CULTURA

Entrevista Francisco Fernández Rei

Francisco Fernández Rei

Catedrático de Filoloxía Románica da USC e académico da RAG

«A actitude deste goberno do PP respecto da lingua traduce unha política clara de ir deconstruíndo os nosos elementos identitarios»

 
Luís Villamor Texto Fernando de Paz Foto

Guardiola, o ex-adestrador do Barcelona, dicía o outro día que as linguas non se falan porque sexan oficiais ou cooficiais, senón que hai un pobo, unha sociedade detrás…

É que as linguas son unha manifestación importante do que é a identidade dun pobo. No caso noso, o maior símbolo da nosa identidade. E unha lingua non se defende porque a falen 50 millóns de persoas ou centos de miles. É a construción dun pobo. E nesas palabras hai moito máis que unhas palabras. Ou sexa, deféndese porque si, non simplemente polo valor utilitario que ten.

O Estado español é un pouco analfabeto en materia lingüística? Pregúntollo porque temos catro linguas e cústalle acadar unha posición de neutralidade…

Se nos fixamos, a Constitución española fala de que hai unha lingua, a castelá, que é a que todos temos o deber de coñecer e o dereito de usar. E despois hai outras linguas que non se sabe nin cales son nin cantas. Todo depende dos estatutos. Entón, desde que se aproba a Constitución e coa práctica autonómica, todos os españois saben que tamén existe o galego, o catalán e o vasco. Pero hai moitas máis. O que si está claro para moita xente é que hai unha lingua de primeira, porque a hai, que é o castelán. Que é a que todos pola Constitución temos que coñecer. E logo están as outras que son de segunda ou de terceira, por dicilo así. Grazas a unha loita constante de moitos anos e de moita xente, vaise conseguindo que esas segundas linguas sexan tamén de primeira, polo menos no seu territorio.

Fala vostede de loita, pero con que nivel de desgaste? En Cataluña, a finais do XIX, un feixe de lingüistas estableceron a normativa moderna do catalán, a sociedade pechou filas e a lingua tira millas…

Pero é que a gran diferenza está en que, desde que hai autonomía, no caso de Cataluña e País Vasco, o Goberno estivo case sempre en mans dos nacionalistas, e cando non eran nacionalistas, como pasou en Cataluña cando gobernou o PSC, tiñan unha idea moi clara de para que valía a lingua. Entón, en toda esta etapa autonómica houbo unha política lingüística digna de tal nome. Onde se fixo un bo investimento e lograron resultados excelentes. Tanto nun caso como noutro. E no caso noso, en toda a xeira autonómica, que é o que temos? Como moi ben dixo Anxo Lorenzo, antes de ser director xeral de Política Lingüística, aquí houbo política lingüística de baixa intensidade. Quen gobernaba basicamente era a dereita e, en xeral, a actitude tanto do PP como do PSOE, en todos estes anos, era relativamente morna. O que se procuraba era que non houbese un conflito. Máis ben un laissez faire, laissez passer, e se se foron conseguindo cousas foi por un esforzo social inmenso de certos colectivos, entre eles o do ensino. Esa é a gran diferenza, uns lugares gobernados por xente que cría no país, e no idioma, e facía política lingüística digna de tal nome, mentres en Galicia sucedía todo o contrario.

Unha política lingüística que ademais aplicaban…

Aplicárona, si. No caso de Cataluña están moi claros os bos resultados da inmersión lingüística. No caso do País Vasco é diferente, porque aí teñen varios sistemas de ensino, pero moitísima xente colle ese ensino en vasco, coa materia en castelán os fillos de emigrantes. E aquí tivemos ese bilingüismo harmónico, cos resultados que vemos. A mediados dos noventa, que pasou con esa baixa intensidade? Pois os datos do mapa sociolingüístico fixeron ver naquel momento que, a nivel urbano, o descenso do galego era impresionante, que diminuía a transmisión xeracional e –hai que recoñecerllo como positivo– o Goberno de Fraga, onde era vicepresidente Núñez Feijoo, puxo a andar o Plan de Normalización da Lingua Galega, no que participou todo o mundo, e o 21 de setembro de 2004 os grupos aprobárono por unanimidade. Non era unha lei. En lei tentouse converter a semana pasada.

