CULTURA

Tempo de Contos: «Choiva en charcos»

- Onte caeu unha boa!

- Como o sabe?

- Ve aqueles charcos de alí? Están rebordantes de auga.

- Pero, está chovendo hoxe. Como sabe que tamén onte?

- Ten razón, intentaba enganalo. A verdade, non o sei.

- O que non sabe?

- Nada.

Incesante cor vermello inferno de escura visión imaxinativa. A prol dun marco gris en dúas camas, celas e oídos de tapiz suave para todo o mundo, pedíase silencio alí…

- Continúo sen entender por que me dixeron que onte choveu.

- Os paxaros cantan, a multitude esmagadora anda posando os seus pés un a un no sucio, mediocre e sonoro chan. Só podo escoitar iso, nada máis. Parece choiva, pingas que do inalcanzábel teito caen. Pecho os ollos e soño, hoxe vexo charcos. Conclusión? onte choveu.

- Parece incríbel pero non o entende, onte o tempo era de luz quizais, os charcos son de hoxe.

- Miña mente e corazón nunca deixaron bágoa encerrada que Cupido, Ares ou Atenea incluso dominaran, eles son meus irmáns agora.As goteiras? Disme tempo eu dígoche indefinido.

Ilustración de Laura Reboredo

O ceo menos azul é máis escuro, treboento e con bagoas que derraman as nubes. As camas con goteiras, cada vez maiores de minúsculas esperan cambio… Nós, en difícil, quizais imposíbel soño. O mundo, sen camas. Durmindo.

- Cupido hai tempo que está en control de Ares. Atenea, en estado de coma e oculta. Iso me comentabas.

- Levo moito tempo sen saír de aquí pero é a muller máis poderosa e escasa, pois, a corda que me sostén a aguanta ela.

- Entón como sabe que onte chovía, e hoxe… Como ficou nos charcos?

- Non hai charcos. Gran inundación máis ben, as nosas mentes procuran a arca de Noé e trátase de non sucumbir en arrebatos de información inexistente. Salvarnos ou permanecer en coma.

- Ás veces pareces contradicirte…

- Díxencho, non sei nada.

O frío e solpor dunha hora interminábel regala un sorriso baleiro de sentir no ocaso das vidas. Nas camas, a voz da palabra. O medo á mañá. A morte do día. O resucitar de novo…

- Mañá execútannos…

- Atenea por fin móstrase en ti.

- Na alba, coa xeada estaremos mortos…

- Igual só comezamos a vivir, levamos defuntos aquí moito tempo. Trata de escoller ben esta túa última vontade. Igual sorpréndeste da escasa permanencia dos acontecementos.

De súpeto, vólvese todo máis escuro e escóitanse unhas fortes pisadas… Expectantes os reos, matizan a ecuación do desastre, coñecen a procedencia das pisadas. O tedio provoca que até o máis ridículo detalle poida ser memorizado. Fusil en man, un garda acércase. Eles sénteno sen velo como as árbores que son desfolladas polo vento nos outonos…

- Silencio! estades avisados; á seguinte voz disparo. Rosma a voz das pisadas.

- Denantes mortos que escravos.

Suor, frío, ollos en branco. Pomba que non voa, coas ás cortadas. Sufridora e sen vento para planear. Liberdade en terra que chora, vida de sentir de sentimentos. A pomba non alzará máis alto do chan. Pregúntome, até cando a luz do Sol.

Avatar of Xosé Carlos Carracedo Porto

Estudante de Educación primaria e escritor de relatos
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011