CULTURA

Superheroes con moral

“Sea tan amable, y diga que le debo”. Con esta simbólica frase comezaba Siniestro Total o seu concerto de 30 aniversario en La Iguana. Cumprían 30 anos, pero tocaban por primeira vez nunha das salas máis míticas da noite viguesa. Ante un público entregado cuxa idade media pasaba dos 40 anos, atacaron sobre todo os temas dos 80, reservando algún espazo para as cancións do seu último traballo Country and Western, editado no 2010. A formación, de cinco persoas, gaña moito co saxo de Jorge Beltrán, que lle dá un toque inconfundible ás cancións.

A banda que lidera Julián Hernández comezou revisando temas de gran calidade -pero que non aparecen nos discos recopilatorios máis coñecidos- tales como “Vil guerra Civil”, “Algo huele mal en Dinamarca”, “Síndrome de Estocolmo” ou “Emilio Cao”. Todo iso tras agradecer a Goldman Sachs a xentileza en permitirlles tocar e á India polas camisas que vestían. A metade de concerto decidiron imprimirlle máis intensidade enlazando as míticas “Bailaré sobre tu tumba”, “Miña Terra Galega”, e “Cuanta puta y yo que viejo”. De aí cara ao final xa non houbo máis paradas, salvo unha breve versión de “Je t’aime, moi non plus” e un convite a asistir á función “Land of oportunity” que celebrarán co Taller Atlántico Contemporáneo no Teatro García Barbón o vindeiro 4 de xaneiro. Porque, en palabras do seu líder “con la música clásica también se folla”.

Remataron con “Matar hippies” e “Ayatollah”, as cancións máis famosas do seu primeiro disco, Cuando se come aquí. Igual de aceleradas, pero cun son máis limpo e eléctrico que na súa etapa punk (lembremos, daquela Hernández tocaba a batería, Miguel Costas a guitarra e o cantante era Germán Coppini). E como non, tras o himno da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (outras que están de cabodano) e as subsecuentes protestas do público houbo bises, entre elas “Corta o pelo landrú” (Sunshine of your love) e “Dile adiós al rock and roll”, esta da súa etapa noventeira. En total, dúas horas de concerto: o punto exacto entre ficar con gañas de máis e que unha actuación se faga longa.

Un grupo inclasificable

A banda alcanza así un grao de veteranía impresionante tras 30 anos desde aquel concerto no cine Salesianos onde foran presentados por Antón Reixa, no comezo oficioso da movida viguesa. Con todo, son un grupo que non deixou demasiados discípulos. Quizais por ser demasiado clásicos para a escea indie que aparecería no Reino de España nos 90, demasiado intelectuais para a escea punk e rockeira, demasiado galegos e retranqueiros para o gusto centralista madrileño. E cantan maiormente en castelán, polo que dificilmente serán nunca un icono galeguista.

Con todo, son moi respetados, seguramente polo liderado intelectual de Julián Hernández, o único membro que permanece no grupo desde a súa fundación (o guitarra, Javier Soto, tamén participou na maioría da traxectoria da banda, en concreto desde 1985 e é coautor de moitas das cancións), autor de libros como “Hay vida inteligente en el rock and roll”, columnista de prensa e capaz de facer declaracións como as que fai en La Voz de Galicia un día antes do concerto, asegurando que “a nostalxia é un sentimento paralizante e reaccionario”.

Outro motivo para admirar a Siniestro Total e a súa capacidade de reinvención, pasando do punk dos seus comezos ao actual estilo blueseiro, pasando por unha época de rock con abundancia de guitarras eléctricas . Especialmente notable no seu último disco Country and Western e no álbum conceptual La historia del Blues, moi recomendable para profundar na música de raíz que xurdiu á beira do Missipi. Coherencia, cunha tradición moi de Siniestro Total de vampirizar e reutilizar cancións alleas: sen ir máis alá, «Rock en Samil» ou «Miña Terra Galega», dous dos seus temas máis coñecidos, son versións de Los Ramones ou de Lynyrd Skynyrd.

3 Recomendacións

E xa para rematar, tres consellos: visitade a web oficial do grupo, porque hai poucas mellores. Asistide ao concerto do 4 de xaneiro co Taller Atlántico Contemporáneo. E se queredes, podedes escoitar algúns dos temas que soaron na Iguana nesta lista de spotify.

Avatar of Denís Fernández Méndez

Naceu en Sanxenxo en 1981. Ten traballado e colaborado con varios medios, así como no ámbito da comunicación política. O seu twitter é @denisfmendez
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011