CULTURA

A enerxía dos Right Ons

Todas as veces que vin en directo ós Right Ons sorprendinme facendo o mesmo. Bailar, como por espasmos. Como se fora algo inevitable. Berrando todas esas frases comodín que tanto prestan. Come on! All right! Right on! Esquecendo o ridículo, participando dunha euforia rítmica, colectiva e incontible, e pensando que o rock and roll debería ser sempre así. Algo que te colle e te leva.

Fotos de Laura Reboredo

Desta vez, no LeClub da Coruña, pasou máis ou menos o mesmo. Houbo variacións, porque nesta xira os Right Ons presentan o seu novo disco Get out (Lovemonk, 2011), e a paleta varía un pouco. Eles recalcan que fan rock, e que o termo é o suficientemente amplo para que teñan cabida moitas cousas: dende o funk e o soul máis agresivos ó pop. Pero o certo é que nos anteriores 80.81 e Look, inside, now! o espírito negro era máis evidente. Os novos temas son (xeralizando) menos bailables, con ritmos menos nerviosos. Pero máis poderosos, máis potentes, cos teclados máis presentes e buscando crear un ambiente co mesmo fume que había no Exile on Main Street. É rock, pero dende un prisma diferente para eles.

Fotos de Laura Reboredo

En consecuencia, cando sonou algo como «Long road», non se podía bailar igual que antes. Pero compénsase con esa liña de baixo distorsionada que é puro poderío. E o habitual é que creen unha masa rítmica chea de detalles, que tema tras tema vai espertando no público a euforia. Que está neles dende o principio. Cada membro do grupo pode soster o concerto por si só, pero fano todos ó mesmo tempo e por iso destacan. Entre todos os grupos españois que asimilan a tradición anglosaxona sen trasladala ó castelán, eles aportan unha autenticidade case inexplicable. Salvo que nos decatemos de que é o mesmo terse empapado dos Stones ou dos MC5 en Madrid (e na Coruña) que en Detroit. E os seus argumentos son sólidos. Guitarras imaxinativas e vibrantes («Come running») e xogos creativos entre batería e percusión (a lección de como usar as maracas, a pandeireta e as palmas que é «Tell me ’bout the good times»). As baladas técenas con xogos vocales perfectos («Get back») e tamén fan rock do de antes, de riffs poderosos na guitarra ou no baixo («Walking on the river», «I do what I want»). E auténticos hits dos que deberían sonar na radio («Do your thing, babe», «On the radio»).

Non din aínda con moitos detractores dos Right Ons, quizais porque o que se pode dicir na súa contra queda anulado logo de velos en directo. Se están no punto de mira de parte do público (ou da crítica) é polo feito de cantar en inglés, pero ese debate é o conto de nunca acabar. As súas letras non destacan pola súa profundidade, pero préstanse plenamente ó espírito das súas cancións. Sonan ben, teñen melodía por si mesmas e son pegadizas. Ó fin e ó cabo, tampouco “Jumpin’ Jack Flash” dicía demasiado e a música sempre falou por si mesma. Ó velos, guapos e arreglados, chámaselles ás veces posers, pero entra dentro do seu carácter, dentro da tradición do rock and roll. Que é, asimesmo, criticable, sempre que critiquemos o revival polo mero feito de selo. Os Right Ons van máis aló diso porque son coherentes: cando se trata de facer música, o que conta é facela co corazón. Para que cuestionarse nada?

Cibrán Tenreiro

Estudante de Comunicación Audiovisual e batería do grupo Monstruo.
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011