CULTURA

Pero entón, que é o Galician Bizarre?

A quen ande atento sonarálle o termo. Ó mellor, se é suficientemente moderno, ata leu algo na Rockdelux. Pero claro, se dis que tal grupo é do Galician Bizarre, que estás dicindo? Porque non é unha escena, nin tampouco un estilo. “Non é máis que un movemento musical nun lugar concreto do mundo, nunha época determinada”, di Rafa Anido(Metralletas LecherasSr. Anido), un dos iniciadores do proxecto.“A idea foi xurdindo paseniñamente durante aproximadamente dous anos. A xente que nos íamos coñecendo na escena galega, ocurriusenos facer un recopilatorio que recollera o que estabamos a facer nese momento”. Agora prepárase o segundo volume do Galician Bizarre, e tedes a oportunidade de financialo mediante crowdfunding: hai corenta días para facer unha aportación e converterse en co-produtor. O mínimo son 10 euros, que dan dereito a unha copia do Galician Bizarre II. Logo hai outra serie de cantidades: a máxima son 350 euros, que inclúen vinte copias e un concerto de Sr. Anido (!) Polo de agora, xa ten portada, obra de Andrés Magán e Prenom Lab.

Rafa Anido

No primeiro recopilatorio había quince grupos de diferentes estilos, pero co ruido como elemento en común. Por suposto, todos eran underground, se é que ten sentido usar o termo en sentido literal (quen non o é en Galicia?). Anido: “Temos en común as gañas de artellar cousas no noso país, non ser sempre os parias ou os “gallegos graciosos”. Que por suposto que somos iso, pero moitas máis cousas”. Cousas boas todas elas. No Galician Bizarre I aparecían grupos absolutamente necesarios como srasrsra, Indómitos, Telephones Rouges ou Novedades Carminha. Dende aquela, a cousa seguiu medrando. Anido explícao: “Case dende o principio que empezei a tocar, hai dezasete anos ou asi, estaba moi illado,e só quedaba a alternativa de pirarse fóra a outras cidades ou países a xuntarse con xente de alá”. As bandas saen ata de debaixo das pedras, e non só nas cidades. Tamén no Grobe, Valga, Muros ou Dodro. É dicir, no sitio que lles peta, facendo o que lles peta (hai grupos realmente inclasificables). Na lingua que lles peta tamén, claro. E con vistas de perdurar. “A idea é que sexa algo con continuidade, non un bluff ou algo que dure uns dous ou tres anos e remate. Vai ser moi difícil de acadar, pero como mínimo xa temos aí en vistas o segundo volume. Sería como unha guerra de baixa intensidade, sen facer moito ruido, pero seguir facendo dano”.

A lista de grupos do segundo volume pinta incluso mellor que o primeiro.“A diferencia máis clara é que o disco está mais aberto a outros estilos, seguindo co punk, o noise ou o pop, pero agora tamén rollos máis electrónicos, hip hop ou música experimental”. Se vos gustou o Galician Bizarre I, teredes que ter moi en conta a Fantasmage, Lobishome, Terbutalina ou Tora! Tora! Tora! Se non vos gustou, non vos preocupedes, porque naquel non había nada demasiado parecido a Fluzo, Mano de Obra, Carrero Bianco ou Alarido Mongólico. Hai garaxe, melodías pop, electrónica, surf, sentido do humor, rap, gastropunk e ruido a moreas. Elementos galegos e/ou bizarros. En todo caso, hai un proxecto realmente interesante e feito na casa e que parece que tira para adiante: «parece que vai ser aínda máis sinxelo que o primeiro, cruzemos os dedos para que non haxa ningún holocausto.»

Fantasmage. Foto: David Tombilla

En todo caso, o Galician Bizarre é moito máis que un recopilatorio. Cada grupo é un mundo, e cada vez son máis os que se anotan un tanto. Fantasmage, por exemplo, están a piques de sacar o seu primeiro LP con Discos Humeantes. Discoteca Océano fichou a srasrsra. Tora! Tora! Tora! entraron na lista de demos da Mondosonoro e Trajano! son semifinalistas do Proyecto Demo, e ata Terbutalina saíron na TVG en prime time. Cada vez son máis os grupos que saen a tocar fóra, a Madrid ou a Barcelona, con éxito. Pero vai sendo hora de deixar de considerar iso grandes logros e ser máis ambiciosos. Se o público pon da súa parte, podemos deixar de ser periferia. Logo de ter visto en concerto (a Festa Galician Bizarre en Melide foi brutal) ou escoitado as gravacións de toda esta xente, é difícil non pensar que a escena galega é hoxe un fervedeiro. Anido: “Eu penso que é certo, pero non son obxetivo porque vivo dentro dela, quizáis non sexa para tanto. O importante é non flipar e seguir traballando». 

* Se pulsades na imaxe de portada, podedes ver fotos de moitos dos grupos do Galician Bizarre II, na seguinte orde: Fantasmage, Terbutalina, Tora! Tora! Tora!, Lobishome, Sr. Anido, Wild Balbina, Carrero Bianco, Christ Divides, Alarido Mongólico, Qvek, Pastillas Mamut, Fluzo, Tetra & Freek, Mullet, Trajano!, Mano de Obra e Los Thyssen. Só faltan Los Televisores. As de Fantasmage, Tora! Tora! Tora!, Wild Balbina, Lobishome e Christ Divides son de David Tombilla.

Cibrán Tenreiro

Estudante de Comunicación Audiovisual e batería do grupo Monstruo.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011