CULTURA

Martin Pawley: »O cinema galego está a vivir un tempo de cambios»

O coordinador da Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña, blogueiro crítico, Martin Pawley, fala nesta entrevista do cine galego e dos novos creadores que dende fai uns anos reviven a séptima arte e a levan por bandeira fóra de Galicia. 

En que momento estamos para o cine galego?

O cinema está a vivir un tempo de cambios; a distribución e exhibición de filmes non é a mesma que era noutrora, e en consecuencia os modelos de produción tamén deben cambiar. Se isto vale para o cinema en xeral, imaxina para unha industria aínda feble como a galega. A situación é de tensa expectación; resulta difícil facer prognósticos sobre o que vai acontecer dentro duns poucos anos.

Fuches unha das persoas que acuñou o termo “Novo cinema galego”, xa o facías nun artigo do 2 de xaneiro do 2010 en Xornal de Galicia. Por quen está formado ese Novo Cinema Galego? Que características teñen en común?

Fotograma de 1977, de Peque Varela

A etiqueta de “Novo cinema galego” era de seu unha pequena provocación, mais demostrou a súa eficacia. Do que se trataba era de sinalar a existencia dunha serie de autores novos que estaban a facer traballos de enorme interese, fóra do sistema e con absoluta liberdade. Xente da que non falaban os medios convencionais, que se limitan a prestar atención ás estreas dos venres e ignoran todo o que escapa do circuíto comercial. Curiosamente eran estes autores “nas marxes” os que dende hai anos estaban a proxectar o cinema galego lonxe das nosas fronteiras: Peque Varela en Sundance (e moitos outros festivais) con 1977, Eloy Enciso con Picnic en México e Lisboa… Autores que están en contacto coas mellores películas que se fan hoxe no mundo, que entenden que o cinema non quedou detido en Sam Peckinpah. A listaxe é ampla e crecente; hai dous anos apenas sabiamos nada de Lois Patiño, que agora xa é un habitual dos Rencontres Internationales Paris/Berlin/Madrid, coma quen di. A primeira peza de Xacio Baño, unha videocreación de 3 minutos, é de 2009; dous anos despois a súa terceira curta, Estereoscopía, pasea por Nova York, Buenos Aires, Brest, Trieste…

Estes novos creadores están, xa que logo, nas marxes do cinema máis convencional e puramente narrativo?

Algúns si, ás veces, mais hai que deixar claro que o cinema narrativo non ten nada de malo; o que é malo é o que está mal feito. Nalgúns casos -por exemplo, Alberte Pagán- a fuxida das liñas tradicionais é máis explícita; outros autores móvense con naturalidade entre propostas experimentais e formas narrativas convencionais, sexa no ámbito da ficción ou do documental. Paréceme que os que teñen máis problemas coa dicotomía entre o experimental e o narrativo son os espectadores (e algúns críticos), non os creadores.

Por que pensas que hai esa boa acollida fóra en contraste co descoñecemento destes autores en Galicia? É por mor do público? Os medios que non fan a cobertura precisa?

Reclámase todo iso, xustamente. Espazos onde se poidan ver as creacións galegas, sexan do tipo que sexan. Medios de comunicación que se fagan eco delas e lles dean un trato xusto; non ten por que ser necesariamente positivo, mais é esencial que non as condenen á invisibilidade. Ten que haber críticos e programadores sen prexuízos, listos para apreciar o que hai de bo aquí antes de que o digan os de fóra. Ten que haber moitas opinións á vista, para que entre todos minimicemos o risco de erro. E por suposto é preciso que haxa un público disposto a apoiar o talento, veña de onde veña, e iso inclúe Galicia. Infelizmente, do esperanzador momento que vivimos está a facerse eco moi pouca xente; e en particular as elites intelectuais galegas neste asunto están completamente na verza, o cal, dito sexa ao paso, encaixa cunha longa tradición de desinterese e nalgúns casos aberto desprezo polo cinema.

E por parte das institucións, que políticas públicas pensas que deberían desenvolverse a respecto do audiovisual?

No esencial a política de axudas galega actual é a mesma que na anterior lexislatura (outra cousa é o importe total). O que é imprescindíbel é que se manteñan as axudas de talento, que levan unha porción ínfima do orzamento e son as que máis alegrías están a dar, pola súa maior axilidade e versatilidade. Máis alá do diñeiro total investido en cultura, que seguramente tenderá á baixa nos próximos anos en toda Europa, o importante é termos o convencemento de que hai marxe de sobra para apoiar a creación dende os estamentos públicos. Non todo van ser bancos!

