CULTURA

2000-2005: nove ideas sobre o modelo galego do audiovisual

A comezos do terceiro milenio –reinando en Galicia Manuel Fraga, o Gran Timonel-  participamos atónitos a un bombardeo mediático cun hight concept que debería pasar aos anais dos inventos semánticos da cultura galega: o denominado modelo galego do audiovisual. Un modelo que –segundo se insistía persistentemente unha e outra vez na prensa diaria, TV e Internet– ía traspasar as serras de Pedrafita e Padornelo  porque encarnaba un exemplo a seguir no resto de España e, –isto non se atrevían a dicilo pero pensábano– no conxunto de Europa. Ao fin, a inventiva galega daba con algo que –en compaña da moda, o viño, a lousa e o futbolín– poñería Galicia definitivamente na escena internacional. Había quen dicía –e quedaba tan pampo– que Galicia ía ser a principal provedora de contidos para Iberoamérica no 2010;  outros que o modelo galego estaba sendo analizado cientificamente nas Universidades; que as comunidades autónomas o estudaban para implementalo nos seus territorios; estómagos agradecidos facíanse eco acrítico do modelo en revistas de papel cuxé. En fin, que, grazas ao devandito modelo, Galicia, delirábase na propaganda, era xa a terceira comunidade no asunto audiovisual, de feito Cataluña e Madrid tremían ante o pulo imparable da produción galega. As cifras de emprego, investimento,  exportación e as contas de resultados dalgunhas produtoras e da Administración eran impresionantes nun alarde de contabilidade creativa. Todos os programas que deseñaban os creadores do modelo galego, mediante o imaxinativo sistema de cortar e pegar,  incluían a palabra pioneiro nos seus discursos; “Este programa pioneiro”; “esta iniciativa pioneira” afirmaban sen rubor ningún. Proliferaban os libros brancos e informes sobre o sector por todas as partes, chiringuitos con pomposos nomes enchían o negro sobre branco daquela Galicia audiovisual marabillosa que nos anunciaba un futuro luminoso para a industria audiovisual autóctona. Eramos a re-hostia!
De paso, borrábase materialmente do mapa calquera indicio de desconformidade, morno e, ou, simplemente de quen se atrevese a apelar á memoria histórica ou defender un modelo alternativo. Anatema!!!!. Condenábase ao ostracismo total ou á emigración forzosa. Ninguén ousaba discrepar ante tamaña marabilla, as cousas ían moi razoablemente ben para todos; o  audiovisual galego estaba definitivamente encarrilado por moitos anos e,  pouco a pouco, ata segmentos sociais tradicionalmente pouco interesados no audiovisual, xornalistas, políticos e xentes da cultura, foron asimilando que faltaba moi pouco para que Galiwood arrebatase a supremacía da industria do entretemento ao imperio americano. A Administración debería poñer –iso si– máis pasta a fondo perdido. As produtoras contentas e caladas e os políticos podían fretarse as mans con tranquilidade porque enchían peito grazas aos resultados espectaculares e o éxito internacional; de feito pavonábanse ante os medios nunha listaxe inacabábel de foros, comparecencias e actos puramente mediáticos de todo tipo, sempre acompañados por pinchos de deseño e viños de marca. Eran grandiosos os seus discursos nas estreas dos mesmos filmes que, por regra xeral e agás moi honrosas excepcións, espantaban a critica e o público. Nunca tal cousa se vira, os políticos presentando os filmes nas estreas… Ouh, audiovisual galego!!!!

Co cambio de goberno os dous socios (BNG e PSOE) engarzáronse feramente polo seu control e convertérono nunha peza de discordia e confrontación

