando outra das diferencias entre o habitual e os concertos do TAC.

Eliseu Mera, Cristina Barriga, Mónica de Nut e Humberto Ayerbe Pino, os cantantes de "A ópera das catro notas"

A ópera das catro notas botou abaixo as nocións que moitos podemos ter do que é unha ópera. É unha obra minimalista e de pequeno formato, inspirada por Seis personaxes en busca de autor, de Luigi Pirandello. Os personaxes son os propios cantantes, que se queixan de ter pouco papel, ter que cantar en posturas incómodas ou non ter sido consultados polo autor. O texto fai referencias constantes ás partes dunha ópera, co que se volve didáctico case sen pretendelo. O espectador non está perdido nesta ocasión, e máis gracias á aportación de Quico Cadaval. Soto: “Quico era o convidado a facer a presentación, e como é un home extraordinario en todas as súas vertentes, ofreceuse a escenificar a ópera. Nós íamos facela en versión concerto, pero logo Pepe Sendón fixo a tradución ó galego e Quico puxo a posta en espazo. De repente convertiuse nunha ópera de verdade”. O propio Cadaval explicábao na Radio Galega a semana da estrea: «Era moi importante que fora en galego. Ti cando escoitas unha ópera sempre pensas que están ameazándose de morte ou pedíndose amor. Para que a xente non cometera ningún destes dous erros hai que traducir a letra, para que a xente se entere de que están contando compases, ou falando da dificultade de ter só catro notas ou falando mal do compositor». Non fai falta ter un interese especial e intelectual na ópera contemporánea para desfrutar dun espectáculo como este. É divertidísimo e estimulante, e un sopro de aire fresco para quen bote en falta a imaxinación na música. É o que cabe esperar da arte contemporánea: un enfoque diferente e orixinal, levar todo máis lonxe. E é o que ofrece o TAC sempre.

Novos métodos

«Eu como músico e, ó mesmo tempo, como espectador dos concertos, case diría que non soporto máis chegar a un concerto onde tres individuos se sentan e se poñen a tocar algo que non entendes da primeira vez, xa que moitas veces fan falta máis escoitas. Suben ó escenario e vanse, sen máis, sen ningunha guía, sen ningún apoio, sen un cariño para o público», quéixase Luis Soto. Tal vez ese tipo de interpretacións son as que afastan da música de vangarda ó común do público, que as sinte como algo distante, para iniciados na materia. Ou mesmo como algo aburrido. O debut do TAC foi xa diferente nese senso: interpretaron a obra de Mauricio Kagel Eine brise, composta para 111 ciclistas que fan música co timbre ou a bocina. Foi unha acción fuxidía, efémera. Pero conseguiu que moita xente se achegara á música contemporánea, xa non como espectador, senon como intérprete. Soto: «Alí tivemos de todo, a xente subía á bicicleta e non mirábamos que fose músico nin médico nin carpinteiro. O público pasouno bárbaro e a xente pode dicir «eu toquei nun concerto de música contemporánea» con toda a garantía de que non están mentindo».

Julián Hernández observa ó TAC durante "Land of opportunity"

O TAC, nesa procura de achegar a música de vangarda ó público, tense apoiado noutras artes e outros ámbitos. Á parte do humor e da gastronomía, tamén se aproximou á ciencia (coa obra Vox balaenae de George Crumb) e ó rock. Isto pasou no proxecto Land of opportunity, con Siniestro Total, unha «suite sinfónica suicida» na que as cancións do grupo son reinterpretadas en clave contemporánea. O Taller buscaba facer algo co mundo do rock e dende o principio tiveron claro que tiña que ser con Siniestro. «Cando coñeces a Julián Hernández observas que ten unha pose mediática pero que no fondo el é un intelectual, un tipo que sabe moito… especialmente de música contemporánea. De feito sumouse ó proxecto de cabeza, dende o primeiro minuto. O paralelismo estaría no proxecto de Frank Zappa co Ensemble Modern. Naquel caso Zappa buscou ó Ensemble Modern, neste foi ó revés, fomos nós os que buscamos a Siniestro», explica Soto. Javier López de Guereña, o compositor, fixo os arranxos das cancións do grupo e compuxo unións que serviron para enlazalos nunha obra de 75 minutos. Na súa representación no festival Via Stellae lograron encher o Auditorio de Galicia dun público completamente variopinto, algo de novo pouco habitual para a música contemporánea. O vindeiro 4 de xaneiro o espectáculo interpretaráse por segunda vez no Teatro García Barbón de Vigo, con motivo das celebracións do 30 aniversario de Siniestro Total.

Entre as señas de identidade do TAC está tamén a súa aposta pola música galega. Ó longo do 2010 deron unha serie de concertos no CGAC centrados na obra de compositores galegos contemporáneos, e o seu compromiso continúa en cada proxecto. Soto: «A difusión dos compositores galegos ten unha gran tara, en moitos campos. Ás veces por falta de ideas, a veces por falta de apoio, e por falta de plataformas como unha editorial de música galega». O Taller traballa para exportar a música galega, e inclúe en cada programa obras dalgún compositor galego. Tamén cando trae directores de prestixio convidados a dirixir o ensemble. «Deste xeito o convidado vai coñecer algo que probablemente logo poderá utilizar nos seus concertos noutras latitudes. Que teñan polo menos a posibilidade de coñecer algo do que se fai aquí«. Un exemplo disto foi a súa colaboración con Diego Masson, un nome esencial na música de vangarda, nun dos seus seráns. «Diego deulle dimensión e, sobre todo, lexitimidade. Quedou moi impresionado da calidade técnica, porque era un programa tecnicamente moi complexo», explica Soto. No futuro, o TAC prepara colaboracións e intercambios con formacións de prestixio internacional nas que as súas características particulares sairán fóra.

Diego Masson dirixindo ó TAC na Cidade da Cultura

Para sacar adiante un proxecto como o Taller, máis aló do traballo diario de Diego García, Luis Soto e Nicasio Gradaílle, é preciso un apoio por parte das institucións. Un tema delicado nos tempos de austeridade que corren. Soto: «Eu creo que no noso caso, contracorrente co que está acontecendo, si que apostaron por nós. Vese no feito de que nos deran cancha aquí na Cidade da Cultura e cun proxecto como o noso, xa que o contemporáneo non é de entrada o que máis vende, polos «a prioris» que hai». O certo é que o proxecto do Taller Atlántico Contemporáneo é algo imprescindible, un auténtico motor cultural para o país, e máis tendo en conta o seu éxito ata agora, con cheos en cada un dos seráns do TAC. Luis Soto explica os motivos da súa proposta: «Sempre buscamos que o público entenda o que vai escoitar, darlle un carreiro por onde ir diante da obra. Que teñan unha guía, que se sintan seguros do que van a escoitar. Nós non queremos botar ó público dos nosos concertos, nós queremos que veña todo o público cun mínimo de curiosidade». Nos tempos nos que a cultura semella innecesaria e irrelevante, é preciso apoiar iniciativas novidosas e arriscadas. O TAC significa imaxinación e creatividade. Esperemos que non sexa algo prescindible e poder desfrutar da súa música por moito tempo.

Cibrán Tenreiro

Estudante de Comunicación Audiovisual e batería do grupo Monstruo.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011