OBSERVATORIO DOS MEDIOS

TEMPOS NOVOS
NO SISTEMA GALEGO DE MEDIOS

Tras os seus primeiros 18 anos de vida, a revista TEMPOS NOVOS mantivo permanentemente activado o seu ideario fundacional, ligado a principios de irrenunciable compromiso coa democracia e co autogoberno, coa lingua do país e co obxetivo de converter a información en coñecemento. Dende unha nídia posición crítica a respecto dos poderes establecidos. Actuando sempre como un contrapoder. Velaí a línea argumental dos seus pronunciamentos editoriais -como editoriais ou como cartas do seu Director- sobre o papel dun medio independente e plural, profesional e rigoroso, alternativo, no sistema galego de comunicación.

______________________________________________________

MEDIOS E PODER

CO MANDO A DISTANCIA

Luís Álvarez Pousa

Algo que ninguén discute: os medios de comunicación poñen a proba os resortes dos que se vale o poder para experimentar e asegurar a súa capacidade de control social. para cantos ven neles a pértega sen a que dificilmente poden monopolizar vidas e conciencias, convértenos no seu particular e escuro obxecto de desexo. Cans de presa. É o que son. En tempos de aflición, coma este que sufrimos de a cabalo entre os ventos ábregos do neoliberalismo rampante que arrastrabamos e as crises da crise que nos ten en coiros, convértenos ademais no seu búnker.

Véxase en que deron as débedas que os máis importantes grupos mediáticos españois contraeran cos bancos en plena borracheira expansionista: en sentar os banqueiros nos seus respectivos consellos de administración. E en que deron as esixencias de acredores e fondos voitres asentados nos seus accionariados? En desbloquear as liñas de contención que separaban, mal que ben, o negocio de canto podería poñer en risco a pluralidade e a independencia dos medios, favorecéndoo o poder político mediante regalías de todo tipo, empezando por desregular o mercado e por achicar o xa de por si depauperado sector público en beneficio do privado. Que outra cousa potencia a lei do audiovisual aprobada con Zapatero, e ninguneada por Rajoy mesmo no que aquela tiña de innovadora e democratizadora –por caso, o nunca creado Consello Español do Audiovisual, e a volta atrás na desgobernamentalización de RTVE? Feijóo puxo tamén a da CRTVG en stand by, mantendo para iso secuestrada a lei que o permite.

A claudicación do grupo PRISA

A progresiva descapitalización do principal grupo de comunicación en España, Prisa, asenta nese bucle de circunstancias. Como consecuencia, os lectores de El País, o seu buque insignia, e os seguidores da SER, convértense nas vítimas principais dunha sacudida ideolóxica que está dando nunha progresiva desinstalación das súas lianas fundacionais. Xa non nos sorprenderan as poutadas editoriais sintonizando con algúns dos mantras político-financeiros utilizados por gobernos, economistas acomodadores e banqueiros para culpar a cidadanía da crise económica que eles tanto contribuíron a provocar. Ata sete bancos teñen capacidade de manobra na empresa.

Porén, o que acabou trasladando esa soterrada deriva dereitizadora ao panel dos títulos de crédito foi o nomeamento como novo director de Antonio del Caño, un xornalista de mentalidade conservadora que fixera méritos alfombrándolles o camiño a gobernos latinoamericanos nos que os Polanco e os seus negocios depositaban toda a súa confianza -non precisamente os máis progresistas e bolivarianos. Malia que tamén anda polo medio a repercusión que está a ter o fenómeno Internet nos medios tradicionais, a caída en picado da venta de exemplares da que dá conta OJD ten neses outros factores cualitativos un argumento de moito maior peso. Uns e outros fan que os 469.000 exemplares que vendía de media en 2004 quedaron reducidos en 2014 a 259.000.

Certo que nas cifras de negocio que acabaron demandando un rescate, ao que acudiron prestos tódalas aves de rapina que olfactean medios ao tempo que tiburonean no viscoso mar do capitalismo financeiro, a baixada da publicidade –de 410 millóns en 2007 chegou a 2014 con só 176– é todo un terremoto. Que non só produce desequilibrios na conta de resultados, senón tamén –máis leña ao mono– na oferta de contidos, na calidade e no compromiso editorial. Porque o núcleo duro deses 176 millóns de euros procede maioritariamente da publicidade que dan as empresas do Ibex 35, sobradamente representadas nos postos de mando, e a que lle chega a través do reparto, absolutamente opaco e discrecional, desde o goberno de Rajoy. Na barriga dese inmenso cabalo de Troia teñen directa ou indirectamente poder de decisión os máis interesados en que os medios de Prisa –non son os únicos, pero si os máis apetecidos– poñan o diapasón da crítica baixo mínimos. Contrólano con ese mando –o da publicidade, o do reparto gobernamental– a distancia.

