CULTURA

Xurxo Chirro: «Cando me atopei co material de Vikingland sabía que o único que precisaba era tempo e traballo»

Hai unha semana remataba en Cidade de México a II edición do Festival Internacional de Cine da UNAM (o FICUNAM), un Festival que aglutina traballos internacionais de libre creación, aberto a calquera temática e xénero híbrido (ben sexan documentais, ficción, ensaio, collage, animación ata found footage). Este festival alternativo exhibiu unha selección de 115 pezas de moi diversa tradición dentro do mundo do cine contemporáneo. Entre as cales estaba un nome galego: Vikingland, a opera prima de Xurxo Chirro, un proxecto audiovisual moi diferente ao que normalmente se pode ver nunha sala de cine. Falamos co director para que nos conte máis sobre o filme (para saber máis pinchar aquí).

Que acollida tivo Vikingland en México? Pódese dicir o filme está tendo éxito con respecto á crítica?

Si, acertaches. Vikingland ten éxito entre a crítica e programadores porque “antes que cociñeiro fun fraile”. Non está nada mal reflexionar sobre o que é o cinema. Non se fai moi a miúdo. Cando facía o filme sabía a quen me dirixía porque reformulaba e insistía en cuestións moi vixentes da arte actual. En México déronme os parabéns a directora, programadores e xurado (entre eles o Adrian Martin, o de Movie Mutations) porque suscitou moito debate e se considerou como o máis atrevido do festival. Obviamente entre o público os pareceres foron distintos, mais supoño, e aquí vou facer uso da retranca, que ese será o prezo de ser vangarda mundial.

Traballaches na investigación (na obra de Manoel de Oliveira concretamente). Cando decidiche pasar á práctica e coller a cámara para dirixir?

Estes dous feitos non están plenamente relacionados. Eu veño dunha deriva creativa: debuxo, BD, relatos, guión… Mais atoparme con Oliveira supuxo outra maneira de comprender o cinema, onde non hai maior realidade que o artificio da representación polo que poden ser tolerábeis todas as eivas na produción se están ao servizo desta idea. É dicir, que non precisaba moitos dispendios para facer un filme, como así o demostrei con Vikingland. Custe cero.

Fotograma de Vikingland

Fíxeches pezas como Os señores do vento, 13 pozas ou Cellular Movie, pero a túa primeira longametraxe é Vikingland. Foi froito dunha madurez da ollada creativa?

Os primeiros traballos foron de »tanteo», de saber cal era o medio e a miña escala. Cando me atopei co material de Vikinglandsabía que o único que precisaba era tempo e traballo. A madurez está en que rumiei o proxecto, acompañábame desde 2007. Entrementres fixen outras obras mais creo que sempre teñen algo en común: a historia, a memoria, o documento…

Dis que Vikingland é unha transposición de Moby Dick, de Melville. Como xorde esta idea?

A xente asústase diso. En México, Chantal Akerman -que acaba de adaptar a Conrad-, dixo que o mellor é tomar distancia da novela. Ben eu creo que tomei distancia dabondo… No momento de organizar o material o meu referente foi a literatura a de viaxes marítimos, especialmente a gran novela deste »xénero»: Moby Dick. Melville está no feito de atopar un material xerminal, na estrutura episódica -cun epílogo moi logrado-, na focalización e na evolución psicolóxica do personaxe, no anverso da ficción documentalizada, no simbolismo do branco que destrúe todo…

A construción do relato de Vikingland foi unha necesidade para ti? Refírome a necesidade de contar a vida dun home de mar… a historia de Luís, a de teu pai ou a túa mesma…

En Vikingland hai moitas perspectivas de lectura e unha delas é a persoal. Eu quería dar a coñecer a historia que contaban as imaxes, simplemente a miña “idea e manipulación” consistiu en darlle máis empaque e facer unha homenaxe a xente da emigración, máis especialmente ás xentes do mar de Galicia. Deste modo a parte máis contemplativa do filme débese a un desexo de que o espectador saiba e experimente en que consiste a vida dun mariñeiro e unha vez se percate diso poderá comprender en toda a súa magnitude a última imaxe do filme.

O transfondo teórico do filme é moi forte. Que dirías da ollada cinematográfica de Luís ‘O Haia’?

A mirada de Luís é moi naïfmais con moito sentido común, á maneira dos Lumière ou Méliès. O meu traballo consistiu en aproveitarme desa pureza e evidenciar a natureza das imaxes: a construción da mirada, a relación do home coa cámara, a materialidade, o proceso creativo, a autoría… Moita xente ao saír do cinema me di porque non fixen codirector a Luís Lomba e eu explícolle que me fagan esa pregunta éncheme de orgullo porque consigo dunha maneira nidia que o espectador se interrogue sobre o proceso artístico. Unha cuestión moderna que é o cabalo de batalla da arte contemporánea.

Luís "O Haia"

O humor tamén é algo que está moi presente, tanto na personalidade de Luís coma na tripulación ou na propia montaxe. É para ti un elemento indispensable?

Si, é fundamental. Facer cinema para min é un divertimento. Teño que pasalo ben ou senón mellor nin intentalo. Os meus filmes sempre teñen certo elemento humorístico, divertido, lúdico… Incluso o máis serio 36/75, é un dispositivo onde establezo certa complicidade co espectador para que este sexa activo e recompensalo na súa inquedanza. En Vikingland, a maiores do humor que fan gala os seus protagonistas, intento establecer outro pacto co espectador: primeiro as imaxes van cara el e, despois, é o espectador que vai cara as imaxes. Parecido a como é a pesca da robaliza con cana, mais para iso se precisa »peixes» que saiban ver e ir tras o engado.

Por último, en Vikingland tamén se pode entrever unha reivindicación da imperfección na era dixital e do HD. É así?

A ditadura do HD está facendo aínda máis »remolón» ao público, xa que ergue un »horizonte de expectativas» homoxeneizador moi perigoso que fai que propostas diferentes se discriminen simplemente polo aspecto, como acontece con Vikingland. Mais eu emprego a imperfección analóxica para dar a coñecer ou reforzar substratos de significados. Godard dixo: »Eu prefiro mellor os filmes engurrados porque din máis que os filmes pulidos e perfectos». Creo que cando o dixo pensaba en Vikingland.

 

*Non podemos esquecer que estamos ante un bo momento para o »Novo Cinema Galego», unha etiqueta da que se comezou a falar no ano 2010. Como dixo Martin Pawley nesta revista en decembro, se o ano pasado foi o ano de Todos vós sodes capitáns (Óliver Laxe), este será o ano de Vikingland.

A todo isto, o Puma de Prata ao Mellor Filme do FICUNAM recaeu sobre Yatasto, de Hermes Paralluelo, unha película que retrata a vida cotiá dunha familia de carboeiros arxentinos. E por outra banda, o premio ao Mellor Director e Premio do Público recaeron sobre Crulic- Drumul Spre Dincolo da realizadora romanesa Anca Damián.

Avatar of María Villamarín

Xornalista e colaboradora de Tempos Dixital e de Disquecool. @MariaVillamarin
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011