Empeza a ser urxente unha mellor formación audiovisual dos cidadáns, que pasa necesariamente pola escola. Hai exemplos moi bos, que llo pregunten a Alain Bergala. Tamén é imprescindíbel revisar o papel das televisións públicas: a única razón da súa existencia é a de se comportaren como tales, pois para emitir fútbol e telenovelas xa están as outras. As televisións públicas contan cuns recursos fabulosos e cunha pequena parte deles poden promover a produción e a difusión de filmes. Ademais, o seu posíbel labor formativo é evidente.

Es programador da sección cinematográfica galega de Cineuropa. Como valoras os resultados obtidos nesta edición?

Os resultados foron magníficos, notouse un notable incremento respecto da edición anterior. Contar non menos de oitenta persoas na sala do CGAC vendo a obra de Xacio Baño ou Sonia Méndez é verdadeiramente satisfactorio. Como público -todos o somos- debemos asumir que a nosa resposta é fundamental para a supervivencia e consolidación de calquera actividade. Entre 2010 e 2011 o Panorama Audiovisual Galego de Cineuropa presentou a obra de máis de trinta creadores diferentes. Presentamos unha oferta moi variada e plural e é moi estimulante sentir o apoio dos espectadores. Estou seguro de que os creadores tamén o agradecen.

Nesta edición houbo unha sección adicada as novas creadoras, ó papel desenvolvido polas mulleres no cine. Teñen as mulleres unha importancia diferente á que tiñan noutras épocas no audiovisual galego? Como encaixan nas liñas do Novo Cinema Galego?

Responde a un feito evidente, que é que agora mesmo hai un bo número de mulleres traballando detrás das cámaras e nos anos 70 tal cousa non acontecía. A sociedade avanza e o cinema tamén. Polo demais, eu non me vexo capaz de facer diferenciacións entre os creadores segundo o xénero; non digo que non se poida, digo que eu non me vexo capaz. Gústame Agnès Varda e tamén Jacques Demy. E no ámbito galego, a miña debilidade por Peque Varela é confesa.

Na presentación de Vikingland en Cineuropa dixeches que se o ano pasado foi o ano de Óliver Laxe, 2011 foi o de Xurxo Chirro. Que fai que Vikingland destaque entre todos os filmes galegos que se produciron este ano?

O que ten de especial é o seu percorrido internacional. O filme foi seleccionado a competición no FIDMarseille, que é a principal referencia no campo da non ficción, e logo pasou polos festivais de Jihlava, Mar del Plata, Xixón… e algúns máis que virán e que non é momento aínda de adiantar. Ademais, as virtudes de Vikingland foron louvadas por críticos de enorme prestixio coma Neil Young ou Quintín. Ningún outro cineasta galego tivo este ano o recoñecemento mundial que acadou Xurxo Chirro coa súa ópera prima, ese é o elemento diferencial.

Na labor de difusión destas obras, foi importante Xornal de Galicia como soporte. Logo do seu peche, que alternativas quedan para coñecer esta información?

Xornal de Galicia foi importante por moitas razóns, mais sobre todo polo peso que lle deu á información cultural. O cinema ocupou un espazo xeneroso nas súas páxinas, aí puidemos ler entrevistas serias con Barbara Hammer, Alain Bergala, Paulino Viota, José Luis Guerín… cousas impensábeis noutros xornais. No que atinxe ao cinema galego souberon estar á altura das circunstancias: entenderon, mellor que ninguén, a enorme importancia de fitos como a presenza en Cannes de Todos vós sodes capitáns ou a de Vikingland en Marsella. Estiveron atentos aos sinais que aparecían, mostraron confianza por cineastas dos que até aquel entón pouco se sabía -entre eles, o propio Oliver Laxe, que ocupou páxinas varios meses antes de rodar a súa longametraxe- e acertaron; o malo é que ter razón non sempre é garantía de éxito. O mérito, no esencial, foi de Iago Martínez, espero que a historia saiba recoñecerllo.

Avatar of María Villamarín

Xornalista e colaboradora de Tempos Dixital e de Disquecool. @MariaVillamarin
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011