A penúltima operación claudicadora do noutrora trasatlántico prisista vén de certificala Telefónica co auxilio do Goberno. Juan Luis Cebrián, o encargado de satisfacer a voracidade dos acredores –bancos e fondos especulativos que manteñen sobre Prisa a camisa de forza dunha débeda de 2.500 millóns de euros, tivo na Moncloa e, pola súa intercesión, na Comisión Nacional do Mercado de Valores o plácet que definitivo. Poñéndose de perfil, por aquilo de transixir a favor da empresa de telecomunicacións unha perigosa acumulación de cota no mercado da televisión de pago, o goberno de Rajoy consegue facer pé nos medios do principal grupo de comunicación. Nunca o conseguira en cambio Aznar, que se vira forzado a desafiar o poder de Polanco depositando en Telefónica –outra vez a correúda operadora– tódalas súas cartas para desbancalo.

O que entón non fora posible, porque o grupo estaba na crista da onda, éo nesta hora de febleza económica e empresarial. Sábeno moi ben os seus xornalistas, que viven traumaticamente a sorprendente viraxe que tamén se percibe desde fóra. Todos quedan sometidos a un novo réxime que supedita a liberdade –imprescindible para a supervivencia dun xornalismo cívico– á seguridade. A da empresa, porque a súa nunca estivo tamén tan ameazada. O peche indefinido da edición galega de El País é unha das últimas vítimas dese estado de cousas. En mala hora para cantos buscabamos nesas dúas páxinas diarias o enfoque da actualidade que os demais diarios ocultaban, e para o equipo de xornalistas que, baixo a coordinación de Xosé Hermida, era quen de conseguilo. En boa hora para quen, por estaren revestidos de poder, renegaron sempre dese diferencial xornalístico, que tantas veces os pillou coas mans na masa.

Niveis de control: atando cabos privados e públicos

O que sucede co grupo Prisa/El País non é un caso aparte. O virus esténdese de casa en casa. O estado de necesidade de medios como El Mundo ou ABC, por sinalar outras cabeceiras de referencia, neste caso de traxectoria conservadora, méteos nese mesmo infernal carrusel. Ese que no seu permanente e monocorde movemento de rotación acaba producindo nos medios efectos devastadores. Nunca como agora se fai máis real o que cen anos atrás plasmara o tribuno socialista francés, Jean Jaurés, nunha lúcida descrición realizada pouco antes de ser asasinado: “Parecen un cento de campás, pero móveas unha única corda”. Ulo pluralismo no actual sistema de medios? Unha morea de cabeceiras, si, pero tocando todas a mesma inducida sinfonía. As escasas alternativas a prol da diversidade, que é a que garante que a cidadanía poida escoller en liberdade, xogan en desvantaxe.

A caída en simultáneo dos directores de tres dos xornais máis emblemáticos, El País (descabezando ao equipo que publicou os papeis de Bárcenas), La Vanguardia (desde a Moncloa e desde a Zarzuela culpábano de alentar o xiro soberanista en Cataluña) e El Mundo, explícase tamén botando man desa metáfora da atracción de feira. Así, a defenestración de Pedro J. Ramírez forzouna a Moncloa mediante un moi ben calculado boicot publicitario contra o diario El Mundo, desfacéndose así de quen puxera o seu arpón anti-Mariano ao servizo de Aznar. Que Bieito Rubido e Marhuenda sigan á fronte de ABC e La Razón non sorprende a ninguén: son os abandeirados do stablishmen popular.

Nas políticas de concesión de frecuencias audiovisuais reside outra das fórmulas que lle aseguran ao poder político o control a distancia que tanto persegue. Que nun ano electoral coma este o goberno de Rajoy poña en poxa a concesión de seis canles máis de TV para a súa explotación comercial, dá que pensar. Debería estar prohibido. Porque é o instrumento coercitivo que serve para desactivar calquera tentación que as posibles beneficiadas –agora mesmo os grupos Tele 5-Cuatro, por unha parte, e Antena 3-La Sexta, pola outra– puidesen ter de actuaren desafiando o mando a distancia. Non é que eses dous grandes grupos, un duopolio na práctica, de televisión privada estean xogando a contracorrente dos intereses do executivo de Rajoy e do partido que o sostén. As afinidades son máis ca evidentes, malia a asintonía que traducen determinados programas producidos e emitidos por La Sexta –sobre todo, Salvados, Al Rojo Vivo, El Objetivo e o debate-circo La Sexta Noche, que tampouco é tan plural como aparenta a primeira vista–, por aquilo de que a excepción confirma a regra. Pero a pera en doce das seis novas concesións amarra en ano electoral tódolos posibles cabos soltos.

