CULTURA

Sobre os modelos galegos do audiovisual (I)

Nestes complicados tempos, onde a escusa da crise xustifica e lexitima arrasar con todo canto funciona, asistimos a un revival interesado nos medios de comunicación sobre a fortaleza, calidade e talento do audiovisual galego contemporáneo. Hai plena unanimidade na cúpula dirixente: dende o ilustre conselleiro diplomático, ao xerente da Agadic, o secretario xeral de Medios de Comunicación, o inefable director do Consorcio Audiovisual, e, como non, o turiferario e crítico cinematográfico por antonomasia dun xornal de gran tirada. Todos eles coinciden no diagnóstico: “Son tempos difíciles, pero o audiovisual galego vive o seu mellor momento”.· No xornal citado fálase da “mestura brillante de calidade e talento” de moitos filmes que están a ter relativo éxito tanto na casa como fóra, ou que participan en pé de igualdade en mostras e festivais de todo o mundo. Mais, en realidade os proxectos dos que se gaban as citadas autoridades do audiovisual , teñen un denominador común totalmente alleo á súa vontade e que todos agochan con cinismo hipócrita: No ano 2006 a Axencia Audiovisual Galega da Consellaría de Cultura e Deporte, intentou modificar en profundidade a política de axudas ao audiovisual da era fraguiana, tempo onde se acuñara un divertido concepto do que apenas se fala hoxe: o modelo audiovisual galego e que se mantivo en vigor do 2000 ao 2005. A Axencia decidiu empregar ata o 20 por cento do seu orzamento para desenvolver liñas de axuda innovadoras de promoción do talento ou estímulo ao que denominaba “mundo paralelo” e liquidar o modelo galego do audiovisual por obsoleto, ineficaz e inxusto. Aínda resoan as críticas destrutivas e airadas de gran parte da denominada  industria audiovisual “Eses proxectos non terán viabilidade”, “dirixismo cultural”, “Se chegan a producirse non terán estrea”. “Non interesan fóra de Galicia», etc. Daquela, o perspicaz crítico antes citado cualificaba as axudas da Axencia de “deriva anacrónica, endogámica e oposta á tendencia do audiovisual mais aló do Padornelo e mesmo dos Perineos”. Con todo, catro anos despois, podemos asegurar que ese 20 por cento  investido contra vento e marea na promoción do talento e os novos directores, foi o mellor investimento público da curta historia do audiovisual galego. Aí están Os Crebinsky, Retornos, A noite que deixou de chover, Eloxio da distancia, De profundis, 18 comidas, Tras as luces,  Qué culpa ten o tomate, Relatos, O almorzo do poeta; Dous fragmentos Eva, Nacional VI, Todos vós sodes capitáns, Arraianos, Afranio, Manuel y Elisa, Quen son?, Flores Tristes, a Maleta de Sofia,  Lister pronunciado Lister,  etc. Entre outros moitos fitos significativos dos que daremos conta.

Invítoos a realizar un exercicio impresionista de memoria histórica sobre a última década do audiovisual galego. E como resulta fundamental coñecer de onde vimos,  nesta entrega faremos un flash-back á primeira metade da década, deixando para unha posterior ocasión a radiografía das políticas audiovisuais do bipartito e do goberno actual, porque comezan a agromar algúns síntomas que auguran o retorno a determinados aspectos do modelo galego a pesar da parálise institucional e aparente inexistencia de política audiovisual do goberno de Feijóo.

O artigo completo foi publicado no número 173 de TN, de Outubro de 2011.

Avatar of Manuel González Álvarez

Manolo González creou e dirixiu a Axencia Galega do Audiovisual durante a etapa do goberno bipartito. Con anterioridade, responsabilizárase da política audiovisual na Dirección Xeral de Cultura (Xunta de Galicia) entre 1984 e 1985, poñendo en marcha daquela a primeira experiencia do Audiovisual na Escola. Actualmente imparte aulas de Historia nun instituto de Sada, para o que ten creado o canal Cliphistoria de youtube.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011