CULTURA

De poesía e robótica

Por Antom Labranha

Ao idearmos desafíos para a intelixencia artificial, adoitamos pensar en máquinas que tratan de imitar complexos procesos mentais/emocionais que consideramos propios de nós, da nosa natureza humana. Talvez non teña por que ser así, e outras formas de intelixencia e emoción sexan posibles. Con todo, nestas reflexións non imos chegar tan lonxe, porque a contraposición robótica/poesía é xa de abondo sutil e vertixinosa.

Comezaba o ano coa gorentosa noticia de que Sony lanza ao mercado o seu novo robot Aibo: un canciño robótico capaz de recoñecer o seu dono e de crear conexións emocionais con el, alén de toda unha serie de melloras mecánicas (cámara, ollos led, desprazamentos suavizados e movementos «faciais» que recibimos coma expresións). Aprende novas palabras e indicacións xestuais, que saberá  interpretar como ordes ou desexos, segundo a entoación, grazas á interacción connosco e a un sistema de intelixencia artificial na nube que soporta unha aprendizaxe continua e case ilimitada a través de WiFi e LTE. E, podería dicirse así, chega a acadar unha personalidade propia de maneira que, como sucede nas familias coas crianzas, tamén se constrúe a si interactuando coa contorna, alén dos propósitos dos proxenitores.

Podería unha máquina chegar a compoñer versos máis alá dun conxunto de palabras con coherencia formal segundo regras sintácticas e mesmo semánticas? Ou sexa, podería artellar un poema que resultase emocionante e revelador?

A película El cartero de Neruda, de Michael Radford, baseada na novela Ardiente paciencia de Antonio Skármeta, preséntanos o poeta exiliado na illa de Salina (Italia). Na súa casa á beiramar, en compañía do carteiro da illa, con quen naquela altura xa ten trabada unha fonda amizade, Pablo Neruda, inspirado/inspirando no salseiro que as ondas esparexen polo ar ao bater nas rochas, mastiga un poema de amor:

- Inclinado en las tardes echo mis redes…mastiga un poema de amor:

 

Porén, sente o verso incompleto, feble… precisa adxectivar as redes. Non lle vén ao maxín un termo que o satisfaga e pregúntalle ao carteiro, fillo de humildes pescadores, que tivo que renunciar ao mar por causa dos desmaios que sufría:

- Como son as redes, Mario?

-Tristes; respóndelle el.

- Inclinado en las tardes echo mis tristes redes; conclúe o verso.

Unha/un poeta geek, fascinada/o pola tecnoloxía e a informática, véndose na mesma intentaría obter axuda dun dicionario de análise de contido (software textpack). Unha vez que teñamos perfiladas as unidades para rexistrar (substantivos, verbos, adxectivos…), estrutúranse polas temáticas predefinidas polo usuario/propietario. Os diferentes compartimentos non serían estancos, senón máis ben con abundantes coincidencias. Para consultar, indicaría as palabras clave que orientarían a busca: asociar á rede un termo da categoría adxectivo. O programa devolveríalle una manchea de resultados: resistente, elástica, mallada, longa, superficial, fonda, nova, vella…, que probablemente non habían satisfacer a demanda. É difícil suxerir que as redes sexan tristes sen un contexto emocional que o xustifique. E aquí parece que a robótica ten perdida a batalla fronte ás emocións.

 

Así e todo, os programas actuais de intelixencia artificial “aprenden”: machine learning. Desque “nacen” aprenden connosco, os usuarios directos, e tamén autonomamente, interconectados a través da nube, xa que reciben tamén os termos que outros usuarios van empregando, e cada programa (con ou sen soporte físico individualizado) incorpóraos ás súas bases de datos, codificándoo segundo a súa propia estrutura. A devandita codificación realízase, ademais de co software textpack, con programas de desambiguación  (key word in context) que poñen en relación os termos menos claros coas unidades do contexto no cal aparecen. Desa maneira, introducindo Inclinado yo en las tardes, echo mis redes, un programa «veterano», topándose con esa frase, entre outras opcións, ousaría propor triste, e talvez “desexase” construír un verso alternativo: Inclinado yo en las tardes, triste echo mis redes; porén, como o algoritmo de resposta esíxelle adxectivar redes, por aí lle había de andar a cousa co verso de Neruda. Suprimir o pronome yo e deixar a frase co suxeito elíptico, tamén é unha función susceptible de ser robotizada.anda. É difícil suxerir que as redes sexan tristes sen un contexto emocional que o xustifique. E aquí parece que a robótica ten perdida a batalla fronte ás emocións.

