CULTURA

Disquecool: «Empezamos coa típica conversa de xornalistas que se propoñen montar algo e nunca chega a nada»

Quedamos no «Máis Palá»  para entrevistar a Ana e a Cris, dúas  xornalistas viguesas que puxeron en marcha un dos proxectos máis interesantes da rede en galego: unha revista dixital de deseño, moda, música e tendencias en xeral. A revista vén de cumprir 6 meses e mesmo agasallou cunha estantería a un dos seus lectores para celebralo.

6 meses xa de disquecool… como comezou o proxecto? 

Ana: Coas típicas conversas entre xornalistas de “imos montar algo”, que nunca chegan a nada. Pero esta vez chegou. Unha de nós, Raquel, que vive en Madrid, empezou a bombardearnos con e-mails un luns e así en dúas semanas tivémolo en marcha.

En dúas semanas tivestes xa a idea e montastes a web? E vós vides sendo?

Ana: Cris, eu (Ana), Raquel e Lucía. E logo está tamén Andrés que é o fotógrafo e Juan, que se encarga de xestionar a web, o deseño… os aspectos máis técnicos. O deseño é sinxelo, unha pantilla de wordpress bastante tuneada.

Por que unha revista de tendencias, música, moda, cinema, en galego? Plantexástesvos facelo “en bilingüe” ou algunha outra cousa…

En realidade escribimos sobre o que nos interesa a nós


Cris:
Pensamos que era un oco que había que cubrir, porque é unha información que normalmente buscamos, que lemos, pero que normalmente non atopamos en galego. Entón decidimos poñernos co tema.

A: Tiñamos moi claro que non tiña sentido facer unha revista de tendencias en castelán. Xa hai moitas.

En galego e de temática maiormente galega, aínda que teña unha crítica do primavera Sound ou de viaxes…

A: Tentamos escribir coa idea de tocar todo o que poida interesar en Galicia

C: Claro, pero o que interesa en Galicia non é só o que se fai en Galicia, senón o que se pode estar a crear en todo o mundo.

A: Bueno, en realidade escribimos sobre o que nos gusta e nos interesa a nós (Risos)

Teño atopado titulares realmente extraños en Disquecool como “A árbore da vida. Independentismo mainstream”. Aínda me estou preguntando que querían dicir…

A: Iso hai que preguntarllo ao noso colaborador e crítico de cine, Horacio, aínda que cando fala de independentismo non se refire a unha corrente política, senón ao cine indie.

Fixemos unha convocatoria no OFF Culturgal para que nos enviasen proxectos creativos

Vós fostes medio oficial do Reciclaxe Churruca e agora estades promocionando o Culturgal en Pontevedra. Contádeme algo sobre por que esta colaboración…

A: Ben, para o de Reciclaxe Churruca Tamara de la Fuente, que é a que monta todo isto, púxose en contacto con Andrés que ademais de fotógrafo fai de “axente comercial”, e dixo que si, que guai. Tamén nos interesa porque dá moita notoriedade, claro. E en Culturgal, realmente foron eles os que se puxeron en contacto con nós para organizar a festa da primeira noite, o “Off Culturgal”, co que optamos por unha primeira convocatoria para que a xente enviase os seus proxectos creativos.

Podedes adiantarnos algo?

C: Temos cousas interesantes sobre “terapia de cor” que se emprega en psiquiatría nos hospitais e outros de tipo musical, como o Coro de Ra, que son moi coñecidos en Santiago, aquí en Vigo están os do “Halcón Milenario”… que é unha especie de taller/galería/centro de arte alternativo que hai en Churruca. Pero están na nosa web.

Ben, e como foi facerlle unha disqueficha a Jarvis Cocker? Porque é un personaxe algo peculiar, segundo din…

A: Eu estaba no medio dos concertos en Barcelona, no Primavera Sound, e de repente apareceu Jarvis Cocker a 3 metros de min, loxicamente rodeado de xente e no medio da zona “normal”, non estaba en terreo reservado. Decidinme a achegarme a el, pensando “teño que facela”, porque ademais a idea das “disquefichas” era miña e sempre dicía que me serviría de excusa para darlla a el cando nos atopasemos no Primavera Sound… entón, pois claro, non tiña excusa. El marchaba coa súa moza e achegueime en plan, “Jarvis, ola”. Pensei que ía dicir que non pero ao final cubriuma. É certo que só as tres primeiras categorías, porque ao estar escrita en galego, o de música, literatura, cine aínda se entende, pero “roupa” e “lugar”, pois non. Pero foi un grande momento.

Para que unha web como esta funcione, obviamente tes que estar moi pendente das redes sociais (Twitter, Facebook), estardes atentas, facer a famosa labor de “community manager”… porque de feito o voso medio se foi dando a coñecer agora.

C: Si, iso vai através de Facebook, sobre todo, a xente comparte as novas, cando as comparte os amigos as vén. Iso é o máis difícil. Máis da metade das visitas entra só por Facebook, xa sen contar o resto das redes sociais. Por twitter tamén entran, pero claro, agora moita xente xa non vai aos medios, espera a que suban as novas os seus amigos.

A: Si, se Anonymous tira abaixo Facebook tamén acaba con nós. É fundamental que a xente lle dea tamén o “gústame” á nosa páxina para así seguir as nosas actualizacións.

Disquecool está pensado con ánimo de lucro, ou para polo menos algún día gañar algo ou ben é un concepto máis “afeccionado”?

C: Non era o obxectivo principal cando abrimos a web, pero si que é un obxectivo.

Profesionalizarnos sería unha oportunidade para facer as cousas mellor


A:
 Si, sobre todo porque tamén lle botamos moito tempo e a verdade sería unha oportunidade para poder facer as cousas mellor. Tamén agora empezamos a ter colaboradores e estaría ben pagarlles… aínda que bueno, non sei se dicir isto porque igual os colaboradores se emocionan (risos). No próximo disquemeeting veremos ese tema da estrutura empresarial. Agora temos algunha publicidade… pero aínda non precisamos definir este tema.

Cal foi o voso artigo máis relevante?

A:  O do osiño Misery Bear, que todo lle sae mal, é alcólico… sae nunha serie da BBC. E Raquel decidiu facerlle unha entrevista e tivo moitísimo éxito.

C: Si, e Misery Bear tamén cubriu unha disqueficha, e logo a noticia estivo en Menéame

Avatar of Denís Fernández Méndez

Naceu en Sanxenxo en 1981. Ten traballado e colaborado con varios medios, así como no ámbito da comunicación política. O seu twitter é @denisfmendez
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011