CULTURA

Prolingua denuncia o esmorecemento cultural de Galicia

Prolingua denuncia a Xunta polo «esmorecemento» do sector cultural do país. Así, nun comunicado lembra que hai doce anos este sector ocupaba o cuarto posto no PIB galego. Así o recolle o portal Galicia Confidencial. «Os gobernantes da actual Xunta escolleron que sectores produtivos impulsarían e cales deixarían esmorecer. Nun contexto de desemprego e de emigración, a posibilidade de que se arruínen ou saian adiante proxectos científicos, artísticos ou xornalísticos -eses que máis dependen, sobre todo no inicio, dos fondos públicos- non é aleatoria», apunta nun comunicado.

Neste sentido, destaca que só no 2014 os grandes grupos xornalísticos recibiron axuda oficial por valor de 1.675.000 € en concepto de “uso da lingua galega”. «O feito de que estea en castelán o 94% da información dos xornais que reciben tales sumas podería insinuar que o 6% restante -cada páxina publicada no idioma propio de Galicia- vale o seu peso en ouro», indica. No entanto, os medios escritos integramente en galego recibiron menos de 182.000 € polos seus centos de páxinas redactadas e publicadas no idioma do país.

«Cando se trata de subvencionar do modo encuberto -mediante a inserción de publicidade institucional- os datos máis recentes van na mesma liña: 2.500.000 euros procedentes do FEDER destínanse aos mesmos grandes da comunicación que reciben diñeiro pola promoción (?) da lingua propia de Galicia. Mentres, medios dixitais de referencia, algúns ben coñecidos pola súa pluralidade, pola atención aos contidos nacionais e pola actitude crítica, quedan fóra de toda axuda da Xunta», engade. Algo similar está ocorrendo neste período electoral con partidas publicitarias (600.000 e 300.000 euros), tal e como denunciou GC, procedentes de diversas consellerías.

«A Xunta pulverizou en seis anos todos os rexistros de destrución da pluralidade informativa: prensa nacional e prensa comarcal, revistas, cabeceiras dixitais; de xeito simultáneo, as que lideran o asentimento ao Partido no poder engordan unha temporada tras outra», destaca neste comunicado no que tamén critica que publicacións como Grial, A Trabe de Ouro ou Luzes non teñan ningún tipo de axuda.

Neste sentido, destaca as pequenas iniciativas empresariais en galego no ámbito comunicativo. «Se alguén sabe de vontade de supervivencia á marxe do público, de fe en pequenas iniciativas empresariais, de resistencia en precario, son as persoas que en Galicia se comprometen co dereito á información e ao coñecemento libres», suliña.

Por iso, critica que se usurpen os fondos destinados á promoción da lingua «non só coa finalidade de subvencionar as publicacións en castelán, o idioma máis longamente subsidiado do Estado español, senón como garantía de que as empresas cumprirán cando o esixan as necesidades da propaganda». «En virtude deste proceso circular os medios que máis teñen, máis reciben; na medida en que medra o seu orzamento faino tamén a súa capacidade de incidencia social, polo que aumenta a partida da futura subvención. Así ata o obxectivo último, que non é outro que a minorización terminal da vida intelixente en lingua galega. Un verdadeiro plan de apartheid, unha práctica que xamais recoñecerá as teorías nas que se inspira».

Por iso, esta asociación destaca que «non vai formar parte dun silencio que nos convertería en cómplices«. E, alerta que, de non poñerlle remedio, acudirá a instancias internacionais ante un proceso que «pode culminar co baleiramento e liquidación da nosa cultura».

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011