COMUNICACIÓN E TECNOLOXÍA - CULTURA

Xa podedes descargar a revista de libros ProTexta

O número de inverno da revista de libros ProTexta está agora en Tempos Dixital, desde onde se pode descargar en formato pdf. Tratamos de revisar o máis destacado das novidades editoriais nos campos da poesía, narrativa, ensaio, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada. Procuramos o alento crítico e estamos na rúa grazas a unha completa nómina de colaboradores e colaboradoras que len canda nós.

 »Alegraríame se tivésemos un best-seller, aínda que o diga con dor», afirma Fran Alonso na capa do número. Aproveitamos a publicación de Ninguén, o seu último título, de novo a camiño entre a novela e o relato, para falar do seu traballo de vinte anos escribindo. Na conversa percorremos a súa traxectoria, as conexións entre os seus libros, os seus referentes, o seu oficio de editor ou as relacións coa sociedade e cos seus coetáneos. Tamén recollen as páxinas deste ProTexta entrevista con Arturo Casas, quen fala da recuperación do pracer da escrita a través do seu extinto blog Efémeras lándoas, trasladado ao papel en Alusión (Galaxia, 2011). Unha conversa que pon de manifesto a súa ollada alerta, e non exenta de humor, sobre o contorno político e cultural galego.

Posmodernidade e globalización, claves no debate contemporáneo, focalizan o repaso de ProTexta ás novidades ensaísticas. Seguimos de preto o traballo do Proxecto Derriba, ferverdoiro filosófico no que se xestaron unha xornadas sobre as novas tendencias do pensamento contemporáneo realizadas no Verbum de Vigo, e que sacaron á luz dúas publicacións en Estaleiro que nos achegan ao pensamento de Jacques Derrida e Fredric Jameson. Son tamén os piares académicos posmodernos os que asentan o traballo de Xosé Constenla, (re)imaxinando o universo urbano. Unha visón sobre as cidades na posmodernidade. De Baltimore a Compostela (Laiovento,2011), que revisamos con detención nas nosas páxinas. E botamos un ollo ás atípicas e sorprendentes biografías que, sobre nacionalistas que cambiaron ao longo da vida o seu referente nacional, podemos atopar en Los heterodoxos de la patria, edición dos profesores Núñez Seixas e Molina Aparicio.

ProTexta nº19

Reparamos tamén no compendio publicado en Galaxia polo profesor e escritor Manuel Outeiriño ao redor da globalización, no que se reúnen ensaios de autores como Fred Halliday ou Peter Marcuse. E acudimos a outros dous referentes do pensamento actual, Antonio Negri e Michael Hardt, ao redor do seu ensaio Commonwealth. El proyecto de una revolución en común, que se pregunta sobre a organización política da indignación e da rebelión. Sobre o posicionamento ideolóxico dos escritores en momento de cambio e revolución reflexionamos a raíz do ensaio Los escritores contra La Comuna, de Paul Lindski e reeditado recentemente en Los enemigos de Thiers.

O noso repaso á narrativa detense desta vez nas novidade de Agustín Fernández Paz −Non hai noite tan longa−, de Rebeca Baceiredo −(repeat to fade)− e no thriller que Bernardo Carvalho ambienta en San Petersburgo, O filho da mãe. Facemos parada tamén nos poemarios de Gonzalo Hermo, Crac, e de Claudio Pato, Como estás? No apartado de tradución, prestaremos atención á última novela de Orhan Pamuk que temos vertida ao galego, O libro negro, e á crónica que Bobby Sands, o guerrilleiro da IRA falecido en folga de fame, escribiu nos seus últimos días dende a prisión. E, no campo da escrita teatral, atendemos a obra de Raúl Dans, Chegamos despois a unha terra gris.

 Na banda deseñada destacamos o álbum co que Brais Rodríguez gañou o Premio Castelao de 2010, A man do diaño, e reparamos na aposta da editorial Rinoceronte coa súa nova colección, Novela Gráfica, que inaugura coa tradución de Persépole, de Marjane Satrapi, e de Entender o cómic, de Scott Macloud.

 Nos eidos da literatura infantil e xuvenil, atende o ProTexta deste trimestre a crítica de autores galegos como Pinto e Chinto, Agustín Fernández Paz e Hector Carré. Pechamos número desta vez co apartado de creación, no que convidamos a escribir a Claudio Pato, quen nos ofrece unha persoal carta ao pintor Bruegel.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011