Entre eles xa non está RTVE. Os medios públicos de cobertura estatal están atados e ben atados. Rajoy entrou no poder e mandou parar o proceso de progresiva desgobernamentalización do ente que se atrevera a sancionar Zapatero. E cando tódolos prognósticos electorais pintan mal para o PP e para o goberno, esixen dos seus directivos a instalación dun cordón sanitario-comunicacional que os ampare. É cando deciden recuperar os arquitectos da TVE dos estertores de Aznar, cando tentaron convencernos a todos de que o atentado yihadista de Atocha fora obra de ETA. E removen mandos intermedios e correspondentes localizados en distintas partes do mundo, medindo os novos cargos pola fidelidade e non polos méritos e a capacidade. Os profesionais que integran o consello de informativos convocaron paros e levaron recentemente a Bruxelas a súa denuncia contra a operación que o Goberno e os seus delegados no ente estaría executando, milímetro a milímetro, coa finalidade de asegurar a sintonía deses medios coas súas políticas e cos intereses electorais do PP.

Denuncias deste tipo tamén viñeron sendo frecuentes en TeleMadrid –o modelo máis acaído dunha televisión de partido– e na televisión de Castilla-La Mancha, onde os profesionais non afectos aparecen de cando en vez vestidos de negro ou cun esparadrapo na boca, en sinal de protesta contra Dolores de Cospedal. Núñez Feijóo, pola súa parte, mantén secuestrada a lei que semi-desgobernamentaliza a TVG e a Radio Galega, o que se traduce nun máis que xustificado esta de sospeita, que acabou tendo na web de denuncias Eu non manipulo creada polos profesionais do ente público unha máis que evidente constatación.

O poder case omnímodo do goberno

Nunca un goberno tivo antes en democracia un control tan férreo sobre os medios de comunicación, tanto públicos como privados, como este que preside Rajoy. Que ten no ámbito autonómico máis próximo a nós, Galicia, un imitador ben aplicado, Feijóo, que mantén perfectamente engraxado o sistema clientelar de reparto de subvencións co que asegura de entrada a neutralidade deses medios sobrecolledores, e en épocas electorais o trato preferencial e o tratamento indutista que el soubo aproveitar desde o 2009. E para que non quede ningunha fírgoa pola que un profesional con criterio poda filtrar noticias incómodas, ademais de converter aos mandos intermedios das televisións públicas en cans gardiáns das súas políticas e das súas esencias partidarias, e aos das televisións e demais medios privados en alguacís de canto os preserva de non contrariar a quen tamén lles dá de comer (concesións, a publicidade que lle quitaron aos medios públicos, etc.), utilizan outra estratexia cara abaixo.

Velaí a defenestración do xornalista Cintora, director e presentador de Las mañanas de Cuatro, sacrificado inmediatamente despois das eleccións andaluzas malia ter acadado uns moi considerables niveis de audiencia nesa canle. O goberno asegura así que a través de terceiros –neste caso, a través da rendición de Vasile e de Mediaset– lles cheguen aos demais medios un aviso para navegantes. Sen desprezar para nada a infiltración dunha auténtica lexión de propagandistas nos mil e un faladoiros radiofónicos e televisivos que se programan a diario por España adiante. Sempre aparentando a pluralidade de voces que nunca é tal.

Tempos Novos, número 216 (maio 2015)

______________________________________________________

PORQUE AINDA ESTAMOS A TEMPO

Son os medios de comunicación os que, adaptándose a cada realidade política, social e económica, lingüística e cultural diferenciada, viabilizan o proceso de complementariedade entre o denominado espacio global de fluxos informativos, que son os que en boa medida crean o efecto da mundialización, e o espacio de lugares, ou o espacio das identidades emerxentes. E han ser tamén factores constitutivos de identidade, un obxetivo que poderán cumprir na medida en que garantan internamente a cohesión e vertebración social do país.

No sistema galego de medios hai importantes e influintes xornais que viñeron resistindo con eficacia as envestidas expansionistas de empresas foráneas. Da súa subsistencia dependerá en boa medida a existencia dun sistema e dun espacio de comunicación propio. Sen embargo, ofrecen síntomas preocupantes: están inmersos nun proceso de crecente desprofesionalización, viven involucrados nunha dinámica mercantilista que os afasta da función social para a que foron creados, e amosan unha empobrecedora estandarización das súas axendas temáticas.

Eis polo que se fai imprescindible poñer en marcha iniciativas como a de Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S.A., unha sociedade que naceu co propósito de entrar a formar parte do sistema galego de medios, para pluralizalo e para enriquecelo. Cantos o fixeron posible asumen que con este tipo de iniciativas os públicos aseguran a súa presencia no diálogo social que precisan o sistema democrático e o autogoberno. Porque a democracia non a podemos reducir a unha mera forma institucional. Hai que lle conferir un sentido que faga posible o desenvolvemento da comunicación social, e que a propia sociedade poida facerse cargo dos seus problemas. Todo isto porque “fronte ós fluxos informativos globais, seguimos formando parte dunha cultura, dunha identidade cultural múltiple e elástica; seguimos vivindo a experiencia do social a partir dunha identidade específica, localizada” (M. Wolf).

