CULTURA

Tempo de Contos: «Fouces violáceas»

A madeira é madeira,

os polímeros son polímeros,

o vidro é vidro,

eu son muller.

Nacín cunha bagaxe de expectativas

postas en min contra a miña vontade:

nai, ama de casa,

heterosexual por defecto.

Non cumpro ningunha.

Sempre fuxín na dirección contraria:

ceibe, poeta, lesbiana por natureza.

E medrei fuxidía e libre

a través dos corredores deste cárcere.

Derrubei coas miñas propias mans

as pesadas muradas dos xéneros.

Levaban toda a vida sen moverse,

mais alguén esqueceu botar cemento.

Collage de María F. Villamarín

A luz que entra a raudais acada cabezas

peiteadas segundo castrantes modas,

arrinca o brillo esvaradío

de maneiras herdadas,

devolve á escuridade

a espantosa faciana da dualidade.

Un mundo creado para parellas

macho-femia está por estoupar.

Nunca tiven un candado nos ovarios,

nunca tiven medo de sentir pracer.

Sempre tiven ben folgado

o cinto que me rodea a mente,

sempre fun quen de berrar o que desexaba.

Non me vou unir ao rabaño

de parellas por inercia,

ansío a paixón tras as caricias das mulleres.

O amor romántico déixollelo

aos medios de masas,

eu vou por libre, na senda do marxinal.

Uns dentes afiados xorden ao meu carón.

Quérenme levar con eles

a un cuartel sen iluminación.

Mais a quen pertencen?

Son dun íncubo ou dun súcubo?

O seu obxectivo é domesticarme,

castrar as miñas perspectivas e iniciativas,

ensinarme a comportarme

como é debido.

O cheiro é nauseabundo:

a podredume do tradicional.

Pecharme no armario para evitalo

non é unha opción.

Só podo loitar con todas as miñas forzas

desde fóra e coas armas a man.

As vítimas non fan a revolución.

Avatar of Patricia Kalevala

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011