Tempos Dixital | Marcos Nine: «O autocontrol que todos temos débese ao noso medo ao descoñecido»
CULTURA

Marcos Nine: «O autocontrol que todos temos débese ao noso medo ao descoñecido»

En xaneiro xa falabamos de Marcos Nine e de Inasible #2 (2011), un traballo que el mesmo presentaba en Cineuropa. Naquel momento, todos asistentes a sesión do Panorama Audiovisual Galego celebrada no CGAC en Compostela, puideron presenciar un avance do que sería o proxecto experimental final de La Brecha. Daquelas Nine dicía dela «é unha peza mainstream, chea de efectos visuais moi potentes e sen argumento». Pasaron tres meses, e hoxe sabemos que La Brecha se estreará o 12 de Abril no Abasto Shopping Center en Bos Aires. Será a única peza galega presente no BAFICI (Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente) e aínda que non competirá, formará parte da sección Cine + Cine.

Inasible #2 mostrábase como un collage feito con anacos de película mercada en rastros e tratada graficamente. A película era a base sobre a que acontecían explosións e desordenes, un berro de protesta ante o propio ‘oficio’ que moitas veces actúa como unha prisión para o autor. O proxecto documental que se estreará en Arxentina segue a mesma liña. A súa finalidade non é a de contar a historia deste proxecto senón ilustrar como é ser partícipe del mesmo. Na propia web de La BrechaNine explica que o proxecto e filme conforman dúas partes diferentes. Por un lado está Rodrigo Losada, deseñador gráfico e culpable de que se comezarán a facer os primeiros experimentos e Marcos Nine como director. Antes da súa viaxe a Bos Aires falamos con el para que nos conte máis cousas de La Brecha.

Marcos Nine durante o proceso de creación de La Brecha

Que hai en La Brecha do proxecto inicial que tiña Rodrigo Losada?

Supoño que todo. Cando comezamos a pensar en facer a película, o proxecto La Brechaera o protagonista e falando con Rodrigo démonos conta de que non lle faríamos xustiza ó proxecto se eu me limitada a miralo desde a distancia, así que a solución foi meterme dentro do proxecto e reinterpretalo desde o meu propio traballo. No filme Rodrigo e máis eu estamos en dous estados distintos, el fala desde a experiencia que supuxo idear este proxecto e eu desde a inocencia de comezar a explorar materiais e procesos sen saber o resultado que vou conseguir. De feito creo que o mellor do filme é que resulta irrepetible. A propia experiencia aprendida durante a súa realización fai que sexa imposible recuperar a inocencia inicial. Creo que é un filme no cal o concepto «educación» ten moita importancia.

Na páxina web do proxecto dis que tanto ti coma Rodrigo chegarades a unha mesma conclusión: as diferencias nos traballos que realizastes, sempre fostes capaces de solucionalos cunha metodoloxía idéntica. Sufristes na vosa propia pel como é estar baixo os mecanismos deste ‘autocontrol’ á hora de realizar unha obra? Serviu de terapia?

La Brecha é un proxecto artístico e usar a arte como terapia é menosprezala. Non me gustaría que se dese a idea que fixemos isto para desafogarnos iso sería como insultar a tódolos grandes artistas que se arriscaron e fixeron da súa obra a súa vida. Sería como dicirlles: «Agora que xa tivestes divertimentos bastantes poñédevos a facer cousas serias». La Brecha é un proxecto de descubrimento e coñecemento. O autocontrol que todos temos débese ao noso medo ao descoñecido. Cando sabemos facer algunha cousa «ben» prodúcenos un medo atroz cambiar a nosa forma de traballar. En parte, débese a que non temos ningunha seguridade sobre o que non coñecemos e tamén porque se somos eficientes e efectivos no noso traballo o noso entorno vainos condicionar para que sigamos actuando da mesma maneira. Aparece o medo a fallar, ó fracaso, á incomprensión e isto remata por provocar obras moi medidas, seguramente correctas pero tamén con excesiva contención. É xustamente o que tiñamos que evitar neste filme, e a verdade é que non foi nada doado pero mereceu moito a pena.

Inasible #2, a peza que preséntache en Cineuropa, era como un collage de fotogramas de película ao igual do que será La Brecha. Cal é o seu vínculo? 

La Brecha é un filme en catro partes e Inasible #2 é unha desas partes, o que pasa é que pensamos que era unha peza que tiña entidade por si mesma e por iso a movemos tamén por separado. Trátase dunha curta abstracta na que emprego distintas técnicas de degradación de material de 16mm e de super-8. A orixe do material é moi diversa, hai material que filmamos nós, outro mercámolo, temos tamén descartes de traballos de outra xente, probas de super-8… Hai de todo e todo forma parte do xogo que nos plantexa a película. Por un lado, rescatamos anacos de película do lixo, por outro, creamos unha peza na que as imaxes do interior dos fotogramas son intranscendentes e as manifestacións do noso traballo vense por riba do fotograma, é dicir, empregamos o material de película como un lenzo ou un simple soporte sen importar o que hai dentro. 