O lector ten nas súas mans o primeiro dos proxectos de Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, a revista TEMPOS NOVOS, unha publicación inicialmente de periodicidade mensual que se propón reflectir nas súas páxinas a pluralidade que xa está de manifesto na composición do seu accionariado. No seu ideario aparece o compromiso de pensala, planificala e proxectala con criterios profesionalis e xornalísticos, sendo ó tempo unha plataforma para o debate de ideas. Un modelo orientado cara ó xornalismo de investigación e de opinión, que se ha concretar mes a mes nun produto intelectual contrastado e rigoroso. Unha publicación de calidade, en definitiva, que responda con absoluta independencia ás esixencias dunha Galicia posible e plural.

Tomando prestadas as palabras que en 1925 escribira Rafael Dieste en El Pueblo Gallego, hai que dicir que esta revista ten o deber de crear o seu propio público e de enriquecer o nivel intelectual dos seus lectores. Ese será o noso deber. Pero tamén será ese o noso pracer.. Imos ó encontro dun público renovado, o máis dinámico, o máis activo, ese que se sente decepcionado pola actitude coa que se dirixen a el os medios tradicionais, que se gaban de construir moi ben a información de acontecementos a costa de minimizar e de ocultar os conflitos de ideas. Esta revista quere contribuir a crear ese público esixente, crítico e autocrítico á vez, e só o vai poder facer desde a liberdade de pensamento. Cantos a facemos posible somos conscientes de que a calidade da información que difunda debe seguir asociándose ó coñeemento do contorno -cultura- e á capacidade de participación -política-, pero tamén e decididamente a tódalas distintas esferas da práctica social. Só asi poderemos potenciar en Galicia o seu espacio público que é, evidentemente, a condición máis decisiva para a democratización e a consolidación do seu espacio político.

Cae de caixón, xa que logo, que esta publicación teña un discurso democrático e propio, honesto e socialmente comprometido, que contrarreste o discurso oficial, pretencioso, autoritario, poderoso, que afoga e nega calquera outra opción. Apostamos entón por unha nova cultura xornalística que se ha plasmar en TEMPOS NOVOS cada mes, a partir de maio: nese buscar con profundidade e rigor intelectual as causas e as consecuencias de canto protagonice, máis alá da simple actualidade, o devalar de Galicia nesta hora de sobresaltos; nese estarmos atentos a canto suceda extramuros -en Europa, no Estado…no mundo-; nese saber levar ás páxinas de opinión, de debate e de crítica as novas correntes de pensamento, as novas tendencias sociais e políticas, as novas propostas artísticas e literarias.

Porque aínda estamos a tempo.

Tempos Novos, número 0 (1997)

___________________________________________

TRES ANOS ENERXÉTICOS

Unha escola de enerxéticos. Iso é o que debera ser sempre un medio de comunicación, como escribira Villar Ponte cando a saída do Galicia, aquel xornal co que Castelao e Paz Andrade tentaron neutralizar nos anos vinte ós diarios-oficiña, unha especie que volve ter agora unha máis ca notable presencia entre nós. Cantos hai tres anos puxemos en ruta TEMPOS Novos –120 persoas ás que se sumaron recentemente outras trinta- non temos semellante pretensión. Iso queda para cando finalmente asente na sociedade pensante a urxentísima necesidade de poñer na rúa unha empresa editora e un diario de calidade, culto, profesional, independente dos poderes establecidos, urbano, con vontade de facer país.

Unha alternativa contra corrente, e por iso creíble, a única maneira de subsistir con honra, e xa que logo con influencia. Se se quere, con poder. A nós tócanos seguir dimensionando, a escala, os bimbios cos que é preciso fabricar nun día próximo ese producto ou productos. Renunciamos ó xornalismo ligth dos diarios-oficiña, que é xa unha peste. Non nos deixamos empadroar. Desafiamos o bilingüismo harmónico, por tramposo. Facemos e seguiremos a facer da revista un ágora no que, sen outros requisitos que os da honestidade democrática e intelectual, conviven xentes de diversas correntes ideolóxicas e de pensamento.

Temos, xa que logo, vocación de enerxéticos. Proxectos coma este, que existen, e canda eles outros moitos de ámbito local ou de orientación especializada, forman a verdadeira masa crítica da comunicación en Galicia. Un xornal é, debera ser, un volcán que vomita ideas. Basilio Álvarez, o axitador agrario, describírao asi en La Zarpa, aquel outro xornal enerxético. No sistema galego de medios abunda outro modelo. Os comunicadores, xornalistas e demais figuras profesionais, vense obrigados a practicar o que os americanos chaman pack journalism, quérese dicir, o xornalismo de bolsillo, receptores e nunca actores participantes na construcción das axendas informativas de cada día. Medios e xornalistas buscaron demasiados aliados, demasiados recorridos seguros dentro das diferentes cidadelas do poder, e acabaron por alonxarse demasiado da sociedade e da opinión pública, deixando de facer pé no país. Velaí a razón do seu descrédito.

