CULTURA

Nova etapa d´A TRABE DE OURO

No primeiro trimestre de 1990 saía á luz o primeiro número desta nova “revista de pensamento crítico” so un lema da autoría do Álvaro Cunqueiro anterior á Guerra Civil que rezaba, e para nós segue a rezar así:  “Estamos abertos a todos e a todo; tentaremos que nada da nosa Terra e Tempo nos sexa alleo”. Xa na negra noite do franquismo, unha revista de esquerda nacionalista adoptara, e polas mesmas razóns e criterios ca nós, o nome de Terra e Tempo.

Pasaron os anos, coma área, e A TRABE DE OURO fixo esforzos por cumprir os obxectivos que se sinalara a ela mesma, e con boa fortuna en varios casos. Cada tres meses, e sen crebas, con bo e mau tempo sociopolítico, económico e ideolóxico, foi esta revista saíndo ao encontro das persoas. Tivo o ollo posto nos centros de tormenta das crises que afectaron as sociedades ás que puidemos chegar e ocupouse da propia crise de supervivencia, isto con insistencia, a miúdo apaixonada. Ao mesmo tempo, A TRABE DE OURO quixo deixar testemuña e facer intervención como suxeito colectivo con vocación  de axente transformador daquela parte do realmente existente que atenta contra a liberdade e a dignidade humanas, producindo editoriais que, nunha lectura retrospectiva, religará sen dificultade aos grandes movementos culturais e políticos de liberación.

Ao revés doutras valiosas revistas de pensamento e cultura que nos precederon ou nos acompañan, o Consello de Redacción quixo ser parte activa e axir politicamente con ideas e propostas que foron previamente discutidas de modo colexiado. É por iso que A TRABE DE OURO emitiu en todos os seus números pasados e seguirá facéndoo nos vindeiros, textos editoriais non asinados nos que a publicación se siga pronunciando sobre a maioría dos grandes asuntos económicos, sociais, ideolóxicos, filosóficos, políticos que afectan os humanos e afectan a Galicia como nación dependente.

Desde o seu primeiro número, A TRABE incorporou colaboracións de autores e autoras de Galicia e doutros países e culturas que escolleron estas páxinas para dispensar, en galego, o mellor das súas meditacións e a flor e primicia da súa honra creativa. Foi así que A TRABE se converteu na primeira revista de pensamento crítico que, en Galicia, foi nacional e internacionalista ao mesmo tempo.

Falamos en pasado porque acabamos de regresar, tras dunha longa navegación, ao noso porto de partida. Completamos unha viaxe que estivo unida á xenerosidade, pulo patriótico e inquedanza intelectual de Olegario Sotelo Blanco, a quen consideramos non só editor e membro fundador d’A TRABE DE OURO senón tamén membro solidario do equipo impulsor e autor  que, coas súas aportacións, contribuíu a vivificar os contidos da revista.

Ábrese, pois, con este número unha segunda xeira d’A TRABE DE OURO que o Consello de Redacción non considera produto dunha ruptura, senón etapa que nos foi imposta polo ditado inapelábel das circunstancias. Perseverará a revista na mesma liña e coa mesma motivación intelectual e civil coa que viu a primeira luz en 1990.

Durante os anos nos que A TRABE foi saíndo, con absoluta regularidade, mudaron, como non podía ser doutro xeito, no mundo e en Galicia, os tempos e as vontades, se se nos permite botar man das palabras de Camões. Continuaremos, sempre no marco da cultura planetaria de pensamento crítico, coas nosas angueiras e traballos, que seguirán ben enraizados na realidade contemporánea e histórica de Galicia.

Unidos, agora, a unha nova entidade editorial, Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S.A., editora da revista mensual TEMPOS Novos, estamos seguros de poder reiniciar a navegación, na que seguirán acompañándonos os amigos e colaboradores de aquí e do exterior e tamén os lectores e lectoras que consideramos o noso mellor tesouro posto que sempre nos acolleron con atención teima crítica e animadora.

En todo caso, a noticia é hoxe esta: A TRABE continúa.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011