Tempos Dixital | O sobresaínte ‘Novo Cinema Galego’. 1ª Parte
CULTURA

O sobresaínte ‘Novo Cinema Galego’. 1ª Parte

Hai quen non apostaba por ela, pero a etiqueta do ‘Novo Cinema Galego’ vaise facendo cada vez máis coñecida. »O ano 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego», dicía o crítico Martín Pawley nun artigo publicado o 2 de xaneiro no xa desaparecido Xornal. Non lle faltaba razón. A devandita etiqueta fai referencia a unha xeración de creadores emerxentes que constitúen un punto de inflexión para o cinema galego. Todos eles teñen un talento especial e, como ben se di no artigo, »exprésanse con liberdade á marxe de convencións industriais e conectan cós debates e tendencias que caracterizan á creación contemporánea».

Os integrantes deste ‘Novo Cinema Galego’ son recoñecidos fóra das nosas fronteiras. Óliver Laxe paseou Todos vós sodes capitáns por numerosos países e festivais internacionais chegando a gañar o premio FIPRESCI en Cannes en 2010. Xurxo Chirro recibiu grandes louvanzas por Vikingland tras pasar polo FID de Marsella, o Festival de Mar de Prata ou o de Xixón. Tamén podemos falar das creadoras como Sonia Sánchez que con As damas negras gañou o recoñecemento no Festival de Cine de Kaohsiung (Taiwán) ou de Peque Varela que destaca en animación. Así poderíamos seguir. Todos están causando sensación e facendo moitas das veces xiras internacionais sen apoio institucional. Mentres, aquí carecen de atención. Temos as obras e temos os autores, pero falta que Galicia sexa dunha vez consciente deste potencial creativo. Non é casualidade que entre os cineastas españois presentes no ciclo Nuevas estrategias (que se celebrará no mes de marzo en Bos Aires) haxa cinco galegos, máis que de ningunha outra cinematografía do Estado.

Falamos deles en conxunto pero os integrantes do ‘Novo Cinema Galego’ traballan de forma individual. Citas como a sección do Panorama Audiovisual Galego en Cineuropa (onde moitos se deron cita nesta edición de 2011) serven para que se coñezan e poñan en común os seus proxectos, e conseguir que este movemento creza cada vez máis. A partir de aquí tentaremos analizar un pouco a súa obra, establecendo unha certa orde. Marcos Nine, Ángel Santos e Lois Patiño encóntranse entre os cineastas que se moven con naturalidade entre a creación de pezas experimentais e formas narrativas convencionais.

Fotograma de "Aarón"

Un dos máis ‘entregados’ á experimentación é Marcos Nine, xa premiado co Mestre Mateo ao mellor documental en 2011 por Radiografía dun autor de tebeos e á mellor peza experimental en 2010 por Aaron, un retrato dun neno e a súa fascinación polas imaxes. Un paralelismo co autor, que se adica a gravar o mundo cunha cámara para logo poder ensinalo. Tamén se fai unha reflexión sobre a imaxe e a existencia cotiá dun cativo dos nosos tempos. Unha vida fotografada dende a ecografía ata as primeiras experiencias e o descubrimento das cores. Falando dos estrenos máis actuais, Nine presentou en Cineuropa INASIBLE #2 (2011), unha peza que nace dentro do proxecto LaBrecha. Segundo o autor é unha peza »máis mainstream, cheo de efectos visuais moi potentes e sen argumento». A peza móstrase como un collage feito con anacos de película mercada en rastros e tratada graficamente. Acontecen explosións como protesta ante o propio ‘oficio’ que moitas veces funciona como prisión para o autor. Un oficio que se converte nun círculo vicioso onde se prima o ‘bo facer’, as rutinas e os mecanismos. Ante isto, o autor déixase levar, racha cas costumes dándolle á película unha forma que se escapa do control.

Logo dos seus primeiros traballos de ficción, Ángel Santos sorprendeu con O cazador, valorada pola revista Cahièrs du Cinema como unha das dez mellores curtas do ano 2008. Despois veu Fantasmas #1(2010), unha peza feita ‘na casa’ empregando fotografías e vídeos gravados en Super8. É unha reflexión sobre o propio pasado onde se ataca á propia noción de documento, ao estatuto de verdade da fotografía e o vídeo no que se apoian (ou que substitúen) os recordos.

Fotograma de "Adolescentes"

Os temas transversais na obra deste director, e que plasmou en curtas de ficción como A. (2002) e Septiembre (Los amores jóvenes) (2004) son os que versan sobre o deterioro da vida en parella ou a incomunicación cos seres queridos. En Septiembre tentaba tratalos dende unha perspectiva menos frontal onde dous adolescentes fan o que senten sen pensar, no que prima o silencio e as sensacións están a flor de pel. O que contrasta con A., na que os protagonistas aparecen retratados dunha forma máis clásica e distante. Que prevalezan estas temáticas non é casual, Ángel Santos é un gran lector de autores realistas como Balzac, Chéjov ou Dostoievski, que inflúen na construción dos seus guións, outorgándolle un gran peso literario.

A súa última obra é Adolescentes (2011), unha produción que xa está na Vidéothéque do FID de Marsella. Nesta peza, Santos sae a rúa a gravar procurando a sinxeleza no entorno, que se manifesta ao ver só imaxe acompañadas de son ambiente. Faino na súa terra, Pontevedra, construíndo 21 retratos de rapaces nos seus círculos e espazos habituais. Os lugares onde esperan a facerse maiores. Estes retratos móstranse como anacos de vida de tres minutos, máis ou menos, que captan o concepto do paso do tempo. Uns móstranse hieráticos e outros ameazantes, pero a sensación de intimidación no espectador é a mesma. 

Fotograma de "Paisaje-distancia. Encuentros entre hombres"

As pezas de Lois Patiño están sendo proxectadas en Nova York e o seu traballo foi recoñecido nos Rencontres Internationales Paris/Berlin/Madrid xa no ano 2010. Este director investiga na busca da intimidade co medio ambiente e a natureza en conxuntos de pezas agrupadas baixo o nome de Paisaje-duración ou Paisaje-Distancia. Na primeira serie, estúdase a relación entre quen mira e a súa acción, e entre a paisaxe e o seu lugar no tempo e no espazo. Na mesma contemplación da natureza tódolos sentidos se alteran, o espazo chega a distorsionarse e o tempo detense e expándese na conciencia. Así o podemos comprobar en Paisaje-Duración. Trigal (2010). Na segunda serie, Lois Patiño trasládase á zona do Atlas en Marrocos para ensinarnos como a ollada humana pode construír a paisaxe a diferentes distancias. A medida que nos achegamos, vemos detalles invisibles ós nosos ollos, e cando nos afastamos van desaparecendo pouco a pouco engulidos polo espazo. Obsérvase ben en Campo de fútbol, onde a figura humana se reduce debido a inmensidade do territorio. Na actualidade, Patiño traballa na longametraxe documental Costa da Morte, sobre a descomposición da paisaxe, aínda en proceso.

Avatar of María Villamarín

Xornalista e colaboradora de Tempos Dixital e de Disquecool. @MariaVillamarin
Artigos relacionados

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011