Unha prensa alternativa e plural –profesional, competitiva, de calidade e enerxética- faise asi imprescindible para a rexeneración democrática de Galicia, pois que unha boa parte da súa poboación máis activa, aquela que non se ve a si mesma formando parte dese batallón de anónimos céntricos, centristas e centrados, está orfa de medios nos que verse representada. A identidade ideolóxica dos diarios galegos é única. Analizándoa polo miúdo, sempre tivemos prensa única. Máis ou menos profesionalizada, pero única. ¿Ula diversidade que as institucións políticas deberan provocar coa fin de cubrir o máis posible a variedade ideolóxica que se constata desde sempre no país? O segmento social da esquerda, nas súas acepcións socialdemócrata e socialista, e de maneira máis simplificada, aquela parte da poboación galega que pensa e vota progresista, e que está polo mesmo identificada con proxectos económicos e sociais que inclúen políticas expansivas do estado de benestar, síntese mediaticamente abandonada.

Os medios de comunicación galegos, públicos e privados, están moito máis á dereita que a dereita europea. Porque se identifican cunha dereita de baixos vós. Medios, moitos xornalistas e comentaristas siguen o discurso dos que só se empeñan en manter o estatu quo. Abonda con comprobalo analizando o seu comportamento durante a última campaña electoral. ¿Disentiu algún desa idea, tan unívoca como imposta desde os cenáculos dos poderes político e económico, segundo a cual un triunfo socialdemócrata conlevaría a expansión do gasto público, e desa maneira España nunca podería manter o seu benestar económico? Non se lles botaría en cara tal alineamento ideolóxico se non fose porque o fixeron a oscuras, sen analizar antes os resultados que para o estado de benestar deu esa mesma política durante os últimos anos.

¿Que en qué deu? O gasto público e social diminueu porcentualmente respecto do PIB (producto interior bruto): desde un 22’5 por cento en 1996 a un 20’7 por cento en 1999, distanciándose aínda máis do gasto social medio na UE. Tamén baixaron os fondos públicos estatais á seguridade social que financia as pensións, que son por certo as máis baixas da UE. O gasto público sanitario non farmacéutico é, per cápita, dos máis baixos da UE, descendendo tamén o gasto educativo dun 4’97 do PIB en 1996 a un 4’84 en 1999.

O prestixioso historiador Eric Hobsbawm denunciaba nunha entrevista recente o debilitamento progresivo do espazo público, e polo mesmo, de todo o que ata agora entendemos por política nas sociedades liberais e democráticas. A teoría do mercado libre sostén que non hai ningunha necesidade da política, dicía o pensador inglés, porque a soberanía do consumidor prevalece sobre calquera outra consideración (…) permitíndolle satisfacer tódolos seus desexos e necesidades. A democracia estaría por iso en perigo. Cando menos, hai que temer pola súa progresiva desnaturalización. ¿Como evitalo? En boa medida, pluralizando e diversificando as canles de información e comunicación. Sobre todo nos tempos que corren, cando se configura a todo trapo a denominada sociedade da información. Galicia está nesa situación de déficit por partida doble. Somos un país de prensa única no tempo do pensamento único.

Necesitamos medios alternativos, enerxéticos. Como TEMPOS Novos nestes tres primeiros anos de vida. Por intereses de orixe e de poleiro, estamos a anos luz de podermos institucionalizar o espacio galego de comunicación. O recentemente creado Colexio de Xornalistas tería que provocalo. E sería irresponsable que desde a Facultade de Ciencias da Información non se analizasen as causas que o impiden. Entre elas, a deslealtade coa que o poder político actúa en materia de medios con Galicia –velaí a entrega da radio a grupos madrileños-, e a discriminación coa que vén castigando a uns –xusto aquelas publicacións que se negan a facer xornalismo de bolsillo- e premiando a outros –aqueles ós que Villar Ponte descalificaría de novo graficamente como diarios-oficiña-.

Tempos Novos (número 35, ano 2000)

__________________________________________________

Tempos Novos, novos tempos

Democracia mediática

Valeu a pena. TEMPOS Novos foi nestes cen primeiros meses de vida vixía incorruptible e faro iluminador de ideas e conciencias. Sen obediencias debidas, sen outra munición que a dos principios e valores cívicos, sen a baixada ás caldeiras do lixo mediático, sen os privilexios que dá o poder a cambio de submisión, sen convenios de compra-venda informativa, nin perversos compadreos xornalísticos, nin premios precociñados. Este é o seu aval. Foi así como sobreviviu a oito anos de seca democrática nun pobo aparentemente afásico, coa maior parte dos seus activos empadroados baixo pontificado fraguista, e sen máis padriños que os 150 cidadáns libres que lle deron ás, ese medio milleiro de colaboradores que lle viñeron garantindo o vó, eses milleiros de lectores que a fixeron social e politicamente útil, ese medio cento de clientes publicitarios que a seguen considerando un soporte de prestixio.