Eran uns alicerces de consenso, e logo mudou o goberno…

Participaron colectivos de todo tipo, despois houbo un cambio de goberno, que empezou a poñer en marcha iso, que afectaba a un punto tan importante como o ensino, e de aí o da posta en marcha das galescolas, con moi bos resultados nalgúns sitios. E hai ese decreto anatematizado de 2007, que o que facía era recoller o do Plan. Porque poñer que o 50% do ensino, polo menos na primaria, secundaria, FP e bacharelato fose en galego, era recoller o que poñía o plan.

Deiaxaba en mans dos centros o ir a máis…

É que curiosamente nesa época o goberno do PP das Baleares adopta un plan semellante, onde para o ensino se establecía polo menos un 50% en catalán. Á parte de todo iso, a carta europea das linguas rexionais e minoritarias, que ratificou o Goberno de Aznar –non foron os socialistas— e que España está obrigada a cumprir, no punto oitavo fala de que os gobernos teñen que poñer as bases para que, onde haxa unha lingua minorizada ou rexional, como eles din, poida haber un ensino nos niveis infantil, primario, secundario… Ou sexa que non é que o bipartito fixese unha revolución. Estaba aplicando o Plan de Normalización, que impulsou o PP, e a recomendación da carta. Á parte doutras medidas adoptadas no bipartito, relativas á lei do libro e moitas máis, pero despois pasou o que pasou. Dicían que durante os anos de goberno do bipartito se quería impor o galego, cando resulta que os galegofalantes somos os únicos bilingües. Foi a do PP unha campaña falaz.

Falta prestixiar a lingua en ámbitos que ao mellor podendo non o fan? Falta entusiasmo lingüístico, por exemplo, no sector financeiro?

Está claro que a política lingüística non só a ten que facer o Goberno: a temos que facer entre todos esixindo os nosos dereitos, o que pasa é que moitas veces por cansazo, inercia ou desleixo non os esiximos.

Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, viña a dicir hai uns meses nesta revista que o Clube Financeiro de Vigo sería, por exemplo, un bo escenario para pular polo galego…

O galego depende de moitas cousas. No sector da medicina, de que vaias a unha consulta e que, polo feito de ser galego, de repente, ás veces teñas que cambiar ao castelán porque esa persoa non o entende. Porque falla a comunicación. Son moitos sectores nos que ten que estar presente, e o prestixio vai depender de todos eles. Agora, por moito que se diga que a lingua non se aprende nas escolas, que é un elemento máis, iso non é verdade. É un elemento fundamental. Ou sexa, a lingua apréndese na familia, e o que está fallando hoxe é a transmisión xeracional, pero a escola é un elemento fundamental para o prestixio da lingua. Neste sentido, a política do actual goberno foi totalmente negativa. O primeiro que fixo foi unha lei no 2009 que eliminou a obrigatoriedade de que os funcionarios fagan unha proba de galego, o que simbolicamente ten a súa importancia.

O dramático informe estatístico e os recursos da RAG

Por iso lle preguntaba antes pola ausencia de entusiasmo institucional…

Si, si. Pero no caso do ensino si que ves a aprobación dese decreto do plurilingüismo que, en teoría, está moi ben que todo o mundo saiba castelán, galego e inglés, pero á hora da verdade é á custa do galego. Saben que pode cumprirse en moitos centros públicos, pero en moitos privados leva moito tempo sen cumprirse. E a proba disto, por moito que queiran dicir que non, témola neses datos dramáticos do IGE de 2013. As estatísticas podemos tomalas como queiramos, pero hai un feito dramático. Hoxe o 47% de rapaces de entre cinco e catorce anos nunca emprega o galego, e un 25%, algunha vez. Do 25% restante, só o 13%. O resto, galego e castelán.

Os datos apuntan que facendo vida social, cando están cos amigos, aínda que teñan notas excelentes, apenas o falan…

Ninguén nega que nunca houbo un coñecemento pasivo ou técnico da lingua tan grande como agora, pero é un feito dramático que case un 50% de rapaces menores de quince anos nunca usen o galego.