Outra das características que esperamos dun bo poema é que sexa ritmicamente estimulante. Imos, quizais, poñerllo máis difícil ao noso robot retrocedendo uns séculos. Imaxinemos (é moito imaxinar, ben cho sei!) que cando Paio Gomez de Soutomaior (Charinho), alá polo século XIII na ribeira de Rianxo, compoñía  “Ai, Santiago.. contase cun programa/robot desas características e que nun intre dado da súa inspiración, visualizando no seu maxín unha doncela namorada que olla o barco do seu amigo achegarse sucando as suaves ondas da ría, recita:

-Sobre mar vén quen amor ten

 Pero tampouco el se sente plenamente satisfeito. Algo o incomoda. Quixera acentuar a beleza do verso e que este se impregnase do doce abalo das ondas: percibe o ritmo marcando unha crista de onda en vén e logo outra en ten; ao medio debe descender, creando unha vagada. Precisa, pois, intercalar algún termo propicio. Consulta o seu axudante robótico. Dálle a palabra clave amor e pídelle un adxectivo. Devólvelle unha manchea de resultados: grande, vivo, ardente, eterno, apaixonado… demasiado comúns, pensa. Ademais, non relaxarían o impacto do texto, pois amor é xa de por si ascendente, como o é mar, e o adxectivo ascendería canda el.

Entón decátase de que o que realmente busca é un substantivo, con esencia propia, que deberá vincular con amor a través dunha partícula relacional, como unha preposición, e que se enuncie cunha palabra chan. Pídelle, daquela, una resposta á súa experta máquina, que nuns poucos segundos lle proporciona: sede de amor. Mellor, sen dúbida, pero a expresión, alén de moi socorrida, é intrínseca. Desexa algo que exteriorice, porque é a amada quen debe percibilo na distancia. Ten un diálogo nestes termos co seu robot, por medio de programas da natureza arriba referida, e recibe outra suxestión que neste caso o seu robot persoal tería, naturalmente, aprendido («inusitada no contexto marítimo», dialogando con outra cantiga do propio autor: «As frores do meu amigo/ briosas van no navío», sinalan Yara Frateschi, Isabel Morán e José António Souto en «O caminho poético de Santiago»).

Finalmente compón o verso:

-Sobre mar vén quen flores de amor ten

Un novo algoritmo sería necesario para debuxar ondas do mar por medio de palabras. Non teño noticia da súa existencia, pero se houber demanda non tardaremos en contar con el. Charinho deunos as claves: as agudas e monosilábicas de vogal tónica marcan a crista da ola, os substantivos chans, as vagadas. Por certo, como tantos outros, tamén Neruda recorre ás flores para o amor, aínda que o faga de xeito implícito:

-Quiero hacer contigo/ lo que la primavera hace con los cerezos                    

E, noutro poema, mesmo reflexiona sobre o rítmico randear das ondas:

el silencio entre una y otra ola/ establece un silencio peligroso

 Coma os robots, nós tamén costuramos lembranzas. O grao de emoción que sentimos establece unha prelación entre elas, e o contexto actúa de chamada. O robots «intelixentes» son quen de categorizar as súas respostas en función do feedback, positivo/negativo, connosco, máis tamén con outros robots a través da nube, mesmo non cheguemos a decatarnos de que a nosa mascota mecánica se deprime ou emociona mentres durmimos, traballamos, lemos Tempos Novos ou tomamos unhas cañas

.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011