Un miragre, din cantos experimentaron nas súas carnes as consecuencias da seca. Pero non. TN é un producto cívico e profesional, e non ten por iso nada de sobrenatural. Ese carácter gañárono a pulso outros medios de comunicación que aceptaran convertirse en sobrecolledores mutantes a cambio de renunciaren a ser un contrapoder, esa función laica, por democrática e terreal. A que nós practicamos, como moi ben saben os nosos lectores. Non podía ser doutra maneira. No arranque do novo milenio, a construcción da nación, a da súa identidade como proxecto estratéxico, require un marco político específico, un territorio institucional que na sociedade contemporánea é, sobre todo, un espazo de comunicación. Sen el, sería imposible a consolidación dun espazo público, que é o que nunha sociedade democrática estrutura a vida política, as relacións entre as institucións e a organización das comunicacións sociais.

Os medios convertéronse nun dos máis eficaces axentes de socialización. Aparte de difundiren informacións, contribúen á cohesión e interacción social, satisfan demandas culturais, lexitiman organizacións e movementos sociais, actúan como factores de modernización e innovación. Cumpren, asímesmo, unha función política esencial: exercen como defensores das liberdades públicas, garanten a participación na acción social e na propia acción política, e controlan ao poder. Teñen, ademais, entre as súas funcións prioritarias a de crearen un universo simbólico común a todos os membros que integran a comunidade social e política na que actúan e inflúen. Xa non cabe, pois, avanzarmos nos procesos de construcción identitaria –a progresiva conversión das identidades colectivas étnicas en identidades colectivas nacionais- á marxe dos medios de comunicación. Son copartícipes necesarios da estratexia que un pobo, país ou nación desenvolve con vontade colectiva, en aras da súa propia capacidade de autogoberno e vertebración social. Nesa complicidade soubo manterse TN.

Tócalles aos medios ser factores de equilibrio entre o que Manuel Castells chama espazo de fluxos –aquel no que se plasma a tendencia á homoxeneización de culturas- e o espazo de lugares –aquel no que se realimentan as singularidades e a pluralidade de culturas-. Fan viable desta maneira o proceso de complementación entre espazos, véndose obrigados a readaptar as súas funcións tradicionais para, co auxilio das novas tecnoloxías, contribuir á creación dunha sociedade máis periférica, que conecte coas dinámicas de descentralización a que dá lugar unha organización do mundo en rede. E coa descentralización política do Estado, no noso caso. Niso radica a emerxencia do local como fenómeno social, ou como fenómeno xeopolítico e, xa que logo, comunicacional. Todas as variables, en definitiva, que referencian o espazo público en cada sociedade ou comunidade nacional. TN foi consciente desta súa responsabilidade equilibradora.

Espazo público e espazo de comunicación

Que non o entendan así as políticas de comunicación e cultura, por unha parte, e os diferentes actores que actúan desde o público e desde o privado no sistema mediático galego, pola outra, comportaría autolimitarnos como cidadáns e autolimitarse eles mesmos na capacidade institucional, política e cultural que nos asiste. Fracasaría o novo goberno de Galicia se non proxecta esas políticas en redimensionar o espazo público, e o seu correspondente espazo de comunicación. Porque é no que se vai librar a batalla contra canto, empapado pola lóxica do mercado a que dá pé a globalización neoliberal, ameaza a un tempo a diversidade cultural, a liberdade de expresión, a liberdade de información e o pluralismo. Fracasarían os medios públicos, porque non reforzarían a soberanía do cidadán por contraposición coa soberanía do consumidor, cando naceron precisamente para ecoloxizar a paisaxe social que a lóxica do mercado tende a contaminar. Fracasarían, en fin, os medios privados porque, aparte de por cumprir co que é normativo –o dereito que a cidadanía ten a producir e recibir información veraz-, só poden sobrevivir na medida en que saiban satisfacer as novas demandas sociais, derivadas en boa medida da inseguridade individual e colectiva en que dá a emerxencia e confrontación de múltiples identidades.

Co fraguismo dacabalo da autonomía, e cos medios públicos e privados pexados, non foi posible até agora marcar xurídica e politicamente ese itinerario democrático, transversal a todos e cada un dos segmentos sociais nos que emerxe a nación que somos e a nación que queremos ser, cívico e interactivo. Malgastaron asímesmo os fraguistas a capacidade estatutaria para consolidar un espazo de comunicación propio: escravizaron os medios públicos, anestesiaron á maior parte dos privados, favoreceron a colonización do sistema radiofónico e, xa en funcións, o goberno de Fraga Iribarne regaloulle á COPE a televisión dixital que pretendía un pool de empresarios autóctonos. Foi así imposible institucionalizar de maneira definitiva o espazo público galego. Este terá que ser o obxectivo prioritario do novo goberno. O primeiro dos retos que terá que afrontar para conseguilo será o da democratización e reconfiguración do sistema mediático –para o que, entre outras cousas, haberá de retrotraer todo o proceso de concesións de televisións e radios dixitais-. Será como fará posible a institucionalización do espazo de comunicación, e a do espazo público que se active con el.

