CULTURA

Tempo de Contos: «Cangas / Ganga»

Ao abrir a antuca abriuse un recordo, India, ribeira do Ganga, enormes parasois de palma reseca, como patelas xigan­tes e invertidas baixo as que os shadus estatuarios, inmóbiles cadanseu asana, gorécense do sol tremendo. Nunha elipse de sombra. Están e non están, están máis ca ninguén, hiperpre­sentes, concentrados no seu respi­rar, no seu sentir todo á vez, o movemento da auga, a luz cegadora, o radioca­sette que axita o aire sufocante coas ondas de táboas e sitares, a xente que baixa ata o río / ata o mar, a refrescarse, pisando con coidado no lodo dos chanzos / nas con­chas trituradas que trouxo a marea, vendo as cores intensas das toallas estendidas sobre os ghats/ os saris postos a secar sobre a area ardente, ou sosti­dos polas puntas por dúas mulleres durante un minuto, abondo para que seque, semellando un cortaven­to tan útil na costa lusa.

Collage de María F. Villamarín

Miran a superficie azulada do mar, os nenos con flotado­res mantéñense preto da beira na auga chocolate gris e chapuzan vixiados polas súas nais, hai moita corrente, vén moi crecido o río, ancho como unha ría, e hai lanchas na marxe, coma sempre, moitas achegáronse para ver a mostraxe de corpos que ofrece a area. Corpos repoludos e brillantes untados de aceites / corpos enxoitos e mouros cunha tea enrolada ao redor.

Nesta hora de calor implacable todo déixase estar inmóbil. Piñeirais tralas dunas, algún posto de piñas e froitas, figueiras enormes, asombrantes, acubillo dos poucos paseantes. Todos queren ver o mar algunha vez / Todos queren visitar Benarés. Á busca da orixe e a fin. Esta praia nunha ría algo de auga doce terá, auga que percorreu terras de interior, que deu o seu caudal para regar e beber, que baixou entre neves dun pasado derretido. É unha praia sagra­da, con algunha pegada dixital do deus que disque se apoiou nela hai moito tempo. Vieiras de peregrino a Benarés.

O shadu baixo a antuca pestanexa e chégalle á retina a imaxe das illas Cíes. A mole de rochas salpicadas de verde. Volve pestanexar e mira o palacio de verán do marahá. Estase a distraer ou estase a durmir, é difícil dicilo con esta calor. Non sabe de onde lle veñen esas imaxes galaicas. Poden vir da patela que o protexe, funcionando como unha antena parabólica de sombra elíptica, transmitindo o pensamento dun home que está na súa mesma postura nunha praia da ría de Vigo, baixo unha antuca de raias verdes, azuis e amarelas. Un frustrado turista que ule cardamomo e canela a ferver co té asemade el ule bronceador, suor e alga reseca mesturados.

***

Ao acender o televisor para botar a sesta ve a efixie dun home-gravata falante, cambia a un anuncio de lavalouzas, pasa a imaxes subacuáticas de bechos non identificados, logo a un cardume de homes pedaleando arreo, fica con eles, van sincronizados serpeando a estrada sinuosa, maillots de todas as cores, aerodinámicas lentes de sol, escoltados por moita xente que os mira e lles berra. Deixan atrás os arrabaldes e intérnanse nunha cidade, esvaran ata o casco vello, e alí o grupo desfaise, perden ademais da unidade a aparencia homoxénea, xa son outros ciclistas, uns a pedalear con fres­cura -a rapariga con punjabi, os dous rapaces co brazo por riba do ombreiro doutro, o shij con cara de cobrador-, outros a pedalear con esforzo, a carrexar inmen­sos bultos de roupa, latas, verdu­ras e, sobre todo, pasaxeiros, velaí os conducto­res de rickshaws, dende vellos ata nenos, todos co uniforme da miseria, un trapo na cabeza enrolado ou estirado para que empape a suor e protexa do sol, dotis e camisas vellas e sucias. Todo o mundo pedalea, sortea habilmente o caótico tráfico, todos saben moverse en dúas rodas, facendo soar constante­mente o timbre da bicicleta, e dando voces cando iso non abonda.

E a caravana multicolorrr atravesa a histórica cidade e ofrécense vistas dos templos que amosan os seus pináculos entre as casas, facha­das de edifi­cios principais, hoxe xa comidos polo abandono e o tempo, tendas de todo tipo, froiterías prodi­xio de mala­barismo estático, comercios de telas e roupas, o carriño dos nenos que volven da escola e cantan encantados os seus hellous, os outros nenos da rúa cas caixas de tika de cores acid e os paquetes de postais… Pero sobre todo, ante todo, por riba de todo, o pelotón de rickshaw sen dorsal, rickshaw sen maillot, rickshaw a pedal baixo o sol tropical, rickshaw esqueléticos, rickshaw case atléticos de non ser pola dieta de arroz e pouco máis. Escravos das rodas, o seguinte grao despois dos que carrexan ás costas. Na roda das eternas encarnacións tocoulles rodar e pedalear. Meta volante no Dassamedh Ghat, recollan aos seus pasaxeiros.

- Twenty.

- Ten.

- Fifteen.

- Ok!

E logo contra-reloxo ao sol, sol inclemente, sol que refulxe no dente dourado do sorriso espléndido que un rickshaw man lle adica á cámara mentres carrexa un shadu que tamén mira á cámara, fixo, resulta familiar, olla xa con desafío ata pór incómodo ao home, que esperta ca boca seca, sabor de sesta excesivamente longa e sol dándolle na faciana.

***

Ao acender o chisqueiro para botar un cigarro prende outro recordo. Noite de lume, cacharelas en toda a ribeira. Noite de San Xoán nunha praia, non é un lugar, é un estado, moita xente a pulular, festa e loito, Mani­karnika dunha soa noite, lumaradas para queimar os restos da vida -e que son senón os corpos- mobles vellos, cartóns inservi­bles, lanchas que xa non nave­gan -. Hai quen organiza as fogueiras, quen chora polo que se queima, e quen mira, turis­ta, veciño afastado.

Fumar e ver arder. Ofrecerlle un cigarro a outro. O outro rexeitárao. Xa arderei cando me toque, ou algo así dixéralle, sinalando cun aceno ao ghat onde se amoreaba a leña. Riron. El rira dobremente ao pensar no católico inferno. Todos imos arder dun xeito ou doutro, déronlle ganas de responder. Pero o seu inglés non daba para tanto. Mágoa.

Mentres fuma pensa no churrasco. Só sardiñas esta noite. Chisca un óso abrasado, unha táboa requeimada. Estalan membros calcinados, pero ás formas seguen a verse entre as lapas. Non hai leña abonda para reducir a cinzas estes envoltorios tan resistentes. Ao caerlle un anaco de cinza sobre a perna espida sacúdeo con certa aprehensión, como se fose cinza dun corpo humano. Apura a derradeira calada e vaise, mentres os pícaros lles piden ás nais que os deixen quedar un pouco máis, ata que caia o poste polo menos.

Avatar of Cristina Pavón

Algúns dos seus relatos foron premiados polo Liceo de Noia (A braga fantástica) e pola Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo (Obras breves de imaxinación). Estréase na narración longa cunha novela finalista no Xerais 2009 e no García Barros 2010. Limiar de conciencia, aínda inédita. O seu blog é crispavon.com
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011