As porcentaxes son contundentes…

É terrible. Se eses rapaces nas idades máis pequenas non usan o galego, como imos esperar que o empreguen despois. Sempre hai xente que se acaba galeguizando no instituto, na secundaria, e mesmo na universidade, pero no esencial, non. E non quero ter unha visión catastrofista, porque as cousas son como son. E de feito é positivo que dende hai quince días o goberno galego, por fin, empece a aplicar medidas relativas a ese Plan de Normalización. Acaban de mandarnos á Academia o que é o borrador de medidas aplicable ao tecido económico, que de momento están moi verdes, en fase de consulta a partidos e institucións. Vexo moitas, pero non quen ten que aplicalas, non hai cronograma nin orzamento. É certo que estamos nun momento en que non hai o entusiasmo social que había hai anos. En parte pola crise…

Tampouco parece haber unha planificación lingüística rigorosa como a que se fixo en Cataluña…

Efectivamente, iso é o que se fixo en Cataluña e País Vasco. Aquí a cousa é un pouco o de ir tirando e facendo cousas.

O recurso contra o decreto do galego no ensino encallou no Supremo… A actitude da Real Academia é de recorrer ao Constitucional. Con que expectativa?

A Academia fai humanamente o que ten que facer. Coma calquera institución ten luces e sombras, pero creo que nos últimos anos, desde que empezou esta especie de deconstrución do que había por parte do Goberno do PP, aí estivo en todo momento, á marxe de quen fose o presidente. Cando no 2009 anunciou que ía eliminar o decreto do ensino e outras medidas que eran avances, a Academia inmediatamente sacou un comunicado moi respectuoso, pero tamén moi duro. Onde se pedía que non se usase a lingua como arma política, que se aplicase o Plan de Normalización, e denunciaba que se estaba utilizando a palabra normalización como se fose daniña, maldita. Falábase de imposición lingüística cando era mentira. A Academia, cando apareceron as bases do decreto, foi a primeira que falou de maneira moi clara e despois, ao igual que fixeron outras institucións, presentou o recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Igual que a Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG, Nova Escola e outros organismos.

Cun moi relativo éxito…

Gañouse en dous puntos moi importantes: o relativo a esas enquisas que se querían facer nos colexios aos pais, o que é ilegal; e nun aspecto importantísimo, o profesor está obrigado a dar certas materias en galego ou castelán, as técnico-científicas collían o gordo en castelán, e despois o alumno podía usar o idioma que quixese. E estas dúas cousas foron botadas abaixo. As diversas asociacións que acudiron ao Tribunal pararon aí, pero a Academia seguiu e foi cando presentou o recurso ante o Supremo. E despois o que se pedía era derrogar ese decreto de plurilingüismo, porque con el non se vai lograr que todos os alumnos ao final da etapa non universitaria acaden as competencias en galego e castelán. O Tribunal hai dous meses fallou en contra da Academia, e esta volveu recorrer ao Constitucional, con argumentos moi claros.

Pero que posibilidades ten de prosperar o recurso?

É  posible que se perda, non porque non haxa argumentos, senón porque dado como esta a xustiza e como están compostos estes tribunais, con representantes dos grandes partidos estatais e demais, o máis probable é que rexeiten o recurso. Se se perde, aí está o Tribunal de Estrasburgo, onde creo que hai máis posibilidades. Eu sempre digo que os vietnamitas non gañaron nunca ningunha batalla, pero ao final gañáronlles a guerra aos ianquis. A Academia está cumprindo co seu labor, non pode facer milagres.

O desleixo lingüístico e as súas consecuencias

Unha lingua é un mercado? Depende de como vaia o mercado así vai a lingua? Cal é a súa diagnose?

