CULTURA

O Pedrón de Ouro, nao senlleira vogando polo mar da galeguidade

Todos os anos, o domingo seguinte ao Día das letras Galegas, a Fundación do Pedrón de Ouro entrega na Casa da Matanza de Padrón, onde latexaron os corazóns de Rosalía e Murguía, os galardóns de Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra. Coa deste ano, 2012, alcanzamos a 49 edición dun premio instituído en 1964.

O Pedrón de Ouro foi creado para distinguir a institución ou personalidade galega que máis se teña destacado en calquera actividade da cultura galega.E desde a cuarta edición, 1967, ademais do Pedrón de Ouro, concédese o Pedrón de Honra, destinado á entidade ou personalidade non galega, ou sendo galega residente fóra de Galicia, por traballos realizados a prol da nosa cultura e da nosa identidade como pobo diferenciado.

Foron Pedróns de Ouro ou Pedróns de Honra personalidades tan esgrevias como Isidro Parga Pondal, Ricardo Carballo Calero, Isaac Díaz Pardo, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Colmeiro, Laxeiro, Antón Fraguas, Méndez Ferrín, Alonso Montero, Lois Tobío, Neira Vilas, Manuel María, Xosé Manuel Beiras John Rutherford, Leopoldo Nóvoa… E todos os actos de entrega na horta da Casa de Rosalía, alma lírica de Galicia, foron memorables, pero o discurso de agradecemento de Cunqueiro foi inesquecible. Era unha fermosa mañá de primavera do 25 de maio de 1980 na que tras recibir a medalla e o pergamiño que o acreditaban como Pedrón de Ouro, dixo: “É preciso para ben e para decoro do mundo que Galicia continúe, e, se continúa a lingua, nós continuaremos como pobo, e, se a lingua non continúa, nós non continuaremos como pobo…”.

Concedémoslle o Pedrón de Ouro á Nova Escola Galega polo seu esforzo pola renovación pedagóxica e a galeguización curricular

Pero non só personalidades das letras ou das artes porque, sobre todo nos últimos anos, tamén se lle concedeu o Pedrón ao colectivo de mariñeiros e á cidadanía galega que confluíron en Nunca Máis nunha firme e histórica reacción de dignidade, á líder agraria Lidia Senra ou, este ano, ao colectivo Nova Escola Galega polo seu constante esforzo durante máis de 3 décadas pola renovación pedagóxica, pola galeguización lingüística e pola galeguización curricular, nun marco de escola pública, democrática e innovadora.

Certame de narracións breves Modesto R. Figueiredo

Ademais do Pedrón de Ouro e do Pedrón de Honra, a Fundación do Pedrón convoca desde 1975 un concurso anual de narracións breves que leva o nome de Modesto R. Figueredo en honor deste patrucio, membro fundador do Pedrón que morreu en Baio en 1976 mentres pronunciaba un afervoado discurso galeguista na entrega dun premio de Etnografía convocado polo Pedrón.

O periplo de 37 convocatorias ininterrompidas que leva de traxectoria, converten ao Certame de Narracións Curtas do Pedrón de Ouro no premio literario máis antigo e consolidado de Galicia. Superan o centenar os autores premiados nesta andaina literaria, moitos deles xa consagrados e que, na maioría dos casos, déronse a coñecer e publicaron o seu relato inaugural no noso certame. Do que no hai dúbida é de que o conxunto dos relatos premiados neste certame compendian as tendencias temáticas e estilísticas da narrativa galega destes últimos 37 anos.

Pedróns 2012

Este ano concedémoslle o Pedrón ao colectivo pedagóxico Nova Escola Galega pola vontade continuada durante máis de 30 anos a prol da renovación pedagóxica, da galeguización lingüística e da galeguización curricular, desde as aulas de educación infantil ata as universitarias.

Nova Escola Galega

E o Pedrón de Honra a Henrique Ortiz Alonso, membro dunha xeración de artistas intelectualmente inquedos que se conformou na cidade de Ourense arredor da figura de Vicente Risco. Henrique Ortiz Alonso consolidouse como un dos referentes fundamentais da arte gráfica contemporánea de Galicia, destacando, sobre todo, no manexo das técnicas da litografía e a serigrafía.

Este foi o camiño do Pedrón ata hoxe. E así seguiremos, querendo ser o que somos, unha asociación cultural de base que loita por evitar a descomposición da nosa cultura autóctona, por defender a nosa imponderable tradición, que é o que importa para gañar o futuro, pero tendo en conta o que nos aconsellou Walter Benjamin, que en toda época hai que loitar de novo para liberar a tradición dun conformismo que ameaza con sepultala. E tamén quereremos seguir distinguindo anualmente a quen se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional galega.

 

Presidente da Fundación do Pedrón de Ouro

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011