En fin, o globo do concepto convertérase pouco a pouco nunha marca ostentosa e recoñecíbel, con capacidade de manobra e penetración mediática. Tanto así foi que, co cambio de goberno os dous socios (BNG e PSOE) engarzáronse feramente polo seu control e convertérono nunha peza de discordia e confrontación, ata que, como propuxo Salomón, optaron por seccionalo salvaxemente en dúas metades.
Mais a estas alturas algún lector estarase preguntando en que consistía exactamente o modelo galego? Imos tratar de esbozar algunhas das súas características mais salientábeis:
1) En primeiro lugar o modelo galego favorecía descaradamente a subsidiariedade co argumento programático das coproducións. Vexamos: vostede ten un proxecto español, catalán, arxentino, valenciano ou madrileño e fáltalle… poñamos un 20 ou 30 por cento para completar o financiamento do proxecto. Pois non hai problema, Galicia sempre recibe coas mans abertas calquera proxecto de coprodución. En realidade somos a encarnación da coprodución. É a nosa especialidade. Os que mellor a entendemos. Ninguén como os galegos para axudar a producir telefilmes valencianos, cataláns ou arxentinos. O único que hai que facer é conseguir un home de palla indíxena que se encargue de acadar a subvención da Xunta, do Consorcio e a participación da Televisión de Galicia e a película xa está armada financeiramente. Outro título para engadir á listaxe de grandes filmes galegos, con temas alleos á nosa idiosincrasia e cultura, dirixidos e guionizados por foráneos, con xefes de equipo e profesionais de fóra, facendo noite nun bo hotel nos dous ou tres días de rodaxe en provincias “por la coproducción, claro, pero no importa, el marisco está muy bueno en Galicia y además es tan bonita.. un marco incomparable…” Galicia: Unha terra de cine”.
Todo isto pagado xenerosamente con diñeiro público, namentres, os pobriños técnicos galegos, moitos deles sobradamente preparados, traballaban de auxiliares, varredores, figurantes sen frase, traidores, ou vixiantes do tráfico, e sen dereito ás dietas dos profesionais madrileños. Non importa: todo pola coprodución!!!! Galicia non pode vivir sen as coproducións. Son necesarias para penetrar na industria española. Estivemos 16 anos facendo coproducións minoritarias e esa, precisamente, é unha das marcas referenciais máis evidentes do modelo galego. Durante uns días, o gremio da hostalería fai un pico, os políticos locais felicítanse pola relevancia do seu pobo como localización, e os burócratas autonómicos xa dispoñen dun título máis para a listaxe de grandes películas do audiovisual galego que se poderá  incorporar á última edición do libro “Rodado en Galicia”. Mentres, guionistas, directores, técnicos e actores autóctonos terán que buscar o seu lugar ao sol fóra do noroeste atlántico. Importante: Quede ben entendido que as coproducións son un xeito eficaz e intelixente de afrontar proxectos para facer películas que poidan ser negocios ou éxitos comerciais e artísticos. Non como defendía o modelo galego: para facer negocios coas coproducións.