Non o poderá conseguir se non rompe radicalmente coa estratexia mediática que lles dera a Fraga Iribarne e ao seu réxime vara ancha en medios públicos e privados. Empezaría a caer polo seu pé un goberno que non fose quen de cumprir nun prazo breve de tempo a promesa de desgubernamentalizar e democratizar os medios da CRTVG. Ou que se limitase a facer transparentes as relacións cos medios privados, sen antes revisar a natureza mesma desas relacións. TN veunas denunciando sen reservas. E non deixará de facelo se todo volve ás andadas. Porque é a calidade da nosa democracia e do noso autogoberno o que está en xogo. Algo moito máis importante que a supervivencia de tres ou catro cabeceiras/sostén. As políticas de comunicación e cultura vixentes nos países europeos de máis tradición democrática poden ser o seu referente.

Os prazos que precisan as leis e as normativas de consenso non poden xustificar que, aínda que sexa transitoriamente, este goberno caiga nas anomalías do que o precedeu. Non se entendería, e sería de todo punto rexeitable, que os medios públicos fosen outra vez víctimas da voracidade partidista. Refundar, democratizar e revitalizar a TVG e a Radio institucional, con todas as alarmas acesas, pasa xa desde agora por darlles unha dirección única, sen cotas, con autonomía para configurar un equipo de persoas cualificadas que conecten e sexan sensibles co que se entende por servizo público: a calidade e a veracidade, a diversidade, a innovación, a diferenciación e a reflexión sobre a cultura nacional. Non pasa por poñelas en almoneda do bipartito. Non son un botín de guerra. Son un instrumento ao servicio dos cidadáns, os seus auténticos propietarios. Ao presidente Emilio Pérez Touriño e ao vicepresidente Anxo Quintana vailles nese envite o seu crédito político e persoal.

Porque TN vese comprometida nese proxecto comunicativo global, é polo que se reafirma incorruptible e vixiante neste tempo novo. Político, social, cultural e mediático. Un desafío para o que nós tamén somos necesarios.

Seguirá valendo a pena.

Tempos Novos (número 100, ano 2005)

_______________________________________________

AS CRISES DA PRENSA E A CREDIBILIDADE DE TEMPOS NOVOS

Moito antes que as burbullas tecnolóxicas, inmobiliarias, bursátiles e financeiras, xa existía unha burbulla do coñecemento. Baseábase nunha visión economicista do mundo, e delega no mercado a solución a tódolos problemas. A información tamén queda sometida, como calquera outra mercadoría, ao valor de cambio. Por mor diso, a propiedade dos grandes medios de comunicación concéntrase nas mans duns poucos grupos industriais e financeiros, un proceso imparable que reduciría perigosamente os níveis de pluralismo e diversidade. É a prensa escrita a que máis vai sufrir as consecuencias desa mutación. Coa explosión tecnolóxica, que alumbrou a Internet, o negocio da información acada cotas ata entón inimaxinables, grazas en boa medida ao transformismo que se opera no ancho e proceloso mar da comunicación. Ao que contribúen os medios audiovisuais, e de maneira especialmente cautivadora, a televisión.

A transición entre séculos ía resultar para a prensa escrita moito máis traumática do que se presentía. Establécese nun primeiro momento unha confrontación entre os tradicionais e os novos medios para dilucidar a posición xerárquica que ocuparían uns e outros. Dese puxilato saíu noqueada, vendo como os seus lectores emigran a bandadas cara os audiovisuais e Internet. A caída de lectores xeralízase a ambos os dous lados do Atlántico. Pechan xa daquela numerosas publicacións en todo o mundo. Moitas cabeceiras de referencia, como os influíntes International Herald Tribune (EE.UU.) e Financial Times (Reino Unido), impóñense entón un adelgazamento das súas estruturas empresariais e de producción, facendo desaparecer milleiros de empregos. Algúns dos máis importantes grupos editores, por caso os franceses Socpresse e Hachette, quedan baixo o control de empresarios tan pouco recomendables como os fabricantes de armas Dassault e Lagardère. Un xornal francés de referencia, o noutrora maoísta Libération, pasa neses anos a mans do banqueiro Rothschild. A mediados do 2005, nos países da Unión Europea vendíase cada día un millón de exemplares menos que dez anos antes.

Pero o peor aínda estaba por chegar. A crise económica que padecemos está manifestándose no ámbito das empresas de información á maneira dun auténtico tsunami. A caída en picado da publicidade e dos créditos ten un efecto boumerang na prensa escrita, que xa viña padecendo o progresivo abandono de lectores, sen que exista a máis mínima posibilidade de recuperalos entre as xeracións máis novas. A suspensión de pagos –por caso, o grupo editor do Chicago Tribune e de Los Ángeles Times, con máis dun millón de exemplares diarios en total-, a hipotecación do patrimonio –por caso, o rañaceos que ten en Manhattan o New York Times-, a venda de cabeceiras ao mellor postor –por caso, o Miami Herald, cuxa edición en español é o xornal na lingua de Cervantes máis lido en EE.UU. e América Latina-, as migracións do papel ao formato dixital –por caso, o Seattle Post-Intelligencer, do grupo Hearst-, os recortes de recursos e de persoal –por caso, os diarios El País e ABC, respectivamente, ou os galegos La Voz de Galicia, La Región e Diario de Pontevedra-, son síntomas desa depresión acelerada.

