Tempos Dixital | Fallado o VI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía
CULTURA

Fallado o VI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía

O xurado acordou conceder o premio ao poemario Corpo, de Antón Lopo

O xurado do VI Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, reunido na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela e formado por Luís Cochón, en calidade de presidente, e por  Silvia Penas, Mercedes Queixas, Armando Requeixo e Ramón Rozas como vocais, ademais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto,  decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Corpo, de Antón Lopo. O texto impúxose aos outros trinta e un traballos presentados.

O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa sexta convocatoria, consolida a súa andaina coa colaboración do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e de Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey. O acto de entrega terá lugar en Fornelos de Montes.

O xurado estimou que Corpo é un excelente poemario, denso por variado ―tocata e fuga―, que se compón de diversas suites que se completan ou se enfrontan ou se escisionan (eses parénteses e claudátores). O autor constrúe este Corpo medrado con poder de convicción tanto que convenceu, unánime, os cinco membros do xurado. Ponderado, pousado, serán versos para quedar, no tempo que nos acolla, cando menos neste libro admirable.

 

Avatar of Tempos Dixital

O autor aínda non ten ningunha información no seu perfil.

Deixa un comentario

Únete ao debate!
A publicación de comentarios está suxeita a moderación.

Deixa unha resposta

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011