CULTURA

O Concello de Santiago homenaxea a Manuel María

A concelleira de Acción Cultural explicou que no 17 de maio haberá tres actividades centrais organizadas desde o seu departamento. Para as 11:00 horas está previsto un acto de homenaxe a Manuel María, na rúa que leva o seu nome no barrio de Salgueiriños. No seu transcurso actuará a Banda Municipal de Música e haberá un recital poético a cargo da veciñanza da propia rúa.

Xa pola tarde, celebrarase un paseo-recital, no que se incidirá na relación de Manuel María con Santiago, a través da súa obra Poemas a Compostela. O acto comezará na praza do Obradoiro, onde a concelleira de Acción Cultural fará unha introdución sobre a figura do poeta lugués e a súa relación con Compostela. De seguido, haberá unha lectura de poemas, a cargo de persoas vinculadas coa cultura como Comba Campoi, Olalla Cociña, Rosalía Fernández, Montse Dopico, Miro Villar, Laureano Araúxo, Lara Rozados e Manolo Portas.

Todos eles invitarán ao público a participar na lectura, na propia praza do Obradoiro, na Quintana e en San Martiño Pinario. Neste punto rematará o paseo-recital, e alí está previsto un concerto de García MC, compoñente do colectivo hip hop Dios Ke Te Crew e que ten musicado un dos textos do Poemas a Compostela, de Manuel María. Branca Novoneyra explicou que con este paseo literario «a intención é que a celebración do Día Das Letras sexa a celebración da obra do autor homenaxeado, e non da súa figura, sen máis».

A programación do 17 de maio complétase cun concerto da Banda Municipal de Música na praza de Praterías, a partir das 19:30 horas. A formación estará acompañada por Cantigas e Agarimos, e na actuación integrarase a música da Banda Municipal coa das gaitas e o coro da agrupación folclórica. Tamén participará o grupo de baile acompañando algunhas das pezas.

Pola súa banda, o alcalde deu conta das actividades organizadas polo Departamento de Lingua en relación co Día das Letras Galegas. O Concello ten en marcha o concurso #fotolingua, co obxectivo de poñer en valor o uso do galego na paisaxe de Santiago. Nesta primeira edición, o certame leva por lema #ogalegovende e os participantes terán que presentar, a través dos perfís do concurso en Facebook ou Instagram, fotografías de elementos de negocios ou empresas de Compostela nos que apareza a lingua galega, tales como letreiros, etiquetas, ou cartaces. Haberá dous premios, un para a imaxe elixida por un xurado, e outra para a fotografía que reciba máis «gústame» nas redes. Nos dous casos, o agasallo será un teléfono móbil de última xeración.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011