CULTURA

Na rúa, o número 20 da revista de libros Protexta

Hoxe, luns 4 de febreiro, o número 20 da revista de libros ProTexta chegará aos quioscos para a súa distribución gratuíta cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. Nos vindeiros días distribuirase tamén en librarías e outros puntos de venda conxuntamente coa TEMPOS Novos nº 188.

Neste ProTexta 20 abórdanse algunhas das máis salientables novidades editoriais nos campos da poesía, narrativa, ensaio, literatura infantil e xuvenil e banda deseñada. Procuramos o alento crítico e estamos na rúa grazas a unha completa nómina de colaboradores e colaboradoras que len canda nós.

«Non son alleo á normalización cultural, son contrario», afirma Alberto Lema na capa, chamada á entrevista longa deste número. No fío da publicación de Da Máquina (Galaxia, 2012), a súa terceira novela, falamos co narrador e poeta dunha escrita que entende como forma de acceso ao real contemporáneo. Tamén recollen as páxinas desteProTexta entrevista con Samuel Solleiro, que regresa ao relato con Gran tiburón branco (Xerais, 2012) e que anda arredor de posmodernidade fronte a modernidade.

Letras de cancións que constrúen un retrato colectivo percorren a reportaxe coa que abrimos este número, de Ataque Escampe a Das Kapital. E entre a crónica e o artigo de ton ensaístico achegámonos á entrega dos últimos Premios Rosalía de Castro, do Pen Clube, e á traxectoria dun dos recoñecidos, José Viale Moutinho, narrador, poeta e xornalista portugués.

No apartado de narrativa dedicamos un artigo ao volume de relatos de Bieito Iglesias, Contos da terra da tarde, e unha crítica á novela Dark butterfly de Rexina Vega. Aténdese a poesía na recensión da obra Balea2, de Estevo Creus. Canto ao teatro, trázase unha ollada á creación dramática de Isaac Díaz Pardo. E o apartado de literatura infantil e xuvenil inclúe noticia da máis recente tradución de Canto de Nadal, de Charles Dickens, de 2044 de Eduardo Santiago, e do álbum de Eric Carle O artista que pintou un cabalo azul. Habibi, de Craig Thompson, é o volume escollido para a banda deseñada.

A crítica dun volume colectivo arredor da achega dos emigrantes a América ao desenvolvemento da educación, editado polo Instituto de Estudos Miñoranos, abre unha cumprida sección que atende o ensaio. Nela inclúese tamén un artigo sobre dúas publicacións urxentes arredor do 15M, A praza é nosa e O pobo indignado. Amais, críticas dunha recolleita de artigos de Xavier Vence, dos volumes que percorren a vida e o pensamento de Luís Soto, José Pasín e Santiago Montero, e de O rastro que deixamos, libro de Agustín Fernández Paz, a camiño entre crónica e creación. A crítica dunha compilación de estudos arredor da arte en América Latina e un artigo que aborda os dous libros máis recentes de Camilo Nogueira, Para unha crítica do españolismo e A rota do sal, completan este apartado da publicación.

Pechamos este número vinte cun artigo en que o poeta, narrador e xornalista Manuel Darriba anda os carreiros do pensamento contemporáneo para opor á interpretación característica da posmodernidade a contundencia dos feitos.

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011