CULTURA

Literatura… e outros contos

por Xurxo Borrazás

O excelente escritor Vargas Llosa recibe un doutoramento honoris causa pola universidade de Burgos e, togado de celeste, coa medalla ao pescozo e o birrete calzado, o solemne cidadán Vargas Llosa dá unha rolda de prensa na que aproveita para expoñer que non lle gusta a concesión do premio Nobel de Literatura a Bob Dylan. Non lle gusta nada de nada, nadiña. Pero nada dividido por cero e elevado a mil. Calquera asistente á rolda de prensa diría que as súas declaracións van rematar coa renuncia ao millón de dólares do seu propio Nobel para non verse luxado por semellante mediocridade, pero no último momento reponse e tira para adiante, as desgrazas son lei de vida e hai que afrontalas.

En todo caso a noticia gústalle case tan pouco como a Sánchez Dragó, a Jiménez Losantos ou a Hermann Tertsch, que a cualificaron de “esgarro”, “mamarrachada” ou “ofensa”. Vargas Llosa ten outro tempero e explícao con criterio: a alta cultura ten unha compoñente de elitismo intrínseca que cómpre preservar, e o comité dos Nobel vén de tomar unha decisión errada que pon en perigo esta entente cordiale que sempre soubo distinguir entre os excelentísimos señores ou os reitores magníficos… e a morcilla de Burgos.

O cidadán Vargas Llosa non ten nada contra Bob Dylan coma “cantor” nin contra a morcilla de Burgos, pero pregúntase “a quen lle van conceder o premio o ano que vén, a un futbolista”? Deus! Que nivel de argumentación! “Co Nobel deste ano a civilización do espectáculo e a banalización entra na Academia Sueca” sentenza o maromo de Isabel Preysler. Atrévome a tranquilizalo desde este modesto e periférico artigo, non creo que a Academia sueca me desminta dentro de doce meses: nada de futbolistas. Como moito daranllo a outro cantante coma el, pode que coas mesmas dotes para desafinar, diso non estamos libres.

O que si estamos é afeitos a estas resistencias militares heroicas desde os salóns alfombrados do cuartel xeral. Sen ir máis lonxe cando Roland Barthes foi admitido no Collège de France non faltaron helenistas que se laiasen coma carpideiras en nome do statu quo académico: “Quen vai ser o seguinte, Eddy Merckx?” escoitouse daquela. Lóxico, non? Que méritos tiña o tal Roland Barthes, un cascarillas que nos seus escritos se ocupaba da moda, o strip-tease, a televisión ou a publicidade?

Vargas Llosa é unha carpideira máis dese club de gentlemen rendistas vitorianos, un club de paredes forradas en caoba, butacóns de coiro e espadas cruzadas, un club selecto ao que chaman cultura, afeccionados a ler as crónicas do imperio e os discursos parlamentares cunha copiña de madeira na man e o coche de cabalos na porta. Esta reacción urticante contra a xente da rúa e contra os méritos das xeracións que suceden a propia existiu sempre ao longo da historia, coma un muro de contención contra as ampliacións do campo social, político ou cultural. Non hai moito X. L. Franco Grande protagonizara entre nós un intercambio de columnas xornalísticas do mesmo teor sobre a calidade da literatura galega presente.

O Salón dos Rexeitados

O peruano indignado é herdeiro dunha estirpe inmorredoira: a estirpe que lles cobra aos labregos a auga do río que pasa polas súas terras a prezo de ouro, mesmo cando o río se bota fóra pretende seguir vendéndolles a auga cunha rebaixa. Resisten ata un fío da hecatombe e tras a hecatombe amosan o fío coma unha bandeira e capitanean a derrota. No seu momento dicían que o cinema era unha atracción de feira e non podía ser considerado arte. Máis tarde e para non facer o ridículo… que o sonoro atacaba a esencia do cinema, que era a imaxe, e polo tanto non era arte, ou aínda máis tarde que o cinema en cor desvirtuaba o xogo de luces e sombras que caracterizaba o novo medio, e polo tanto non era arte. Despois que as películas na televisión ían contra a cerna do cinema, o visionado comunitario e a sala escura.

Son os mesmos que exercían o dereito de admisión contra os impresionistas e os recluían no Salón dos Rexeitados, porque aquilo non era arte, os mesmos que desprezaban Dadá, que era o oposto da arte, ou xuntaban os expresionistas nunha exposición de “arte dexenerada” que era visitada por dous millóns de persoas. Hai que recoñecer que os nazis adxectivábana pero non negaban que fose arte. A fotografía non era arte, o pop-art non era arte, o vídeo non era arte, as instalacións ou performances contemporáneas non eran arte.

Os epigramas de Marcial non foron no seu momento máis que simples chistes, as sátiras de Juvenal díxome-díxomes de bufón de corte, Cicerón un redactor de discursos políticos, as cantigas de amigo simples melodías para encher os seráns en pazos e feiras, o teatro de Shakespeare unha diversión para hooligans ingleses… Tan non literatura eran as obras de Shakespeare que nin sequera se publicaban, quitado algunha edición pirata saída da memoria de actores desafectos.

