CULTURA

Carlos Lixó gaña o Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores do Concello de Carballo

O xurado da décimo cuarta edición do premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse  o pasado 15 de maio para decidir o artigo gañador do certame, ao que se presentaron 53 traballos, e decidiu outorgarlle esta distinción ao artigo Alpabardas verdes, do autor ribeirense Carlos Lixó Gómez . O premio consta de 1.250 euros e a publicación do artigo no Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos .

Segundo indicou o xurado na acta, valorouse a «calidade narrativa e lingüística» de Alpabardas Verdes, así como a súa «capacidade de incidencia no público» e «o ben que liga o particular co tema xeral que quere transmitir. Partindo dunha anécdota do uso dun termo local concreto, o autor consegue facer unha reflexión global sobre a importancia do uso da lingua, e da súa diversidade e riqueza». Ademais, segundo explican,»o artigo conecta coa actualidade e coa mocidade, exemplificando o uso do galego nas novas tecnoloxías e nas redes sociais, onde é tan importante a súa visibilización e normalidade».

Carlos Lixó Gómez (Carreira-Ribeira, 1991) traballa como investigador no departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén imparte aulas de Historia Medieval. Neste mes de maio sae do prelo o seu primeiro poemario, As casas, merecente do XXX Premio Nacional Pérez Parallé.

O xurado do certame estivo composto por Iria Veiga, médica psiquiatra, e gañadora da edición anterior; Xurxo Chapela, xornalista e escritor; Noelia Antelo, xornalista, e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario con voz e sen voto, ademais de Xosé Regueira, concelleiro de Normalización Lingüística.

 

Un certame para a posta en valor do galego

Os obxectivos do premio que o Concello de Carballo convoca hai catorce anos son promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita.

Nas trece edicións anteriores foron premiad*s autor*s como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei, José Casás, Luz Cures, Borxa Tenreiro ou Iria Veiga.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011