Outro dos piares básicos do modelo galego eran os chiringuitos

2)
Outro dos piares básicos do modelo galego eran os chiringuitos. Habíaos de todo tipo. Cada un deles controlado por xente de confianza defensora dun modelo que lles interesaba só a uns poucos conectados entre si. Vostede tiña unha idea: alá vai ao chiringuito!!! Nas mesas redondas eran máis os representantes de chiringuitos que asistentes, mais non importaba, quedaba moi ben nos papeis, e sobre todo, tamaña vitalidade asociativa impresionaba ao turista-visitante…Que enerxía creadora!!!! Que músculo asociativo!!!!… Cando en realidade non era máis que a manifestación do minifundismo telúrico dos galegos, un reflicte junguiano da nosa idiosincrasia colectiva aplicada ao audiovisual, habilmente aproveitada pola elite do modelo. Divide e vencerás. E parecía certo!!! Todos beneficiábanse dun ou doutro xeito da división clientelar, namentres, os señores feudais repartían baronías e prebendas, por suposto só se un dicía o correcto. Porque no caso contrario, todas as portas do resto de chiringuitos pechábanse ao unísono nun alarde de coordinación democrática.
3) Un dos leiv-motivs rechamantes do modelo galego era a aposta pola “internacionalización para a promoción no exterior do produto e da industria audiovisual galega”. Consistía basicamente en que alguén, a gastos pagos, viaxaba a festivais polo mundo, baixo un paraugas (?). Non te preocupes, dicíase, a Administración vai vender a túa produción e colocaraa no mundo. Déixanos a nós que xa sabemos o que hai que facer… Un funcionario alá ía aos mercados especializados coa misión imposíbel de vender as coproducións minoritarias galegas no planeta. Tras catro anos de funcionamento do devandito plan, nunca se renderon contas de resultados das accións de internacionalización. Ás veces, agromaban datos que informaban de que vendemos menos do un por cento. Un éxito alucinante do custoso e inútil plan de internacionalización. Un non podía deixar de preguntarse abraiado: pero que imos vender, se nin sequera somos donos do negativo!!!! A internacionalización dos proxectos iníciase na fase de desenvolvemento, na xestación do proxecto e non no remate da produción ou coprodución. Todo un delirio e disparate de gasto público orientado a encher os xornais –algúns deles tamén produtoras ao tempo– con novas que impresionaban a políticos incautos e vender fume –a grande especialidade do modelo galego– como leña de calidade internacional…
4). O modelo galego tamén apostaba polos “plans de formación”. Plans de formación elaborados ao xeito soviético, sen contar co tecido docente, nin considerar as necesidades específicas dos centros de formación ou das universidades do país, en precaria situación –o subtexto é que en Galicia non hai bos profesionais e peores docentes– pero calquera que veña de Madrid ou Barcelona… ese si que sabe!… Mais non importa!!! Os grandes pensadores do modelo galego coñecían perfectamente os problemas do sector grazas aos estudos de necesidades realizados por expertos profesionais ou empresas que vivían de costas á realidade educativa e moitas veces fóra do país. Iso si, se conseguen que un profesional de recoñecido prestixio acuda a Galiza mediante o método de poderoso diñeiro, o feito aproveitábase mediaticamente para sacar a foto correspondente, refregarnos aos demais o moi importantes que eran e de paso consumir máis pinchos de deseño regados con mais viños de marca. Nas entrevistas utilizábase habilmente a opinión do incauto e agradecido visitante para proclamar aos catro ventos máis eloxios do modelo galego, “un exemplo para o resto das autonomías”. Outro programa abraiante: pretendíase traballar a prol do audiovisual nas aulas –digna e loábel misión por certo– mais sen contar co profesorado dos centros, a base de esforzados misioneiros ou paladíns que emulando as misións pedagóxicas republicanas ían polo país a espallar “la nueva buena”: a evanxelización do audiovisual. Xusto o contrario do que hai que facer.
5) Outra das singularidades do modelo galego era o de favorecer a hexemonía dos produtores no discurso audiovisual. Cando se deseñaba calquera reforma ou aparecían situacións de crise, políticos e medios de comunicación preguntábanlles aos produtores, que son, no modelo galego, os que saben. Guionistas, directores, actores, investigadores ou técnicos van detrás ou non aparecen. Cando algunha vez chegaban a publicarse as listas de beneficiados das subvencións, os proxectos adxudicábanselles ás produtoras e non aos directores. Dicíase, “Continental sacou 2, Filmanova 3 e Adivina 2”…etc. Verdadeiramente este é un feito singular no mundo,  e que o goberno Feijóo recentemente reimplantou. Só hai que consultar a listaxe de beneficiarios das axudas á produción da Agadic no 2011. Xusto ao revés que no resto do planeta, onde o peso e a incidencia mediática do audiovisual recae en mans dos creadores, actores ou directores. As películas son de Almodóvar e non de El deseo e tómanse en consideración as opinións dos expertos e creadores. Desta situación non eran culpábeis os produtores, pero na realidade,  si había que viaxar –as denominadas embaixadas comerciais- á Arxentina, Valencia ou Brasil, etc…por suposto que se invitaba aos produtores, os de confianza, porque “hai que favorecer os negocios”, é dicir, montar coproducións e,  de paso –moi importante– identificar talento foráneo. Non esquezamos nunca o bos que somos os galegos no tocante ás coproducións e apostar polo talento alleo, case unha marca de fábrica. Era outra das novas que agromaban nos papeis: o asombro dos produtores abraiados pola descuberta do talento dun determinado país… Cando chegaban da viaxe oficial a este cativo recuncho no noroeste onde, ao parecer, non había nada que brillase con luz propia. Pola contra, nos anos do modelo galego había quen se propoñía en serio iniciar un estudo científico sobre a posibilidade de que o material xenético dos galegos fose incompatíbel co talento audiovisual. Ao parecer, agora xa ninguén dubida que tamén temos talento nas terras de Breogán.
O artigo completo foi publicado no número 173 de TN, de Outubro de 2011.

Manolo González creou e dirixiu a Axencia Galega do Audiovisual durante a etapa do goberno bipartito. Con anterioridade, responsabilizárase da política audiovisual na Dirección Xeral de Cultura (Xunta de Galicia) entre 1984 e 1985, poñendo en marcha daquela a primeira experiencia do Audiovisual na Escola. Actualmente imparte aulas de Historia nun instituto de Sada, para o que ten creado o canal Cliphistoria de youtube.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011