Os ensaios de Montaigne constituían unha especie de masturbación libresca de fillo de rico. Balzac, Dickens ou Dostoievski foran ganapáns de folletín, as súas obras simples reclamos para a publicidade nos xornais, Zola e Orwell autores de panfletos, as cartas abisinias de Rimbaud un asunto de familia que nunca debera saír á luz, o Ulysses de Joyce unha blasfemia, a ficción científica e a novela negra un brinquedo para adolescentes ociosos, a poesía dos beats unha cagada lisérxica, o novo xornalismo un produto perecedoiro, o realismo sucio xa o propio nome o di. Mesmo a aparición do libro de peto fora condenada polos gentlemen con bibliotecas domésticas atesouradas ao longo de xeracións, igual que séculos antes os da mesma estirpe condenaran a imprenta.

Chopin era no seu tempo un fenómeno da cultura do espectáculo, Arnold Schönberg, Luciano Berio ou John Cage non eran música, eran ruído. Por suposto tampouco o jazz era música de valor, e máis tarde resultou que o swing tiña un pase pero o bebop… e despois o bebop admitíase pero o free jazz … E que dicir do rock’n’roll? E despois o rock’n’roll si, pero o punk… Máis tarde ata ao punk se lle atopou un sentido, pero o rap e o hip hop…

A onde iamos ir parar?

Non é que o escritor Vargas Llosa desprece todas estas manifestacións artísticas, seguramente non despreza ningunha pero en todos estes momentos a estirpe do cidadán Vargas Llosa militou nas barricadas contra calquera caste de cambio, estivo ao pé do canón (ou do “canon”) para proclamar que “non pasarán mentres eu estea de garda”, termando co ombro na porta e suxeitando a travesa para que as hordas da chusma esfarrapada non accedesen ao castelo, pedindo que desde a muralla asediada bañasen os asaltantes con aceite a ferver, por hixiene.

Para o cidadán Vargas Llosa, o amigo de Aznar e FAES, literatura é o que parece literatura, arte é o que parece arte, cando en realidade a arte que perdura (a que lle gusta ao escritor Vargas Llosa) ten coma unha constante a de non parecelo no seu tempo, a de cuestionar os seus límites. Un é máis un canto menos se parece a si mesmo e Vargas Llosa parécese sempre a si mesmo, por iso nas listas de premios Nobel figurará a carón desa pléiade de galardoados de comezos do século XX dos que ninguén saberá citar un só título. Na historia da arte perduran os desatados, os e as que cometen erros e xenialidades, aos que non fan unha cousa nin outra pódelles ir ben no seu tempo porque teñen diante o público e conectan con el, péganse a el e saben que tecla tocar, coma os músicos de corte ou dos 40 principais. Vargas Llosa soubo sempre que tecla tocar: nos libros, os artigos e as relacións persoais, desde Fidel Castro a José María Aznar.

O currículo oculto

Agora ben, é este o mesmo Vargas Llosa que na FAES e en El País no ano 2004 se embarcara nunha cruzada contra a “excepción cultural”? Os produtos das culturas minoritarias tiñan que aprender a competir no mercado sen axudas públicas artificiais, se a xente prefería unha película de Eddie Murphy antes que outra de Victor Erice, por algo sería. Patronear os gustos supoñía unha interferencia intolerábel e era un síntoma de mediocridade e de despotismo ilustrado. Pois ben, ese mesmo Vargas Llosa é o que agora lle reprocha á Academia Sueca que renuncie a patronear o gusto do mundo literario a favor do grupo de elite do que el se erixe en baluarte. Cousas veredes… Para o ano que vén igual nos sorprende en plan Donald Trump, dicindo que aceptará o veredicto da Academia, sempre que o elixido o mereza. No ronsel de Camilo José Cela, quen pasou lustros berrando que o Nobel era un monte de merda, ata que llo concederon a el.

Aínda vai ser que a literatura lle serve a Vargas Llosa de campo de batalla por vía interposta, pero a guerra é outra. De feito, hai uns anos xa cuestionara a oportunidade doutro premio Nobel, o de Darío Fo, supoño que por actor e monicrequeiro, non por anarquista. En fin, para Vargas Llosa a democracia e o sufraxio universal están ben, en tanto que lexitiman a persistencia das elites. O Estado do Benestar hai que aceptalo, sempre que non se nos suba ás barbas e respecte as desigualdades naturais. O acceso á xustiza non causa problema, sempre que a dicten os nosos. O premio Nobel é estupendo, sempre que os xuris elixan ben os premiados.

A todo isto, eu tamén estou en contra o Nobel a Bob Dylan. Se parece que o defendo… é un malentendido. Cando che conceden un premio e o aceptas, parece que estás pedindo que cho dean, e non creo que sexa o caso nin Bob Dylan precisa quen o defenda.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011