O recurso ás subvencións, que se incrementa en momentos de crise, forza por outra parte un outro nível de dependencia de non menor risco para a función de mediación á que se deben medios e xornalistas. O vínculo institucional que se establece cando se recraman apoios oficiais para sofocar as consecuencias da recesión, agora mesmo tan insistentes e ata retadores lonxe e perto de nós, fai que os medios se volvan máis tolerantes do que xa o veñen sendo cos gobernos de turno. E cos poderes económicos, toda vez que tamén han recurrir aos créditos con esa mesma finalidade. A crise equival, xa que logo, a un debilitamento das funcións vítreas da prensa nun estado democrático, que se resumen en exercer como un contrapoder. Os lectores de TN coñecen moi ben ata onde chegou en Galicia esa perversa relación, que demos en considerar corrupta, entre as empresas de comunicación galegas e o poder político, con Fraga Iribarne e con Pérez Touriño á fronte dos seus correspondentes executivos –os primeiros indicios dín que Núñez Feijóo reeditará a perversión do modelo-. Esa complicidade non é gratis. Ten as súas cargas, inevitablemente ligadas á compra/venda de información.

Denuncialo durante todos estes anos, e negarse a entrar polo aro dos convenios de compra/venda da nosa liberdade crítica, tivo para esta revista uns costos moi altos. Así, e por vía de exemplo, por orde expresa de Fraga non tivo acceso durante os seus moitos anos de reinado á publicidade institucional, mesmo presionou para que Renfe lle acabase retirando as súas campañas, teimando en que desa maneira acabaría con ela. E xa no bipartito, Antón Losada cortoulle tamén a publicidade institucional da vicepresidencia de Anxo Quintana, en castigo pola publicación dun artigo do analista Justo Beramendi crítico coa súa xestión. O nome da revista está proscrito nos outros medios galegos. Como o estivo nos medios públicos, e de maneira especialmente visible na TVG, por térmonos convertido en perseguidores dun novo estatus xurídico que lles dera a autonomía administrativa, política e profesional da que aínda carecen.

O compromiso de TN cos lectores

A prensa escrita e o xornalismo están nas súas horas máis baixas. Polas podas ás que se viu e se ve sometida en tempos de forzada mutación tecnolóxica –competindo en inferioridade de condicións cos audiovisuais e con Internet- e de non menos forzada crise económico/financeira. E polo que deriva delas: a rebaixa, cando non o sacrificio, das esixencias que garanten dereitos fundamentais da cidadanía, o da liberdade de expresión e o de producir e recibir información de calidade, dacordo cos criterios aos que han ter que acoplar a súa dilixencia profesional medios e xornalistas: os de obxectividade, veracidade, pluralismo e diversidade. Compoñentes todos eles da ideoloxía da información. Traicionándoa, que é como mellor se valora a decisión de trocar liberdade por seguridade, fíxose inevitable a perda de credibilidade da prensa escrita.

Cada vez hai máis cidadáns que toman conciencia da situación, e se amosan sensibles respecto das manipulacións mediáticas, convencidos de que, por paradoxal que pareza, nunca como agora vivimos nun estado de tanta inseguridade informativa. Prolifera a información, pero sen garantías de fiabilidade. A cidadanía é vítima do xornalismo especulativo e do que utiliza os códigos do espectáculo en detrimento do xornalismo de información. A posta en escea –o embalaxe- predomina sobre a verificación dos feitos.

En semellante contexto, os fundadores e o equipo de redacción de TEMPOS NOVOS aproveitamos a chegada aos primeiros 150 números de vida para comprometérmonos na tarefa de mellorar os seus contidos, e de avanzar en credibilidade. Sabemos que tanto a súa supervivencia en tempos críticos –o actual sobrepasa a tódolos demais, e por iso buscamos chegar a espazos e públicos máis amplos- como esa avanzada só as podemos conseguir se non traizoamos a confianza dos lectores. Non o fixemos antes, nin o faremos nunca. TN é a publicación da sociedade en movemento, da crítica social, dos que queren que o mundo e Galicia cambien. Porque estamos convencidos, tal e como reza mes a mes na súa cabeceira, de que da calidade da información, e da opinión plural que a analiza e interpreta, depende a do debate cívico. Que é o que en definitiva determina a riqueza da democracia, e a do noso autogoberno. En galego, naturalmente.

Tempos Novos (número 150, ano 2009)

Algúns dereitos reservados - Tempos Dixital 2011