É que é verdade. O galego vende. E o Consello da Cultura fixo algún traballo no que se ve claramente que o galego vende. E ten un plus. Aí está o caso de R, que utilizou sempre a publicidade en galego, por poñer un exemplo de empresa punteira. Claro que o galego vende! Non é asociar o galego á miseria e a pobreza como se facía antes. Iso quedou totalmente desfasado. E moita xente necesita que lle demostres que pode vender. Que pode acudir ao mercado portugués, brasileiro e demais…

Iso din os cataláns, que se tiveran Portugal ao lado…

Niso tiña razón Basilio Losada: o que os cataláns envexan de Portugal é que mentres eles non conseguiron independizarse de España, Portugal si o logrou. Algo diso sobre a lingua tamén hai.

Que grao de inhibición institucional hai neste ámbito do mercado, cando é un nos que máis pode incidir a Xunta?

O poder que ten neste caso a Xunta para normalizar o idioma é infinito. Podes incidir en moitas empresas ás que lles compras a luz ou equipos informáticos. Podes impoñerlles que normalicen o galego.

Condicionándolle as subvencións?

Efectivamente. Corenta mil cousas. Se queren normalizar, vaia se poden! Outra cousa é que queiran.

No Carballiño un señor hai pouco chamou a un servizo público e non o atenderon por dirixirse a el en galego… Que facer?

Iso é impresentable. En principio, calquera funcionario ten a obriga de coñecer o galego. Se o funcionario está en Galicia, ten a obriga de coñecer o idioma. Este tipo de actitudes agora danse pola nova política deste goberno, antes a xente non se atrevía. Creo eu. Hai un desleixo. Non se pode dicir que o PP estea en contra do galego. En absoluto. Pero estamos vendo ofensivas, eivas e desleixos institucionais que o poñen baixo sospeita. Por caso, o que sucede coa promoción da lingua nos medios de comunicación privados. As moitas subvencións que lles dan polo uso do galego apenas obteñen un mínimo das contraprestacións que se lles debera esixir. Non cumpren nin sequera o 8% que está estipulado na convocatoria, e o que ofrecen en galego non pasa dunhas farangullas. E logo resulta que o que lles dan a medios que publican todo en galego, como TEMPOS Novos ou Sermos, é practicamente nada. Ou nada, como lle vén de pasar a Luzes, á que lle denegaron a axuda porque ao facer un número dobre de verán non puideron contabilizar os doce números esixibles por ano. Ou a prensa dixital, que é onde máis presenza hai do galego, para a que non hai axudas. E así moitas máis cousas.

A onde cre que apunta logo todo isto?

É unha política clara de ir deconstruíndo os nosos elementos identitarios.  Pensemos tamén en como foi a disolución do equipo ciclista do Xacobeo. Aproveitouse a desculpa dun suposto dóping de Ezequiel Mosquera, que se utilizou ademais para enmascarar o dóping real de Contador, e desmantelouse un club ciclista. E atopámonos coa situación paradoxal –eu non lembro que se investiran nunca tantísimos cartos– en que en La Vuelta, que tivo varias etapas en Galicia, só había un ciclista galego, Veloso, que corría por Andalucía. O ano pasado non había ningún. E aquel club, que era un elemento identitario noso, dinamizador, laminouse. O mesmo pasou coa selección galega de fútbol.

Súpleno con outras iniciativas como a do vídeo de Enrique Iglesias. Esa é  argumentación que deron para xustificar o investimento…

Efectivamente. Aí tes, 300.000 euros por uns fotogramas de catro lugares… Nada… Unha política de escaparate.

Cre que retornamos daquela a un uso litúrxico do galego, ou iso xa foi e estamos máis integrados que apocalípticos?

A min non me parece mal que no Parlamento xente que non usa habitualmente o galego o faga alí. Que o Parlamento teña como voz o galego, que afortunadamente sexa un territorio liberado. Como o é a literatura en Galicia, onde é raro un escritor en castelán, como é un territorio liberado a música. Afortunadamente, hai unha serie de espazos…

Sóame ao iso de Novoneira de que un día irei do Courel a Compostela por terras liberadas…

Si… Ás veces queixámonos do uso litúrxico, pero eu prefiro que a xente o use, aínda que o use mal, a que non o use. Pero isto non abonda. Como é moi bo que desde que se democratizou a universidade, a mediados dos oitenta, independentemente de quen sexa e de onde proceda o reitor, só se manifeste en galego. O mesmo os presidentes da Xunta, á marxe de ideoloxía. Hai quen di é que non cren niso. Non importa, o que importa son os feitos. Todo isto é moi positivo, que quede ou non nunha liturxia dependerá das políticas que se fagan.

