CULTURA

Nova orde: Disco Las Palmeras! + Fantasmage

En tempos de crise, mundial ou persoal, a música é unha cousa distinta. Xa non é evasión (ningun arte debería selo). É algo máis intenso. Pois ben, este xoves fun ó meu primeiro concerto logo da nova orde das cousas. O PP ten maioría absoluta e os antidisturbios xa saíron á rúa en Compostela a aplacar conspiracións. A música nestes violentos anos dez ten que ser, como mínimo, catártica. E foino, perfecta para o trance.

Comezou con Fantasmage, que son un grupo vigués herdeiro de Indómitos e Anenome (pertencentes ó Galician Bizarre). Son só batería e guitarra, pero non falta de nada no que fan. Os dous instrumentos camiñan na mesma dirección: un soporte rítmico primario e poderoso. A melodía está igualmente espida, non hai arreglos que recarguen as cancións. Ás veces cara o escuro e ás veces cara o luminoso, sonan frescos, máis agresivos que nas súas gravacións, cheos de enerxía contaxiosa e, dalgunha maneira, xuvenil. Pero tamén hai intelixencia na xente moza: parece que se deron conta de todo o que non era necesario na súa música. E quitárono. E logo nós podemos sorprendernos de que algunhas cousas tan simples funcionen tan ben.

Logo deles, Disco Las Palmeras! presentaban o seu primeiro álbum Nihil obstat (Matapadre, 2011). Hai neles dúas cousas que chaman inicialmente a atención: non teñen baixista e son de Lugo. Imaxino que ser de Lugo non afecta especialmente á súa música, pero é unha sinal máis do fervedeiro que é Galicia hoxe en día (e que glosou Iago Martínez no número de outubro de Rockdelux). Tal vez a nova orde non estea tan mal se nun mesmo día hai que elixir entre este concerto e a presentación do disco de Mato Grosso.

O outro factor si que é importante. Non hai ocos no seu son: a batería, tocada cunha potencia realmente impresionante, axuda a encher os graves co dobre pedal no bombo. Unha das guitarras crea os riffs, moi rítmicos, e suple tamén o baixo con efectos e unha corda máis grave. E a outra (cun guitarrista distinto ó do disco, por certo) enche todo o espazo cun ruido continuo que é o que leva á sensación de trance ó cabo duns cantos temas. É música absorbente, atraente, melodía saíndo de entre o ruido. Eles citan a influencia de My Bloody Valentine e algo diso hai. Tamén a de Los Planetas, que se nota especialmente nas melodías. Son, porén, máis contundentes que o shoegaze no que se lles encadra ás veces, algo que conecta ben coa carga crítica que se aprecia nas súas letras. De todas formas, a pesar de que o concerto supuxo un aumento de intensidade con respecto ó disco, non conseguiron trasladar por completo o son deste. As voces sonaban máis dubitativas e perdéronse alguns matices no medio de todo.

Entre o público da Sala Moon había uns cantos notables prestando atención (Víctor Carou, xente de Telephones Rouges), pero non eramos demasiada xente. Non costaba ningún esforzo chegar á primeira fila (un problema que pasa demasiado a miúdo) e non houbo pogos nin euforia colectiva. Pero nin era o momento, nin a música invitaba a iso: invitaba a deixarse afundir entre o ruido e deixarse levar polos ritmos, e iso fixemos. Como mínimo, serve para sentirse máis libre.

Cibrán Tenreiro

Estudante de Comunicación Audiovisual e batería do grupo Monstruo.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011