Quen somos?

ATLÁNTICA DE INFORMACIÓN E COMUNICACIÓN DE GALICIA

UN PROXECTO PLURAL

Nun acto celebrado no Instituto Galego de Información o 11 de xaneiro de 1997, cento cincuenta persoas converxeron nunha sociedade anónima coa pretensión declarada de crearen medios de comunicación alternativos e de calidade. Un colectivo plural, representativo da diversidade de tendencias e sensibilidades que configuran a nosa realidade política, cultural e social máis comprometida. Asentaron así unha modélica estratexia de convivencia cívica e intelectual que era prioritaria nese tempo de sobresaltos e retos. Por que nese momento? En primeiro lugar por razóns que nos collían ao paso e que non se podían desaproveitar. Fronte á mundialización que comezaba a imporse pola vía tecnolóxica, rexordía por todas partes un movemento orixinal de desafío, ou de subversión, que algúns deron en definir como a revancha das culturas. En segundo lugar, por razóns internas: iamos a contratempo de case todo, e nunca antes fora tan necesario abrir todas as cancelas para reforzar, sen exclusións, a nosa identidade colectiva, entendida non como algo definido, senón como algo que se vai definindo na historia.

As mesmas razóns que seguen pesando hoxe en día para manter activado este proxecto editorial, colectivo e plural, que se manifesta a través da revista mensual TEMPOS NOVOS, da revistra trimestral de libros PROTEXTA, do anual INFORME GALICIA e de TEMPOSDIXITAL.

Presidenta: Ana Fernández Puentes

Conselleiro delegado e Secretario: Fernando de Paz Villasenín

Vocais: Xan López Facal, Xulián Maure Rivas, Luís Álvarez Pousa, Xosé Bangueses García.

 

TEMPOS DIXITAL

O noso obxectivo é “abrir o campo” de contidos do papel, incluíndo textos destinados a un público máis novo (entre 18 e 35 anos de idade) diferente do público lector do medio do mensual. Por iso incluíremos unha sección de deportes e prestaremos especial atención ás novas formas da cultura, manténdose na liña de xornalismo de análise e interpretación que vén caracterizando á revista.

As seccións serán 6: Activismo e Sociedade, Política, Global, Economía, Cultura e Comunicación, ademais da opinión. Pretendemos actualizar cunha frecuencia de tres ou catro veces por semana a portada con novos textos de análise e interpretación, ademais da opinión. O noso traballo terá un rigor profesional, aínda que non poidamos contar polo momento con dedicación a tempo completo. Combinaremos os contidos exclusivos para o dixital coa inclusión das entrevistas e dos reportaxes da revista Tempos Novos.

Dirección: Luís Álvarez Pousa

Comité de redacción: Comba Campoi, Paulo Carlos López, Sara Torreiro, Fran Martínez Hidalgo, Duarte Romero Varela, Denís Fernández Méndez, María Villamarín, Cibrán Tenreiro Uzal.

Deseño: Pablo Guimeráns

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011