Hai cartos dabondo para o impulso e normalización da lingua galega?

Está claro que nos últimos anos houbo unha redución drástica. Son catro millóns e medio de euros, que non é nada, porque necesitas facer campañas, planificar. Hai uns anos, Política Lingüística creo que tiña cento e pico de millóns.

A Academia está queixosa?

No caso da Academia, a navallada máis gorda veu do goberno central. E cada vez necesitas máis cartos, dende o momento que tes un consultadísimo dicionario en rede. Na época de Ferrín, grazas a todos, políticos e xornalistas, conseguiuse superar aquela inxustiza, de que estabamos dando cartos para todas as academias, e a galega só os conseguía cando concorría a concurso. Foi un alivio inmenso dispoñer duns cartos, dos que tiñas que dar conta a final de ano, para aquilo que considerabas importante. Despois a redución foi drástica co goberno do PP.

Falando da Academia: segue traendo cola a elección de Filgueira Valverde para dedicarlle o Día das Letras Galegas…

Home, eu non votei a Filgueira, nin o propuxen, pero unha vez que foi elixido democraticamente…Coñecemos ben a súa biografía, coas luces e coas sombras, pero ten méritos para ser Día das Letras. Non era o meu candidato. Eu presentei a Carvalho Calero. Pero estarei en Pontevedra para honrar a figura de Filgueira. Téñoo clarísimo.

O debate reintegracionista con Portugal ao fondo

O reintegracionismo está aí, na escrita, nas redes sociais, nos correos electrónicos, na correspondencia… Cara a onde debe navegar o galego?

Parece que en galego todo vale e non é así. Cando escribes en castelán, en inglés ou francés non vale todo. No caso noso non temos a tradición de codificación de gramáticas, léxica, que teñen as linguas do Estado nese aparello coercitivo. Podes ter unha certa flexibilidade, pero en galego non vale todo. A respecto desta polémica, téñoo moi claro. O galego e o portugués foron o mesmo idioma na etapa medieval. O portugués vén do galego. Agora ben, a partir de que dende o século XIX empeza todo este momento de creación da nosa identidade, do Rexurdimento e demais, a lingua é un elemento fundamental. E bótase man do portugués non porque os nosos clásicos, Rosalía, Curros, Pondal, consideraran que fose o mesmo idioma, senón para descastelanizar. A afinidade é grande. É innegable. Dende o punto de vista lingüístico ti non podes dicir isto é unha lingua e isto é outra. Non hai maneira de medilo. Pero si podes medilo dende o punto de vista da elaboración da lingua, e dende mediados do XIX hai todo un movemento inmenso de escritores, xornalistas, e despois a nivel institucional, para elaborar esa lingua para todos os galegos, que non é de ningún sitio pero si se busca que sexa para todos. E esa lingua é autónoma do portugués, que é a máis afín á nosa.

E as grafías?

A disputa das grafías a finais do XIX e parte do XX consistía basicamente en se había que escribir un só grafema x, para peixe, para hoxe, para xente, ou se había que usar unha grafía etimolóxica, e entón poñer peixe con x, xente con j, xente con g, esa foi a polémica forte que houbo. Non houbo a polémica de escribir nh ou lh. Á parte de que eses non son os dígrafos nosos, son os do occitano, que en Portugal se impuxeron. É certo que o ñ é unha simplificación do nn latino, e o ll é latino. Cando un di é que iso está nos textos medievais… depende. Temos moitos textos medievais escritos sen esas grafías –non pasa coa j porque na Idade Media había unha diferenza fonética entre gente, hoje e peixe, e iso si que está así na grafía etimolóxica— e se un colle os textos de Alfonso X O Sabio non atopará o nh nin o lh en ningún caso, porque non os usaban. Non era a grafía do Norte. Eran grafías do occitano que a corte de Portugal impuxo. O que pasa é que cando un colle textos medievais antigos, están editados á portuguesa por portugueses. Entón, se un colle a cantiga de Mendiño ou Martín Codax tamén che aparece. Resulta entón que os textos do norte do Miño que non teñen o nh ou o lh tamén che aparecen así. Pero unha lingua non é só a grafía. Á parte que aprendermos o portugués sería practicamente aprender un idioma novo.

