CULTURA

Manel ou o triunfo da naturalidade

Algo máis de media hora foi o tempo que tardaron os asistentes á compostelana sede da Sgae en desmontar a premeditada imaxe de seriedade cargada de ironía pola que adoitan apostar os barceloneses Manel na posta en escea dos seus concertos. As impertérritas caras de solemnidade que ofrecían os compoñentes dunha das bandas de moda non puideron evitar tornarse nun sorriso de incredulidade cando cos primeiros sons de ukelele en En la que el Bernat se’t troba a sala recoñeceu e coreou ao unísono a melodía antes de que Guillem Gisbert puidera articular nin a primeira frase da canción.

Xa tiñan ao público no peto. Un reto non moi doado tendo en conta que xogaban a máis de mil quilómetros de casa e cun repertorio integramente en catalán que a sala entoou enerxicamente coma se naceran no mesmísimo centro de Barcelona ante o estupor do propio cuarteto catalán. Semella que non hai obstáculo dabondo para unha banda que con só dous discos no mercado xa foi quen de alcanzar o número 1 de ventas en España saltándose a barreira idiomática que ata o de agora só conseguiran sortear cantautores da talla de Serrat ou Lluís Llach.

Manel foron deixando caer polo escenario santiagués algúns dos temas do seu debut –Els millors professors europeus– tales como Pla quinquennal o Ceràmiques Guzman. Non obstante, foron cancións como Benvolgut o Boomerang, recollidas no seu último álbum –10 Milles per veure una bona armadura– os que cobraron unha nova dimensión ao soaren dun xeito máis acústico e afastado dos excesivos arranxos cos que conta o último CD da banda.

Só Serrat e Lluís Llach lograron ser número 1 en ventas cantando en catalán antes que Manel

A complicidade entre o grupo e o público aumentaba a medida que avanzaba o concerto non só pola brillante e milimetrada execución das cancións, senón tamén polos cómicos comentarios de Gisbert que redondearon o show. As narracións que o líder da banda pronunciaba con xesto imperturbable a modo de introducción de algúns dos temas conseguiron arrincar máis dunha vez o sorriso e aplauso dos asistentes.

O certo é que unha das claves do éxito do grupo atópase precisamente na súa facilidade para contaren historias. Non esperen atopar alegacións políticas nin reivindicacións a prol do catalán no repertorio da banda. Non é a súa guerra. Os compoñentes de Manel fan apoloxía da naturalidade e repiten ata a saciedade algo tan elemental como que cantan no idioma no que habitualmente falan. Sen necesidade de darlle máis voltas.

Deste xeito, as súas cancións están impregnadas de pasaxes da vida cotiá como a narración dunha festa de cumpreanos que atopamos en Aniversari ou as reflexións sobre o paso do tempo de Criticarem las noves modes de pentinats. Temas repletos de escenas de costumes, de situacións habituais na vida da xente normal. Precisamente a súa xa célebre versión do Common People de Pulp foi un dos temas cos que máis desfrutou o público santiagués e que mellor recolle a esencia deste grupo que se define sen pretensións como “catro amigos que se xuntan e fan cancións”.

O recital chegou ao seu fin coa mesma canción que bota o peche ao seu último disco, Deixa-la, Toni, deixa-la. Un longo aplauso dun público entregado foi o colofón do recital por parte da banda que fixo falar en catalán á capital de Galicia por máis dunha hora e media. Un pequeno triunfo dun grupo que ten como único idioma o da música. Un triunfo da xente normal.

Avatar of Zoraida Rial

Estudante de xornalismo. No twitter: @Zrial
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011