Tempos Dixital | Play Doc 2012: natureza e intimidade
CULTURA

Play Doc 2012: natureza e intimidade

Duns meses para acó, coa escusa da crise ou sen ela, non deixan de sucederse as malas noticias no circuíto de festivais de cinema en España. Primeiro foi, alá por setembro, a cancelación de Punto de Vista en Pamplona, rectificada logo a medias coa conversión do certame en bienal; case ao mesmo tempo veu a desaparición da Mostra de Valencia, con máis de trinta anos de azarosa e errática historia. 2012 comezou coa destitución de José Luis Cienfuegos á fronte do FIC Xixón, decisión que recibiu a resposta contundente dun grupo de máis de catrocentos cineastas de todo o mundo -entre eles os Irmáns Dardenne, Olivier Assayas, Apichatpong Weerasethakul, Patricio Guzmán ou Víctor Erice- que por medio dun manifesto expresaban publicamente a súa ruptura coa nova dirección do festival. A desfeita complétase coa suspensión do Festival REC de Tarragona, o novísimo de Ronda dedicado ao cinema político ou o de curtas de Mieres, e cos máis que severos recortes que experimentarán outras citas aparentemente consolidadas, coma Las Palmas ou Granada, que verán os seus orzamentos reducidos á metade, ou Sevilla, que contará coa terceira parte de diñeiro que en 2011.

Imaxes das pezas fílmicas do armenio Artavazd Pelechian

Neste delicado contexto a mera supervivencia é xa un mérito. PlayDoc, o festival de cinema documental de Tui, chega á súa oitava edición para celebrar dous eixos temáticos esenciais da non ficción contemporánea: a paisaxe e o relato autobiográfico. E faino da man de dous grandes nomes, o armenio Artavazd Pelechian e o estadounidense Ross McElwee, que representan de maneira exemplar cada unha desas tendencias creativas. Pelechian é autor dunha obra moi breve -a duración conxunta de todos os seus traballos supera por pouco as dúas horas- espallada ao longo de trinta anos e que só nos 80 deu en ser coñecida en Occidente: o seu descubrimento tivo un xenuíno carácter de revelación. A súa aura de mestre visionario, elusivo e único aséntase na forza lírica e no singular tratamento da montaxe duns ensaios fílmicos que falan esencialmente de Humanidade e Natureza. Poeta ás veces irónico do progreso, cantor do desenvolvemento científico e da necesidade de ir máis lonxe que acabou por levarnos ao espacio na maxistral O noso século, quizais o mellor dos seus traballos, mantense inactivo dende que hai case dúas décadas presentara Vida e Fin, non precisamente as súas curtas máis sutís. 

Neste delicado contexto a mera supervivencia é xa un mérito

Referente indiscutíbel do diario fílmico, o profesor e cineasta Ross McElwee acadou sona internacional co triunfo en Sundance (Gran Premio do Xurado 1986) de Sherman’s March, orixinal proposta que rebentaba un punto de partida convencional -un documental sobre a Guerra de Secesión- e se transformaba nun lúdico retrato das súas relacións coas mulleres. A fértil mestura de elementos persoais e históricos acadou outro fito con Bright Leaves, candidata aos premios das asociacións de directores e guionistas norteamericanos en 2003. O seu último filme será o que abra a edición 2012 de PlayDoc: Photographic memory, viaxe de regreso á súa xuventude na Bretaña que é tamén un intento por comprender ao seu propio fillo.

Fotogramas dos filmes de Ross McElwee

Cinco títulos conforman a moi heteroxénea sección oficial competitiva, na que hai sitio para o rexistro observacional de Mirage de Srđan Keča e para o intelixente exercicio de relectura de material alleo do Vikingland do galego Xurxo Chirro; para o realismo social con ecos a Pedro Costa de Yatasto de Hermes Paralluelo, recén premiada no FICUNAM, e para a celebración dun mundo que é grande e diverso (e sobre todo esférico) en ¡Vivan las antípodas! de Victor Kossakovsky. Especialmente agradecida é a presenza da primeira longametraxe do gran Ben Rivers, Two years at sea, que ben poderíamos chamar un “non documental” en arrebatador branco e negro e formato panorámico co que volve a un personaxe xa retratado nunha curta anterior, This Is my Land.

 

Hai vida despois dos Capitáns

Os dous premios Goya que obtivo o filme Arrugas e o galardón no apartado de curtas para Birdboy foron amplamente celebrados pola prensa galega e mesmo pola Xunta, co presidente Feijoo disposto a comparar Galicia con Hollywood no ámbito da animación. A cruel realidade, porén, é que un filme coma Arrugas dificilmente alcanzará en salas comerciais a cifra de trinta mil espectadores, un resultado típico do pobre estado actual do mercado cinematográfico en España que en modo algún pode considerarse satisfactorio. Estréanse títulos a feixes, mais a maioría fican condenados a unha total invisibilidade fóra dunhas poucas grandes cidades. É un momento de crise -máis alá da financeira- que obriga a repensar os modelos de produción, distribución e exhibición: o século XX queda moi lonxe. Ao mesmo tempo, en Galicia vivimos un momento de esplendor creativo, con cineastas do país presentes en festivais internacionais, do Xurxo Chirro de Vikingland (Marsella, Mar del Plata, FICUNAM) ao Marcos Nine de La Brecha (BAFICI). As boas noticias seguen (e seguirán) con autores coma Xacio Baño (coa curta Anacos a concurso en Las Palmas) ou Lois Patiño, que ultima a longa Ecos da paisaxe. Hai vida máis alá de Todos vós sodes capitáns: o noso deber agora é darlles a todos eles oportunidade de existir.

 

 

Avatar of Martin Pawley

Coordinador da Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña, blogueiro e crítico de cinema
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011