Cinco operas primas de cinco cineastas distintos, é a nosa repercusión en Galicia é nula

Esas partes abstractas de La Brecha son tamén as máis expresiva e de máis forza. Mais que hai das partes narrativas desta longametraxe documental?

Creo que no fondo La Brecha é un filme máis clásico do que parece a simple vista. Supoño que a principal diferencia é que aquí en lugar de seguir un argumento o que seguimos é un estado de ánimo ou unha evolución do pensamento. O filme parte dun estado de esgotamento persoal, ó sentir que dalgún xeito que o meu traballo comezaba a converterse no uso reiterado dun método, e a partires de aí, o filme vai evolucionando pouco a pouco valéndome sobre todo de símbolos. Intento explicar o meu estado de ánimo facendo comparacións con comportamentos animais. Dun lado esta o can que simboliza a eficiencia, a fidelidade, e o animal que fai o que se considera correcto sen facerse preguntas. Despois está a formiga que é quen se aventura a explorar o mundo que non coñece, e despois o paxaro que simboliza a liberdade e ese poder voar e volver á terra cando quere. Pensando nesta visión máis simbólica, La Brecha está narrada desde o punto de vista da formiga.

O ano pasado dicías nunha entrevista que proxectos como La Brecha son de moito desgaste emocional. Que supuxo para ti antes, durante e que supón agora unha vez rematada esta longametraxe tan pouco común? 

Fun dando bandazos moito tempo. Eu vivía o filme en directo. Non se trata dunha película na que poidas dicir que hai unha fase de guión, rodaxe e montaxe, de feito había que desmontar esa lóxica. Comecei sorteando a orde dos contidos do propio filme, despois mercamos películas de 16mm e eu non tiña nin idea do material que me ía atopar e despois está toda esa parte de reflexión sobre min mesmo que non sabía como ía quedar plasmada na película. Todo isto desgástache moito, éntranche medos, pensas que o filme non vai ser comprendido, estás constantemente nun tira e afrouxa contigo mesmo na que a túa parte máis racional che pide que te aferres ó que xa sabes que funciona. Tamén me foi de moita axuda as veces que falei con Rodrigo da súa propia experiencia. Ó final cheguei a soltarme e romper esa barreira da contención autoimposta. Agora, xa con distancia, a película fíxome gañar en seguridade e a valorar tamén mellor o que levaba feito ata o momento. Creo que despois de facer esta película podo afrontar proxectos futuros, xa sexan máis convencionais ou máis arriscados con moita máis serenidade e sen medo a romper certas regras.

Fotogramas do filme La Brecha

Unha vez máis os recoñecemos para os cineastas galegos veñen primeiro de fóra. Que sensación che produce isto?

Neste caso non é exactamente así xa que o ano pasado xa fixeramos un obradoiro do proxecto para nenos na Mostra de cinema Periférico S8 e este ano non só faremos alí a estrea da película en España senón que ademais levaremos unha ampla mostra do proxecto, como unha instalación da que se pode ir vendo en internet o seu proceso de construcción. O que si é certo é que se menospreza aos cineastas galegos en moitos sentidos. Actualmente, no que se refire ó cine de non-ficción, estamos vivindo un momento que dificilmente se volverá a repetir, nun período de tres anos, entre outros títulos, Todos vos sodes capitáns pasou por Cannes, Vikingland por Marsella, Trálas luces por Donostia e agora está La Brecha en Bos Aires e N-VI en Málaga. Isto é un éxito, sen embargo, e tratándose ademais de cinco operas primas de cinco cineastas distintos, a nosa repercusión en Galicia é nula. A mensaxe que se envía desde as institucións é que o cinema galego ten que saír fora, pero cando vas a festivais internacionais non estás competindo contra outros filmes exclusivamente senón que estas a competir tamén contra ministerios de cultura de outros países que si apostan polos seus cineastas. Nós tivemos que facer esta película cun orzamento 100 veces menor que o orzamento medio dunha película española, gracias a unha bolsa de talento, e aínda así superamos tódalas limitacións do mundo e estrearemos en Bos Aires. O ideal sería que existise un apoio institucional acorde aos resultados que estamos conseguindo pero a sensación de euforia polo que se está a conseguir nestes anos non no la pode quitar ninguén. Hai que seguir adiante.

Para ver La Brecha en terras galegas haberá que agardar ata o mes de xuño. Será no S8 a Mostra de Cine Periférico da Coruña.

Ver trailer de La Brecha (Marcos Nine, 2011) en Youtube

Máis traballos de Marcos Nine, pinchar aquí

Avatar of María Villamarín

Xornalista e colaboradora de Tempos Dixital e de Disquecool. @MariaVillamarin
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011