Descártao? Porque hai quen di que sería máis práctico…

Aquí o que se fixo foi ir construíndo dende o XIX un idioma, cos seus acertos e desacertos, baseándose na fala oral de cada un, na tradición, botando man do portugués, para encher certas lagoas. E na época autonómica o que se fixo foi codificar o galego, un galego para todos os galegos. E non se admiten castelanismos que ten o portugués. Esa é outra. O que non se pode é dicir que todo o que hai en galego que non é coma o portugués é do castelán. Aquí ou temos un idioma que é o noso ou renunciamos ao noso idioma. Temos unha situación de diglosia, conflito onde tes o castelán por unha parte, que era a lingua alta, e o galego, que era a lingua baixa, e iso foise alterando. Entón o que algúns queren é unha nova diglosia, onde tes o portugués, que chaman algúns o galego internacional, que é a norma culta, e logo está o de falar na casa. Entón xa teriamos a diglosia de dúas variedades. Con isto non digo que non debamos ter en conta o portugués. Como non mirar a un enorme mercado que está aí, onde se fala unha lingua que vén de aquí! Unha lingua irmá.

Esa ollada ten que ser recíproca? Ten que mirar tamén Portugal a Galicia?

É que eles non nos miran para nada. Creo que en xeral calquera galego preocupado polo idioma sabe o que pasa en Portugal. Coñece pouca ou moita literatura portuguesa. Ao revés, por desgraza, moi pouca xente. Tes xente como Viale Moutinho, que moito teñen feito pola unión cultural entre as dúas bandas da raia, pero en xeral somos nós os que miramos moito cara a eles e pouco eles cara a nós. Agora ben, o que non podemos é renunciar ao noso para adoptar outra cousa, o que para min sería un suicidio. Un suicidio lingüístico. Hai xente que está falando do galego internacional e ao mesmo tempo está desprezando a fala auténtica. Antes interiorizábanlle ao falante auténtico que falaba mal, porque tiña que falar castelán e agora queren interiorizarlle que fala mal, e ten que falar estoutro galego, case portugués.

Lisboa detectaba nos cidadáns do norte do país que tiñan un portugués deficiente. Se cadra porque en realidade o que falaban era galego?

Exactamente. É que a continuación natural do galego está nos falares miñotos e sobre todo trasmontanos, pero iso vaise ir co vento. Ao final, a fronteira no Miño ou a raia seca vai acabar sendo a fronteira lingüística. A ortografía é o que máis paixóns levanta, pasou en Catalunya, pero non é o que arranxa o idioma. E a fraseoloxía? E a sintaxe? Cando se despreza o galego popular, non se dan conta de que esa persoa pode ter certos castelanismos en certos campos, pero resulta por exemplo que en vez de novembro o que se dixo sempre, toda a vida, foi santos…

Como poden repercutir os últimos movementos do portugués no galego? Refírome á nova grafía, por exemplo…

Eles que fagan a súa reforma. Nós o que temos que ter é o dicionario do noso idioma. Temos que codificar o noso idioma para todos os galegos, e continuar toda esa tradición dende o século XIX. Pero o norte para min non é Lisboa, está aquí.

Fai falta un pacto lingüístico novo no Estado? Nos centros educativos españois non se poden estudar reciprocamente as outra linguas, por exemplo…

Dende o Estado deberían facer algo para que se visualice que é plurilingüe. Facer xestos, que se puideran estudar estas linguas opcionalmente nos centros. Non son bos tempos con este Goberno, que foi aplicando unha política recentralizadora. Ten que haber medidas reais, que a xente vexa que a lingua é de todos. E facer ver que nestas outras linguas estanse facendo obras de valor universal, totalmente innovadoras. E hai figuras en calquera das tres tan grandes como poden ser as da literatura española.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011