CULTURA

HOMENAXEAN AO TÍO MARCOS DA PORTELA

Cunha homenaxe á publicación “O Tío Marcos da Portela”, nacida en febreiro de 1876, celebraráse o “Día dos Medios en Galego”. A histórica publicación foi a primeira escrita integramente en galego. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.

Valentín Lamas

O escritor e editor da cidade das Burgas recolleu na publicación a bandeira ergueita por Rosalía de Castro en Cantares gallegos, sumouse á defensa e reivindicación da cultura popular e expresou os sentimentos cotiáns da sociedade galega, especialmente da xente máis humilde. Con moito humor, sentido crítico e ironía, Valentín Lamas soubo conectar á perfección coas principais preocupacións do mundo rural.  Nas páxinas de O Tío Marcos d´a Portela protestábase contra temas candentes do momento como a sangría da emigración, a elevada carga impositiva –os denominados trabucos- o atraso da agricultura, as malas comunicacións e a febleza da industrialización.

Ao Tío Marcos sucedéronlle nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira. Todo este movemento xornalístico difundiu o Rexurdimento, que no terreo literario encabezaron Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, no ámbito máis inmediato e popular.

A Asociación de Medios en Galego quere “contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na búsqueda de solucións”. Fixan para o 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego,  “unha boa ocasión para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país”. Os actos centrais deste Día dos Medios en Galego celebraránse en Fene o sábado 3 de febreiro.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011